Vendima 2021: Galicia prevé unha colleita récord de máis de 73 millóns de quilos de uva

O balance provisional apunta a unha colleita récord de 73 millóns de quilos dunha gran calidade. Agás nas Rías Baixas, onde a uva Albariña tivo unha gran demanda que elevou os prezos, no resto de DOs mantéñense as cotizacións dos últimos anos

Publicidade
Vendima 2021: Galicia prevé unha colleita récord de máis de 73 millóns de quilos de uva

Traballos de recollida da uva en parcelas da DO. Rías Baixas.

A vendima está case rematada en boa parte das zonas vitícolas de Galicia. Apenas quedan xa algunhas das variedades máis tardías e especiais por recoller nalgunhas adegas. A Ribeira Sacra é a excepción, onde tras rexistrar o pico de recollida nos últimos días, nesta semana aínda teñen unha cantidade importante de uva por recoller.

As cifras provisionais manexadas dende os distintos Consellos Reguladores apuntan a que esta vendima deixou importantes producións. Estímase que se recolleron uns 73 millóns de quilos de uva producidas baixo o amparo das cinco Denominacións de Orixe (DO). Isto suporía case un 21% máis que os 60,4 millóns de quilos vendimados o ano pasado en Galicia. 

As chuvias marcaron o compás desta vendima facendo que nalgunha zonas os viticultores apuraran a recollida, pero sen chegar a causar grandes incidencias nin a afectar á calidade dos acios, máis ben o verán húmido evitou os episodios de estrés hídrico que viñan sufrindo as cepas nalgunhas DO nos últimos anos.

Rías Baixas

En Rías Baixas cumpríronse as previsións e esta é unha das vendimas con maior produción de uva ó amparo da DO. Case finalizada a recollida, atópanse xa nos 43.600.000 quilos de uva – en 2020 a colleita foi de 34,4 millóns de quilos de uva-. “Contamos ter rematada a vendima a finais desta semana”, explica Agustín Lago, director técnico do Consello Regulador. “Foi unha vendima moi abundante e que nos aguantou ben, pese a que nos inicios o tempo complicou algo os traballos”, recorda.

“Foi unha vendima moi abundante e que nos aguantou ben, pese a que nos inicios o tempo complicou algo os traballos”

As primeiras uvas, destinadas principalmente para escumosos, recolléronse xa a finais de agosto. Mais, a vendima arrancou a comezos de setembro e a segunda quincena dese mes foi onde se concentrou o gran volume de recollidas. “Está todo moi adiantado, xa só queda rematar algunhas parcelas no Rosal e algúns tintos”, explica Lago.

Aínda pendentes de como se desenvolva as fermentacións, parece que se están a rexistrar graduacións algo máis baixas do que viña sendo habitual nos últimos anos. “Tivemos un verán máis frescos e iso contribúe a baixar as graduacións, aínda que é certo que estabamos a ter unhas graduacións moi elevadas nas últimas campañas con medias de 13 graos e que probablemente este ano a media estará nos 12 ou 12,5 graos”, apunta Lago.

Vendima Rias Baixas Martin Codax 2021

Recollida da uva en parcelas da adega Martín Codax, en Rías Baixas. // Foto Martín Codax.

O Ribeiro

No Ribeiro dan case por rematada a vendima, xa só quedan por recoller mínimas cantidades nalgunha adega. “A colleita da uva levouse a cabo cun bo estado sanitario e con parámetros de calidade excelente”, apunta Juan Casares, presidente do Consello Regulador.

As cifras provisionais deixan unha colleita de 9,9 millóns de quilos. “Tal e como previamos, situámonos en cifras semellantes ás do ano pasado, cando acadamos os 9,5 millóns de quilos”, detalla Casares. A diferencia con respecto da colleita anterior veu dada polo estrés hídrico que sufriran as cepas no verán de 2020 o que fixo, segundo apuntaba Casares, que a pesar de ter boa colleita os acios pesaran menos.

“As inclemencias meteorolóxicas supuxeron un sobreesforzo para os viticultores”

Nesta ocasión, as chuvias marcaron a recollida e deixaron rendementos máis altos. “As inclemencias meteorolóxicas supuxeron un sobreesforzo para os viticultores, pero de novo se recolleron as uvas no momento axeitado para elaborar viños que volvan ser campións nos certames”, valora Casares.

Ribeira Sacra

Na Ribeira Sacra aínda queda unha importante cantidade de uva por recoller e agardan que os traballos se prolonguen tamén durante a fin de semana. “O pico forte da campaña produciuse a semana pasada, pero hai bastante uva por recoller”, explica Beatriz Soto, directora técnica do Consello Regulador.

“A uva foi entrando dun xeito gradual e pese as chuvias, a vendima levouse a cabo en boas condicións”

O último reconto apuntaba xa a 5,5 millóns de quilos de uva recollida e agardan estar por encima dos 6 millóns, superando os 5,2 do 2020. “Está a ser unha vendima longa, xa que levamos dende o 28 de agosto, cando comenzaron a recollerse as primeiras uvas”, explica Soto. “A uva foi entrando dun xeito gradual e pese as chuvias, a vendima levouse a cabo en boas condicións”, concreta.

Coas chuvias chegouse a temer que tamén puidera producirse podredume nos acios, máis as variedades brancas, que maior risco tiñan foron tamén as que primeiro se colleitaron e así evitaron eses incidentes. “Sanitariamente a uva está entrando en moi boas condicións, xa que puido madurar ben e ó estar a ser unha entrada gradual facilita tamén que entre perfecta”, apunta Soto.

Valdeorras

En Valdeorras este ano resultaba máis complicado facer unha estimación da produción debido ás novas plantacións coas que contaban que se foron plantando. Dende o Consello Regulador apuntaban a que se podería situar nos 6,5 millóns, unha cifra que finalmente foi superada, xa que a comezos desta semana estaban xa nos 7.005.933 quilos, bastante por riba dos 5,5 millóns de qulos colleitados o pasado ano. 

Non só está a ser unha vendima de boas producións, senón que a uva amosa un gran potencial para elaborar grandes viños. “Os tres primeiros millóns de uva recollidos foron dunha calidade realmente excepcional e o resto é tamén dunha gran calidade”, indica Santiago Pérez, técnico do Consello Regulador. “Os secos viñan xa cargados de mosto e de rendementos altos o que fará viños espectaculares”, detalla. A media dos mostos está en 13 graos e os tintos nos 12,5 graos. “É unha vendima con maior acidez, polo tanto tamén máis aromática e fresca. É unha vendima máis atlántica”, indica o técnico.

“É unha vendima con maior acidez, polo tanto tamén máis aromática e fresca”

Nestas terras a vendima arrancou tamén o 28 de agosto e quedan xa só por recoller as variedades de ciclos máis longos. Tal e como recoñecen dende o Consello Regulador, hai anos que as chuvias non aparecían na vendima, onde os produtores están cada vez máis centrados en afrontar novos retos do quecemento global como o estrés hídrico que moitas veces sofren as cepas. “Este foi unha vendima na que se volveu ter que recoller a uva, como ocorría hai anos, pendentes de sacala antes de que viñesen as chuvias que acompañan ó equinoccio do outono”, apunta Pérez.

Datos vendima 2021 na DO Valdeorras

Cantidade de uva recollida das diferentes variedades en Valdeorras a 6 de outubro, cando aínda permanecían abertas cinco adegas. // Gráfico elaborado polo Consello Regulador.

Monterrei

Na DO Monterrei agardan dar por finalizada a vendima esta mesma semana e as cifras que manexaban a comezos de mes daban conta xa dunha recollida récord con 5.930.000 quilos, fronte ós 5,6 millóns recollidos no 2020. “Agardamos chegar ós 6 millóns e acadaremos unha produción récord no volume de quilos”, apuntan dende o departamento técnico do Consello Regulador.

Aproximadamente o 70% da uva recollida pertence a variedades brancas, onde predomina o Godello seguido de Treixadura. Mentres, nos tintos boa parte dese 30% de uva é de Mencía, seguida de Arauxo. “Séguese a tendencia dos últimos anos que reflicte a demanda dos mercados”, indican.

“Non foi unha vendima tan sinxela como a do ano pasado, pero a colleita das uvas fíxose no punto óptimo”

Do mesmo xeito que no resto de zonas produtivas, as chuvias foron un condicionante que marcou os tempos de recollida. “O ano pasado tivemos unha recollida excepcional, xa que as condicións meteorolóxicas permitiran unha recollida moi paulatina. Este ano as chuvias aceleraron a recollida dalgunhas variedades e zonas, non foi unha vendima tan sinxela como a do ano pasado, pero a colleita das uvas fíxose no punto óptimo”, explican dende o Consello Regulador.

En Monterrei, as primeiras uvas comezaron a recollerse o 6 de setembro, co que a vendima prolóngase pouco máis dun mes.

A uva Albariña, a máis cotizada

Terra_de_Asorei_uvas_albariño

Vendimando albariño. Foto: Adega Terra de Asorei

Á hora de falar de prezos, en boa parte das DO parece que se están a manter as cifras dos últimos anos. “Polo momento aínda só se pode falar de prezos de referencia, porque ata finais de mes ou mesmo novembro moitos colleiteiros non saberán realmente a canto lle pagaron a uva, xa que aínda que é obrigatorio ter contratos asinados, a realidade é que seguen a asinarse os contratos unha vez finalizada a vendima ou mesmo coa uva no remolque á entrada da adega, o que deixa moi pouca marxe de negociación ós viticultores”, valora Carlos Basalo, responsable de Unións Agrarias no Ribeiro.

Este ano destacou a gran demanda que houbo por parte das adegas das Rías Baixas o que levou a un incremento dos prezos da uva Albariña. “Nas Rías Baixas houbo un mercadeo importante. As adegas precisaban uva e mesmo tiñan medo a perder a produción, co que en casos puntuais a uva chegou a pagarse por encima dos 2 euros o quilo”, explica Basalo. Mesmo acadou os 2,30 euros nalgunhas producións puntuais e especiais. “Pese á pandemia, as adegas conseguiron abrir novos mercados e houbo demanda de uva e de media o viño pagouse arredor de 1,60 euros máis IVA”, explica José Manuel Parente, responsable de viticultura no Sindicato Labrego Galego (SLG).

No Ribeiro, as uvas de Treixadura sitúanse entre os 1,20 e os 1,40 euros, prezos habituais nos últimos anos. Os prezos poden chegar a oscilar en gran medida en base ás características dos acios e á graduación que se logre.

Na Ribeira Sacra, segundo apuntan dende Unións Agrarias, os prezos de Mencía e Godello están entre os 1,10 e os 1,20 euros por quilo. “O Godello está collendo cada vez máis forza e estanse dando casos nos que se chega a pagar a 1,40 euros”, apunta Basalo. Algúns produtores lograron xa acadar os 2 euros con IVA por quilo por colleitas especiais, segundo sinalan no SLG.

Tanto en Monterrei coma en Valdeorras as uvas de Godello sitúanse nun prezo medio arredor de 1 euro por quilo.

Dende as organizacións agrarias continúan a reclamar maior transparencia na sinatura dos contratos para ofrecer maiores garantías ós viticultores e que estes saiban que prezos van cobrar pola súa uva se acada unhas determinadas condicións. “Non só é preciso asinar os contratos senón que haxa un rexistro público onde quede constancia deles como fan noutras zonas vitivinícolas de España onde xa a comezo da campaña saben cales serán os prezos da tempada”, reivindican dende Unións.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información