O Colexio de Enxeñería Técnica Forestal de Galicia (Coetfg) vén de cumprir 25 anos, un aniversario que a entidade celebrou cun encontro dos seus socios. O obxectivo era dobre, facer un repaso pola traxectoria do Colexio, con importantes fitos na súa historia, e marcar desafíos de futuro para a profesión e para a propia entidade.
Antes de que se crease o Colexio de Enxeñería Técnica Forestal de Galicia (Coetfg), a finais da década dos 90, os titulados galegos estaban englobados no Colegio que existía a nivel estatal, que era único. Como daquela non existían os sistemas dixitais, todos os trámites tiñan que facerse con papel e a única formación que se impartía era presencial. Tratábase dunha situación que os colexiados de Galicia vían pouco práctica e naquel entón, 38 persoas xuntáronse para poñer en marcha o Coetfg.
“Foi unha aposta complexa, que no seu día xerou reticencias, pero que se demostrou moi útil en tarefas como a xestión de visados e o acompañamento ós colexiados”, repasa a xerente do Colexio, Patricia González. Desde o seu inicio, a entidade foi dando pasos progresivos, primeiro coa apertura dunha sede física e logo coa creación dunha sede dixital, un fito no seu día, pois foi a primeira dun colexio profesional en Galicia e a terceira en España.
Consolidada a súa liña de servizos, na actualidade e de cara ó futuro o Colexio oriéntase a defender as atribucións da profesión ante a Administración e a sociedade. “Cando se pensa na enxeñería técnica forestal, existe con frecuencia a impresión de que a nosa cualificación límitase a actuar no ámbito forestal e no de incendios, cando en realidade hai outros ámbitos, como o mediaombiental, o industrial ou o de prevención de riscos laborais que entran dentro das nosas competencias”, subliña a xerente do Coetfg, Patricia González.
“Dar a coñecer os servizos que pode prestar a profesión, tanto ante a sociedade como ante a Administración, é e será unha das grandes batallas que temos por diante”, conclúe Patricia González.
O encontro do Coettg, que se celebrou o pasado sábado no Pazo de Adrán (Calo, Teo, A Coruña), estivo presidido polo actual equipo directivo, encabezado por Santiago García (decano), Mercedes Rois (secretaria) e Beatriz Carrera (vogal). A xornada incluíu unha mesa coloquio entre tódalas persoas socias asistentes, na que se debatiu sobre o desenvolvemento da profesión e as súas orientacións de futuro. Asimesmo, de cara a dinamizar a labor da entidade, acordouse a creación de grupos de traballo internos, que fomenten a participación e sirvan de apoio ó Colexio.