Traloagro, unha volta ás orixes desde a emigración

Isabelle e Tito herdaron dos seus pais, Manolo e Maricarmen, o seu espíritu emprendedor. Dos seus avós, José e Carmen, aprenderon a valorar a terra á que voltaban de pequenos cada verán. Con eses dous ingredientes, co paso dos anos, decidiron poñer en marcha un proxecto empresarial nese rural do que a familia tivera que marchar na procura dun futuro mellor. Hoxe contan na parroquia de Pacio, en Friol, cunha explotación cárnica de gando vacún e polos ecolóxicos que comercializan directamente

Isabelle, cunhas hamburguesas de polo ecolóxico con espinacas elaboradas coa carne que eles mesmos producen

Manolo Gómez tivo que marchar de Galicia nos anos sesenta por falta de oportunidades. O seu espíritu “aventureiro” levouno a asentarse en Bruxelas, onde traballou na construción das liñas do metro e máis tarde, coa axuda da súa muller, Maricarmen, acabou abrindo varios negocios de hostalaría en pleno centro da que hoxe é a capital da Unión Europea.

Alí, na emigración, naceron os seus fillos, Tito e Isabelle, pero a familia nunca perdeu o vínculo coa terra. Cando eran pequenos, cada verán os cativos voltaban á casa dos avós, José e Carmen, onde seguía habendo vacas. “Nós estabamos en Bélxica, pero os avós voltaron para Friol, estiveron en Bruxelas un ano pero non se afacían, botaban de menos a terra e as vacas. Os meus pais cando viñan de vacacións mercaban fincas aquí, porque o galego sempre quere volver ás orixes”, conta Isabelle.

“Traloagro vén do nome do lugar onde estaba a casa dos avós”

Co paso dos anos foi algo que acabaron facendo realidade ela e o seu irmán, unha volta ás orixes, a Friol, e unha volta ás orixes tamén na maneira de producir. “Tiñamos claro que tiña que ser en ecolóxico, coidando a natureza e o benestar animal”, di. Traloagro conxuga pois, un xeito respectuoso de produción de alimentos e un proxecto empresarial complementario. “O amor polo agro foinos transmitido polos nosos avós e o espíritu emprendedor é algo case innato en nós, polas vivencias dos nosos pais na emigración”, razoa Isabelle.

Polos e vacas en liberdade

Ao ir comprando fincas había que coidalas e José e Carmen, os avós, ían facéndose maiores, así que a solución foi meter máis vacas e contratar unha persoa para atendelas. Aquela base foi o xerme de Traloagro, un proxecto que leva o nome do lugar onde se atopa a casa familiar, ubicada no lugar de Burgo de Negral, na parroquia de Pacio.

Tito e Isabelle decidiron emprender o camiño de volta a Galicia e poñer en marcha hai 10 anos na casa familiar de Friol, á que voltaban todos os veráns, unha explotación ecolóxica de vacas de carne e polos seguindo as ensinanzas que aprenderan dos seus avós

“Cando nós, eu e o meu irmán, nos viñemos para aquí a estudar, como nos gustaba tanto o campo, decidimos facer algo relacionado con iso. En decembro do 2010 incorporámonos coas vacas que había, unhas 20, e solicitamos a conversión a ecolóxico. Xunto coa incorporación pedimos un plan de mellora para facer tamén a granxa de polos”, explica Isabelle.

A gandería bovina conta con 160 cabezas, a gran maioría de raza rubia galega, e da granxa avícola saen uns 120.000 polos ao ano

No 2013, pasados os dous anos de conversión, comezaron a comercializar os primeiros tenreiros certificados en ecolóxico e a vender tamén os polos criados en liberdade. A gandería conta neste momento con 160 cabezas de gando vacún, de raza rubia galega fundamentalmente, e da granxa de polos campeiros saen uns 120.000 exemplares ao ano.

Ampliando a base territorial e recuperando terra baldía

Son conscientes de que co seu sistema de manexo en extensivo é imprescindible contar con base territorial, polo que o aumento de cabezas que levaron a cabo vai parello sempre ao da terra. “Queremos aumentar unhas 20 vacas máis, de aí a necesidade de facernos con máis superficie”, avanzan.

Están certificados en ecolóxico e producen dentro da IXP Ternera Gallega Suprema

Neste momento, contan cunhas 120 hectáreas de superficie, que están a ampliar. “Mercamos terras que estaban abandonadas e estamos traballándoas e poñéndoas a producir”, explica Isabelle.

“Contamos con 120 hectáreas de terreo onde temos as vacas, unhas 160 cabezas entre nais e becerros, que pacen en extensivo e só se meten nos últimos dous meses para o cebo final en boxes de palla”

A maior parte dos pastizais nos que pacen as súas vacas atópase no lugar de Traloagro, pertencente a Burgo de Negral, na parroquia de Pacio, aínda que as últimas 22 hectáreas que adquiriron están a uns 3 quilómetros, en Racamonde, tamén pertencente ao concello de Friol.

Unha das maiores granxas de polo ecolóxico de España

A maiores, tamén crian polos campeiros, uns 120.000 ao ano. Os polos, ao igual que as vacas, tamén están en ecolóxico. “Buscabamos unha actividade complementaria á das vacas e que fora compatible e decidimos montar a granxa de polos. Cando a montamos era a máis grande de España, con capacidade para 20.000 animais”, lembran.

Os polos saen ao exterior e contan cunha finca de 9 hectáreas de patio arborado

A nave está moi automatizada, tanto o subministro de penso e auga como o control da temperatura, o que reduce a man de obra necesaria. No exterior hai 4 metros cadrados de patio por animal, a onde os polos saen a pacer diariamente.

Dar o paso a comercializar directamente

Posto de venda directa que Traloagro ten na Praza de Abastos de Lugo

Xunto coa produción en ecolóxico, outro dos aspectos esenciais do seu proxecto era o de vender directamente o que producían. “Que queriamos comercializar a nosa propia carne era algo que tiñamos bastante claro desde o comezo, pero neses primeiros anos aínda seguiamos indo nos veráns a traballar a Bélxica porque aínda non nos desligaramos completamente dos negocios de restauración que a familia mantiña alí, e era difícil compatibilizar as dúas cousas”, conta.

Desde o 2019 venden os seus produtos na cidade de Lugo e tamén no centro de elaboración aberto no polígono de Friol contan con tenda para venda directa

No 2019, xa asentados definitivamente en Friol, incorporouse tamén ao proxecto a muller de Tito, Ana, e foi xa cando decidiron iniciar a comercialización sen intermediarios. “Empezamos en xullo dese ano cun posto da Praza de Abastos de Lugo que colleramos e en decembro abrimos tamén en Friol a ecotenda e o biocentro de despece e elaboración dos nosos propios produtos cárnicos”, detalla Isabelle.

… e nisto chegou a pandemia

Pero foi case empezar e parar, porque “xusto estabamos arrincando e chegou o coronavirus”, lamenta Isabelle. “Tes todo planificado, mesmo estratexias para comercializar para fóra, e ves que todo iso se detén. Pero se sobrevives a isto nada máis empezar, despois ten que ser rodado”, razoa.

No último ano agarráronse ao mercado local e ao cliente de proximidade e o balance que fan é moi positivo. “Quitando a situación de parón inicial que se deu ao comezo do confinamento, estamos moi contentos de ter dado o paso de comercializar directamente”, afirma.

A comercialización sen intermediarios foi a idea que moveu o proxecto desde o inicio, para deste xeito poder pechar o círculo coa produción ecolóxica, a transformación e a comercialización directa dese produto. Por iso, o deseño do centro de elaboración aberto no polígono de Friol contou sempre, de maneira inseparable, con tenda para venda directa, ao igual que fan en Lugo ao contar con carnicería propia na Praza de Abastos, un edificio reformado nos últimos anos e que está a gañar nova vida, cun novo perfil de cliente e iniciativas como o reparto a domicilio postos en marcha durante o confinamento.

Maior concienciación do consumidor

A raiz da covid-19 tiveron que pospoñer os seus plans de exportar carne de tenreira e polo ecolóxico ao mercado europeo, onde xa tiñan contactos feitos, pero a nivel local apreciaron un cambio de tendencia no consumidor, que valora cada vez máis os produtos saudables e de calidade. “A pandemia tamén nos fixo reflexionar como consumidores e entender que hai que coidarse. Hai unha concienciación maior sobre o feito de que hai que coidar máis a saúde e a alimentación e xente que até agora non se plantexara comer ecolóxico está comezando a interesarse por este tipo de produtos”, asegura.

“A raíz da pandemia hai como un novo consumidor de ecolóxico, xente que se comeza a preocupar por coidar a saúde a través da alimentación”

“Nós tiñamos xa a visión de que o noso proxecto fora algo en ecolóxico exclusivamente”, explica Isabelle, un modo de producir e consumir que a nivel europeo, en países coma o do que eles viñan, estaba moito máis extendido que en Galicia, pero que esta crise sanitaria veu mudar.

“Viuse a grande necesidade e dependencia que hai do campo e o consumidor valora máis os produtos de proximidade”

A parte boa da pandemia foi, di, a maior concienciación do consumidor. “Viuse a grande necesidade e dependencia que hai do campo e o consumidor valora máis os produtos de proximidade porque o abastecemento que hai stockado nunha nave é limitado, e se non fora polos produtores locais, que seguimos producindo, a ver que se tería feito nestes meses?”, pregunta.

Un auténtico supermercado do ecolóxico 

A nave construída no polígono industrial de Friol conta con dúas edificacións. Na principal, duns 1.300 metros cadrados, están as instalacións industriais, con distintas salas de despeze e cámaras de conservación, oficinas e sala de degustación. A edificación anexa, con claro predominio da madeira na súa construción, acolle a ecotenda, na que ademais dos produtos elaborados por Traloagro tamén se poñen á venda outros alimentos diversos de orixe ecolóxica, desde marmeladas e conservas ata lácteos, produtos frescos da horta ou ovos, un auténtico supermercado do ecolóxico de máis de 250 metros cadrados.

Contan cunhas instalacións que ocupan algo máis de  1.500 metros cadrados repartidos entre o biocentro cárnico e a ecotenda

Todo o que hai na ecotenda de Traloagro é produto ecolóxico certificado, con máis de 1.200 referencias de produtores tanto galegos como do resto de España. O 80% son produtos de proximidade. Por exemplo, as froitas e verduras de tempada proceden da Casa de Ribeiras, de Palas de Rei; os lácteos de Casa Grande de Xanceda, de Mesía; os queixos de Cobideza, a cooperativa de Agolada, etc. Pero Isabelle recoñece que “aínda hai produtos que non podes atopar en Galicia en ecolóxico, como queixo de cabra, que aínda non se produce en ecolóxico aquí, ou os cítricos, e eses artigos temos que procuralos fóra, pero sempre buscamos que veñan directamente do produtor”, xustifica.

“Procuramos ter unha gama ampla de produtos que permita confeccionar a cesta da compra habitual completa en ecolóxico”

Malia non atoparse nunha gran cidade, o reclamo do ecolóxico e da variedade está a funcionar. “Houbo moi boa aceptación. Hai clientes aos que lles enviamos os pedidos, pero hai outra xente de distintos puntos de Galicia que prefire achegarse aquí a facer a compra un día á semana, normalmente os sábados, porque valora a experiencia de compra. Procuramos ter un surtido amplo de produtos para que sexa posible facer a compra semanal aquí a base todo de produtos ecolóxicos. As tendas ecolóxicas que hai mesmo nas cidades normalmente teñen menos variedade e surtido de produtos ca temos nós”, di.

Carnicería ao corte e acordo con outros produtores

En poucas tendas de produtos ecolóxicos hai carnicería ao corte e produtos elaborados, un elemento máis de diferenciación de Traloagro. Para completar a súa gama de tenreira e polo ecolóxico de produción propia, teñen un acordo con outro produtor colaborador, Vence y Otero SL, a explotación que Lorena e José Manuel teñen en Agolada e que os subministra de carne de porco producida tamén en ecolóxico.

A carne de porco ecolóxica procede da gandería en extensivo que Lorena Vence e José Manuel Otero teñen en Agolada

Xunto á carne de vacún, a súa idea é tamén comercializar directamente unha parte da súa produción de carne de polo. De feito, as instalacións do centro de procesado contan con dúas liñas independentes, unha para a elaboración de produtos de carne de vacún e outra para os polos. “Por temas de seguridade alimentaria e para evitar contaminacións cruzadas ou problemas de salmonela, o polo conta con obrador propio e muelle de carga independente”, explican. O feito de controlaren todo o proceso, desde a produción ao despece e elaboración, permítelles garantir a trazabilidade dos seus produtos.

Vacún maior e elaborados innovadores

Coa carne de vacún, ademais de cortes especiais das pezas con maior valor comercial, elaboran outros produtos cos que incrementar o valor de mercado doutras partes e aproveitar deste xeito máis as canais. “Imos innovando, facemos desde hamburguesas de polo con espinacas ou de tenreira con remolacha a piruletas de carne, cachopo de tenreira, brochetas, pinchos morunos”, explica Isabelle.

“Sacamos unha liña de elaborados que lles chamamos GourmetAgro, que son todos feitos con carne ecolóxica e condimentos tamén ecolóxicos e que non levan nin conservantes nin colorantes artificiais”

Este tipo de produtos están pensados máis de cara ao consumidor final, mentres que a hostalaría pide normalmente pezas de carne enteiras. “Aos restaurantes servimos normalmente a materia prima en si e logo eles elaboran á súa maneira, aínda que ás veces xa nos piden un despezado ou un fileteado concreto e estamos empezando a traballar tamén con comedores de empresas, como o de Norvento en Lugo, e aí si que levamos produto xa elaborado”, conta.

Tanto a tenda como a súa produción está certificada como Slow Food

Poñen énfase en transmitir, a través das redes sociais, como producen e coidan dos animais e do medio e iso dá garantía e confianza ao consumidor e serve para implicar ao cliente no proxecto. “O que consume os nosos produtos está facendo parte con nós e contribuíndo a coidar o medio ambiente, o benestar animal e todo o que iso conleva”, explica Isabelle.

Subministrar tenreira galega ao mercado europeo

Estar centrados en atender o mercado local e o consumidor de proximidade por mor das condicións especiais do último ano non lles fai perder outro dos seus obxectivos: apostar por vender fóra a carne ecolóxica que producen, na procura dun maior volume de mercado. O centro de procesado está pensado con esas miras, a elaboración de produtos de carne ecolóxica destinados tanto ao mercado galego e español como á exportación a países europeos como Francia ou Bélxica, onde os produtos ecolóxicos contan cunha maior cota de mercado.

“Hai moito interese pola rubia galega en Europa e países coma Francia, que teñen moito máis desenvolvido o mercado ecolóxico, demandan produtos de calidade”, di Isabel

“Coñecemos o mercado centroeuropeo, sobre todo o mercado francés e belga, e vemos que aquí moitas veces non valoramos dabondo o que producimos, que ten moita calidade, e o ecolóxico aínda máis. Hai moito interese pola rubia galega en Europa, fálase moito dela e comercialízase moito xa en Francia e Bélxica, pero a que chega a estes países é rubia galega convencional”, explica Isabelle.

Hamburguesas de polo campeiro ecolóxico con espinacas, unha das súas creacións

Por iso eles pretenden encher o oco existente fóra de Galicia para a carne ecolóxica. “Francia ten moito máis desenvolvido o mercado ecolóxico do que está aquí e hai moito interese polos produtos de calidade”, asegura. De feito, Traloagro xa tiña feito, antes de que irrompera o coronavirus, contactos con distribuidores franceses e belgas para comercializar os seus produtos en restaurantes de alta gama, hoteis 5 estrelas e tendas delicatesen. “Hai empresas francesas interesadas nas nosas hamburguesas ecolóxicas, que non levan aditivos, polo que para poder vendelas en Francia e que se conserven sen engadirlles produtos químicos imos comercializalas conxeladas”, aclara.

Fan hamburguesas sen aditivos nin conservantes que comercializarán conxeladas para o mercado exterior

Pero “na situación na que estabamos iso foi imposible e quizais fose tamén algo precipitado nada máis comezar querer xa mandar para fóra”, recoñece. Isabelle aproveitou este ano de pandemia para formarse e afinar máis a estratexia de expansión da empresa, a través de dous programas para emprendedores, un, financiado por Coca Cola, para a páxina web e a estratexia de márketing dixital e outro, da Fundación Juana de Vega, para consolidación e crecemento da empresa, dentro do que están preparando a estratexia de internacionalización. “Tomamos as cousas con máis calma, pero ás veces hai que poñer a base sólida para despois poder medrar sobre seguro”, admite.

Pretenden comercializar en Europa a súa propia carne e a doutros gandeiros da zona que produzan en ecolóxico

Aínda que ao principio se van centrar só na rubia galega, están valorando tamén exportar outras razas, como por exemplo a cachena, en función da demanda que poida haber para ela. Se, chegado o momento, a súa produción non lles chega, teñen pensado comercializar tamén a carne doutros produtores galegos, servindo deste xeito para abrir portas ao sector. Tamén está entre os seus plans o vacún maior, aínda que “ao non haber aínda liñas de comercialización está un pouco parada a certificación dentro da nova IXP Vaca e Boi de Galicia”, considera Isabel.

Voltar á terra a crear emprego

Francisco, un dos empregados, atando uns chourizos na sala de elaborados do biocentro cárnico de Friol

Manolo e a súa familia nunca perderon as raíces e a vinculación co lugar do que tiveron que marchar e, anos despois, decidiron voltar e poñer en marcha unha iniciativa produtiva con visión empresarial que crea valor engadido no territorio e que xera riqueza e postos de traballo para que outros non teñan que seguir hoxe o camiño da emigración que eles emprenderon décadas atrás.

En total xeran 8 postos de traballo entre a granxa, a carnicería, a ecotenda e o centro de procesado

Aínda que teñen as distintas tarefas máis ou menos definidas, “facemos todos de todo e axudamos na explotación cando fai falta”. A granxa familiar de vacún e de polos aténdea Tito, Ana está na carnicería da Praza de Abastos de Lugo e Isabelle encárgase do centro de transformación e a ecotenda de Friol. A maiores deles tres, están a xerar 5 postos de traballo máis, un na explotación, e catro no centro de procesado e en tarefas de venda e administración.

“Meu irmán, coa axuda dun empregado, está máis na gandería, Ana está no posto de Lugo e organiza alí os repartos e eu estou máis no biocentro. Á parte de nolos tres creamos cinco postos de traballo estables, catro no biocentro e un na explotación, aínda que neste momento estamos sen traballador na granxa porque se xubilou a persoa que estaba”, explica Isabelle.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información