Subida dos becerros de recría e carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistrou un subida dos prezos en boa parte das categorías do gando de recría ó igual que nos carniceiros de cruces industriais. Subas tamén no vacún maior e acordo para unha subida dos leitóns

Subida dos becerros de recría e carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou esta mañá unha subida das cotizacións en boa parte das categorías de becerros tanto de recría como para os carniceiros. Tamén houbo un incremento dos prezos do vacún maior e as mesas de cotizacións do porcino acordaron unha subida para os leitóns. Mentres, o porco cebado mantense sen cambios, ó igual que os ovos.

En canto ós becerros de recría, os animais de raza frisoa acusaron subas nalgunhas categorías pero tamén houbo baixadas dos prezos. Así, a sección máis numerosa e representativa, os animais de entre 20 e 50 días, foi a única na que se experimentou un incremento dos prezos. No caso dos machos, o aumento foi de 2 euros para acadar os 99 euros, mentres que nas femias aumentouse en 14 euros o prezo para situarse nos 65 euros.

Nos animais máis novos, con menos de 20 días, produciuse unha baixada de 4 euros ata os 74 euros para os machos. Nesta categoría só se adxudicou unha femia por un prezo medio de 37 euros, logo de que nas últimas semanas non se contabilizara ningún animal e o último fora vendido por 27 euros na última feira do mes de xullo. Tamén nos becerros frisóns de máis de 50 días se produciu unha baixada, de 17 euros, ata acadar os 110 euros de media para os machos. No caso das femias a redución foi de 11 euros para situarse nos 70 euros.

No caso dos becerros de cruces industriais, aínda que se rexistraron algunhas baixadas, houbo subas máis significativas. Así, os becerros de menos de 20 días incrementaron en 35 euros o seu prezo ata os 278 euros. No caso das femias desta sección, o prezo medio foi de 141 euros, 45 por debaixo do rexistrado a semana pasada. Nos animais de entre 20 e 50 días, tamén se incrementou o prezo, en 5 euros, situándose nos 293 euros, e nas femias a suba foi de 3 euros para acadar os 194 euros. Na sección de máis de 50 días, houbo unha baixada de 63 euros para os machos, co que o prezo medio foi de 301 euros. Nas femias incrementouse en 15 euros ata os 310 euros.

Nos becerros carniceiros apenas houbo ventas de animais de raza frisoa, e o único adxudicado marcou un prezo medio de 395 euros para os machos mentres que non houbo ningunha femia vendida. Nos animais de razas de cruces industriais produciuse un incremento de 7 euros nos machos, ata quedar nos 861 euros de media, e de 80 euros para as femias, que acadaron os 836 euros.

Vacún maior

Tamén houbo un leve incremento dos prezos no vacún maior e a única excepción marcárona as vacas de primeira, cunha baixada de 12 euros co que se cotizaron a 1.086 euros. Mentres, as vacas de segunda incrementaron en 33 euros o seu prezo ata acadar os 731 euros. Os exemplares de desvelle rexistraron un incremento de 12 euros e o seu prezo medio foi de 465 euros.

Central-Agropecuaria-27_08_2019-Vacuno

Suba do prezo dos leitóns

No referido ás mesas de cotizacións do porcino, esta semana acordaron manter sen cambios o prezo do porco cebado, logo da suba da semana pasada. Os prezos para o porco cebado selecto e normal mantéñense en 1,495 e 1,470 euros o quilo respectivamente. Na categoría de Canle II págase a 1,909 euros o quilo e nos animais de desvelle o prezo oscila entre os 0,71 e os 0,77 euros.

Nos leitóns comezan unha leve recuperación cunha suba de 2 euros en tódalas categorías. O bacoriño de 20 quilos procedente dunha única granxa acada os 56 euros e para os animais chegados de varias ganderías o prezo sitúase nos 51 euros. O prezo por quilo é de 2,8 e 2,55 euros respectivamente.

Esta semana continúa sen haber variacións para o mercado dos ovos. Así, o prezo dos de categoría XL é de 1,31 euros a ducia, os da L están en 0,99 euros, os da M en 0,96 euros e os da S a 0,81 euros. Mantense tamén sen cambios o prezo da galiña de desvelle que se sitúa nun intervalo de 0,09 e 0,17 euros o quilo.

Tampouco houbo cambios na Lonxa de Madrid para o prezo do coello que continúa en 1,85 euros.

Central-Agropecuaria-Porcino-27_08_2019

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información