Uso de carbón vexetal en fosas de xurro para reducir as emisións e incrementar o seu valor fertilizante

Juan Castro, investigador no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam) afirma que este material ten grandes propiedades de cara a reducir as emisións de amoníaco e metano das foxas de purín e mellorar o seu valor fertilizante, mediante a súa incorporación nos materiais das camas do gando.

Uso de carbón vexetal en fosas de xurro para reducir as emisións e incrementar o seu valor fertilizante

Unha mostra do biochar de piñeiro utilizada no proxecto

O ‘biochar’ ou carbón vexetal obtense a partir dun proceso de pirólise ou queima da biomasa vexetal, en ausencia de osíxeno. Neste sentido, Juan Castro, investigador no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam), afirma que “este material ten grandes propiedades de cara a reducir as emisións de amoníaco e metano das foxas de purín, e mellorar o seu valor fertilizante mediante a súa incorporación nos materiais das camas do gando.

Estes resultados forman parte do proxecto “Biofore Plus”, coordinado pola empresa Foresin. Así mesmo, está enmarcado nas axudas de Agacal, cofinanciadas polo Feader para o apoio de proxectos piloto que desenvolvan novos produtos agrícolas, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal. Nesta optimización do aproveitamento da biomasa forestal residual e da revalorización do material extraído tamén participa a Fundación Conde del Valle Salazar e o Ciam.

Complemento ao sector gandeiro

O obxectivo da investigación é axudar a cumprir a lexislación europea e española en materia de emisións de gases á atmosfera, que carga sobre o sector vacún de leite un 45% de redución das emisións de amoníaco de aquí ao ano 2030, mentres que outros sectores como o porcino intensivo, terán que reducilas nun 9%, seguindo o Programa Nacional de Control de la Contaminación Atmosférica Miteco 2019, enviado a Europa.

En palabras de Juan Castro, que realizou unha investigación sobre o uso de biochar en fosas de xurro, “debemos recuperar o papel que tiña o monte na nosa paisaxe, como unha forma intelixente de sostibilidade da actividade agraria no rural galego, como por exemplo, na mitigación da contaminación da auga (nitratos), na compensación das emisións de gases de efecto invernadoiro ca fixación neta de CO2, ou na riqueza de elementos da paisaxe que serven de hábitat para unha rica biodiversidade”. Nun estudo realizado no Ciam, máis do 72% das granxas de vacún de Galicia tiñan superficie forestal, que en conxunto representaba case 37.000 ha.

“Todo isto ten unha conexión con que antigamente monte e gandería eran espazos complementarios” (Juan Castro)

O biochar podería ter a súa principal utilidade como aditivo para o material de camas en explotacións co gando estabulado, que producen máis emisións de amoníaco que as que teñen o gando en extensivo. A normativa europea para a redución das emisións de amoníaco e de gases de efecto invernadoiro é cada vez máis esixente. Por este motivo, Castro aporta que “é necesario saber interpretar as demandas de cumprimento da lexislación ambiental que chegan de Europa”.

É necesario buscar solucións adaptadas ás condicións do territorio, moi diferentes doutras partes de España, e que ademais non sexan tan custosas, como o é a maquinaria de inxección de xurros ou as plantas de tratamento, pero que poden ser tanto ou máis eficientes para cumprir ca lexislación ambiental. O biochar representa unha aportación neste contexto de procura de mellores prácticas para aproveitar e poñer en valor a gran cantidade de biomasa que existe nos montes galegos.

Experimentación e aplicacións

 
A madeira de piñeiro queimada foi un dos primeiros materiais utilizados nas investigacións do Ciam. “Dos restos queimados pasamos a facer probas con carbón vexetal nunha serie de bidóns, observando unha redución de amoníaco moi alta, máis do 90% no primeiro ano, nos que se aplicou o carbón vexetal”, explica o investigador do Ciam.

En vista dos bos resultados, procedeuse a probar con biochar, repetindo a mesma técnica. Juan Castro reflexiona sobre que “queda moito por saber en como inflúen as características da madeira ou biomasa vexetal que se utilice, e tamén a influencia da temperatura e o tempo de pirólise”. Con estes precedentes, crearon dous tipos de biochar: un de madeira de piñeiro e outro de cortiza, tratados a 700º. En ambos casos cumpríase o mesmo fenómeno que co carbón vexetal.

“Vimos que o biochar de madeira de piñeiro tiña unha maior redución das emisións, similares ás do carbón vexetal, mentres que o de cortiza deu uns resultados peores”, destacou Castro. Sen embargo, “as emisións de metano víronse reducidas en menor medida, un 16% e un 13% aproximadamente para o biochar de madeira e de cortiza de piñeiro, respectivamente”, detallou o investigador do Ciam.

Bidóns de experimentación con diferentes tratamentos de xurro con biochar

Bidóns de experimentación con diferentes tratamentos de xurro con biochar

As camas do gando son o lugar de aplicación que pode ser mais útil e fácil de incorporar de xeito rutineiro. Este material, ao mesturarse cas feces e cos ouriños, axudaría a reducir as emisións de amoníaco, tanto nas cuadras, como nas fosas de xurro ou esterqueiras, mellorando o seu valor fertilizante. Tamén debe considerarse como unha medida para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro, tanto pola redución de metano, como pola fixación de Co2. O carbono aportado polo biochar ao solo estímase que pode ter unha duración de centos de anos; así queda recollido nos últimos informes do panel intergubernamental do cambio climático.

“A principal mensaxe para o sector e que conciba as foxas de xurro como almacéns de abono, sobre todo nun contexto de elevados prezos dos fertilizantes, onde o nitróxeno é, con diferencia, o nutriente máis caro de producir pola industria debido aos altos costes do gas natural. Por todo isto o biochar é tan prometedor para aumentar o valor do xurro e dos estercos, e diminuír o impacto ambiental da gandería”, avanza Juan Castro.

A aplicación do biochar en camas de gando mellora o valor fertilizante de puríns e estercos, e comprobarase se tamén reduce as emisións no campo


Dispoñibilidade para o seu uso

Países como Canadá ou Finlandia xa teñen apostas propias para potenciar o seu uso, tal e como trasladou Castro. Aínda así, no caso galego a dispoñibilidade é limitada. Nos experimentos ata agora realizados polo Ciam, o biochar proviña dunha planta de produción asturiana.

A dispoñibilidade no ámbito galego dependerá do cambio de xestión da biomasa e de todo o que se aposte pola súa evolución. Segundo Juan Castro “é posible que nun futuro supoña un valor engadido para a gandería ou mesmo que se inclúa como unha medida medioambiental na PAC porque se trata dun sumidoiro moito máis duradeiro que a maioría dos existentes”.

As investigacións do Ciam están pendentes de entrar nunha nova fase do proxecto para analizar se as emisións de amoníaco e metano se reducen tamén na súa aplicación ao campo , e ademais comprobar se mellora o seu valor fertilizantes en relación co xurro sen tratar con biochar.

Una idea sobre “Uso de carbón vexetal en fosas de xurro para reducir as emisións e incrementar o seu valor fertilizante

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información