Subas nos prezos medios da recría en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra novos incrementos nos becerros para recría. Baixada xeral das cotizacións dos tenreiros carniceiros e en boa parte do vacún maior. As mesas do porcino cotizan á alza

Subas nos prezos medios da recría en Silleda

Becerros de recría nas instalacións da Central Agropecuaria de Galicia, en Silleda (Pontevedra). // Imaxe de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou este martes subas nos prezos medios dos becerros de recría. Mentres, nos tenreiros carniceiros houbo unha baixada xeral das cotizacións medias de referencia, así como en boa parte do vacún maior.

Nas mesas de cotización do porcino, tanto o porco cebado coma os leitóns experimentaron subas dos prezos. O mercado do ovo continúa estable esta semana.

Facemos un repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado con respecto da semana pasada. Cómpre ter presente que existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.

Na recría frisoa houbo unha suba xeral dos prezos medios en tódalas seccións. O prezo de referencia dos animais máis novos, os de menos de 20 días, foi de 96 euros, o que supuxo un incremento de 15 euros. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, o prezo medio situouse nos 124 euros, logo dunha suba de 17 euros. Os becerros de máis de 50 días rexistraron un aumento de 4 euros con respecto da semana pasada e o prezo medio queda nos 167 euros.

Nos becerros de recría de cruzamentos industriais, os tenreiros de 20 días tiveron un prezo medio de 241 euros, o que amosa unha baixada de 4 euros con respecto do valor medio da semana pasada. As femias desta sección tamén experimentaron unha redución de 31 euros e o prezo de referencia atópase nos 203 euros. Foron a única sección na que se rexistrou unha baixada dos prezos. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, o prezo medio foi de 303 euros nos machos e de 239 euros para as femias, logo dunha suba de 26 e 3 euros respectivamente. Nos animais de máis de 50, os machos experimentaron unha suba do seu valor medio de 92 euros e sitúanse nos 433 euros. O valor medio das femias incrementouse en 34 euros e acadan os 337 euros.

A tendencia foi á baixa, con algunha excepción nos tenreiros carniceiros. Nos becerros frisóns o valor medio foi de 622 euros, o que supón 181 euros menos que o prezo manexado a semana pasada. Os tenreiros de cruces industriais tiveron un prezo medio de 1.051 euros, cunha redución de 15 euros. As femias desta sección experimentaron unha baixada de 82 euros, ata os 883 euros. En canto ós becerros de Rubia Galega, o prezo medio situouse 20 euros por debaixo do rexistrado na última feira. Así, estes animais tiveron un prezo medio de 1.105 euros. As femias foron a excepción, ó conseguir un incremento do seu valor medio de 18 euros, de xeito que se cotizan a 1.013 euros. Nos animais comercializados baixo o selo Ternera Gallega Suprema o valor medio foi de 1.040 euros, o que os sitúa en 89 euros menos que a semana pasada.

No vacún maior houbo baixadas en boa parte das categorías. Os animais da categoría extra foron das excepcións e cotizaron a un prezo medio de 2.090 euros, o que supón 104 euros máis que a semana anterior. As vacas de primeira descontaron 39 euros e o valor de referencia foi de 1.131 euros. Nos exemplares de segunda, o prezo medio foi de 763 euros, é dicir 17 euros menos. Os animais de desfeito tiveron unha baixada de 69 euros e pasan a situarse nos 441 euros. Nos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia o prezo de referencia foi de 1.934 euros, o que supón 547 euros máis que a semana pasada.

Central Agropecuaria de Galicia 17_01_2023

Subas no porcino

Nas mesas de cotizacións do porcino houbo subas tanto no porco cebado coma nos leitóns. O porco selecto e o normal teñen un valor de 1,665 e 1,64 euros o quilo, respectivamente logo dunha suba de 0,025 euros. Os porcos de Canal II tiveron un incremento de 0,032 euros e están a 2,162 euros. Nos animais de desvelle a suba foi de 0,02 euros e teñen un prezo de entre os 0,8 e os 0,86 euros o quilo.

Nos leitóns houbo de novo unha suba de 2 euros. Os exemplares chegados dunha única granxa están agora nos 82 euros (cun prezo de 4,1 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 77 euros e cun prezo por quilo de 3,85 euros.

O mercado do ovo continúa estable esta semana. Os ovos da XL están a 2,8 euros a ducia, os da L a 2,59 euros, os ovos da M a 2,23 euros e os da S a 1,98 euros a ducia. As galiñas de descarte semipesadas mantéñense entre os 0,32 e os 0,39 euros.

O prezo do coello está nos 2,4 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun), logo dunha baixada de 0,2 euros na primeira semana de xaneiro.

Central Agropecuaria 17_01_2023

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información