O responsable de coordinación sectorial de UUAA, Félix Porto, xunto cos responsables das oficinas de Becerreá e Sarria, Iván Raposo e Miguel Tomé, presentaron este xoves en rolda de prensa a situación que están a vivir as explotacións de carne da montaña de Lugo, afectadas por problemas como o da ratatoupa, o da seca ou o da vaga de lumes deste verán.
UUAA considera ademais discriminatorias as axudas habilitadas para compensar ás explotacións de leite e de carne pola guerra de Ucraína, pois mentres unha explotación de leite de 40 vacas recibiu uns 200 euros por cabeza, unha de carne tivo que conformarse con 130 euros.
Impacto da seca
Nas zonas de montaña da provincia de Lugo o acopio de forraxe é imprescindible para pasar o inverno, pois pode durar até 5 meses, polo que a escaseza de alimento está a impactar na viabilidade das explotacións. “As ganderías están a tirar xa do silo que tiñan para o inverno”, aseguraron.
Das 70.000 hectáreas de millo forraxeiro que se plantan en Galicia, unhas 20.000 están na provincia de Lugo
Noutras zonas onde prima a produción de leite, como na de Sarria ou a de Chantada, a seca está a provocar unha menor colleita de millo. “No conxunto de Galicia calculamos unhas perdas de 30 millóns de euros pola merma na produción de millo para silo”, calculou o responsable de coordinación de UUAA. “Os gandeiros de leite destas zonas van ter un problema de incremento de custos no próximo inverno”, asegurou.
Praga da ratatoupa
No que respecta á ratatoupa, Iván Raposo denunciou que “despois de máis de tres anos de espera” e tralos traballos realizados tanto por técnicos da Consellería como de Tragsa, a praga da ratatoupa “de momento non se reduce, senón que segue aumentando e os gandeiros levan case catro anos de perdas moi significativas tanto nos pastos coma nas forraxes, obtendo menor cantidade e de peor calidade”.
O impacto da praga da ratatoupa, que afecta principalmente á parte alta das comarcas de Ancares e Sarria, multiplicouse desde o ano 2019, según UUAA
“Xa vai sendo hora de que a Consellería tome cartas no asunto e habilite unhas axudas para a adquisición de forraxe por parte dos gandeiros afectados e, ao mesmo tempo de adoptar medidas, en función dos informes e estudos dos técnicos, para lograr reducir a poboación de roedores”, demandou o responsable de UUAA na comarca dos Ancares. “Pedimos que no caso da ratatoupa se faga o mesmo que noutras comunidades veciñas, como Asturias, que tiña un problema similar e habilitou fondos para compensar as perdas dos gandeiros afectados”, indicou.
Miguel Tomé, da oficina de Sarria, calculou que nas zonas con presenza de arvícola terrestris estase a recoller un 40% menos de forraxe e, o que se recolle, leva moita terra e moitas pedras. Ao mesmo tempo, o estado das parcelas tampouco permite facer un pastoreo eficiente, polo que os animais demandan despois máis alimento.
Os invernos fríos eran elementos fundamentais de control deste tipo de pragas
Entre as medidas que se poderían aplicar para axudar no control da praga estaría a renovación das pradeiras, polo que UUAA pide que as axudas contemplen tanto a compra de forraxe como a resementeira das fincas naqueles casos nos que sexa posible, en función da pendente e por tratarse de terreos pedregosos. Algunhas axudas da PAC están condicionadas precisamente á non renovación das pradeiras nestas zonas de pendente, polo que Unións Agrarias pide á Consellería que exima aos gandeiros afectados pola praga do cumprimento desta condicionalidade para evitar unha mingua a maiores no cobro da PAC.
Vaga de lumes
Alén dos problemas xerados pola ratatoupa nas pradeiras e nos rabaños pola fauna salvaxe, tanto lobo como xabarín, amplas zonas da montaña de Lugo víronse afectadas este verán por incendios forestais. “As explotacións gandeiras son imprescindibles para o control do territorio e a loita contra o lume”, destacou Miguel Tomé.
Galicia acumula más de 40.000 hectáreas calcinadas, o 17% de todo o ardido no conxunto de España. Delas, 12.000 hectáreas están na provincia de Lugo
“Na Teixeira, no Courel, onde hai 7 ou 8 explotacións en funcionamento había unha franxa verde preciosa ao redor das casas e aí non chegou o lume, porque para que as motobombas poidan chegar aos lumes os camiños teñen que estar abertos e para que os incendios non cheguen ás casas ten que haber prados”, indicou.