A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, que se celebra cada semana en Silleda (Pontevedra), rexistrou este martes subas nos prezos da recría. Os becerros da raza Frisoa experimentaron as subas máis destacadas. Tamén houbo unha tendencia á alza nas cotizacións de vacún maior. Mentres, nos becerros carniceiros produciuse unha baixada do prezo medio de referencia, en especial nos machos.
Esta semana as mesas de negociación do porcino acordaron unha nova suba tanto do porco cebado como dos leitóns. Mentres, o mercado do ovo mantense sen cambios, así como o prezo do coello na Lonxa de Madrid.
No caso da recría, as subas máis destacadas producíronse nos becerros frisóns. Cómpre ter en conta que a comparación dos prezos coa sesión anterior é un xeito de observar a variación das cotizacións, na que inflúen factores como a distinta calidade media que poden ter os animais (canais, quilos…) Os becerros frisóns máis novos cotizáronse esta semana a un prezo medio de 112 euros, o que supón 35 euros por encima do rexistrado a semana anterior. Nos animais de entre 20 e 50 días, a categoría con maior afluencia do mercado, tamén houbo unha suba, neste caso de 19 euros, con respecto do prezo medio de referencia na última feira. Deste xeito, cotízanse a 118 euros. Nos becerros de máis idade, os de máis de 50 días, o prezo medio foi de 127 euros, o que deixa ver un incremento de 12 euros.
Na recría de cruzamentos industriais, os tenreiros máis novos, os de menos de 20 días, foron a excepción ó rexistrar unha baixada de 27 euros con respecto do pasado martes e cotizarse a un prezo medio de 201 euros. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, o prezo medio situouse nos 274 euros, o que deixa unha suba de 12 euros en comparación coa pasada sesión. Nos animais de máis de 50 días houbo un incremento de 26 euros, ata situarse nun prezo medio de 411 euros.
Os becerros carniceiros cotizaron esta semana á baixa, mentres que as femias destas categorías experimentaron subas nos prezos medios de referencia. Nos tenreiros de cruces industriais, o valor medio foi de 827 euros, o que supón 57 euros por debaixo da cotización media da semana pasada. Nas femias desta categoría o prezo medio situouse nos 776 euros, o que evidencia unha suba de 65 euros en comparación coa cotización de referencia da última feira. Nos animais de Rubia Galega a tendencia foi semellante. Os machos tiveron un prezo medio de 924 euros, o que supón unha baixada de 89 euros con respecto da cifra do martes pasado. Mentres, as femias desta raza experimentaron unha suba de 41 euros e acadan os 821 euros. Nos animais co selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega Suprema, o prezo medio foi de 860 euros, o que supón 52 euros por debaixo da semana anterior. Os tenreiros de raza frisoa cotizáronse esta semana a 623 euros de media.
No vacún maior a tendencia foi á alza e rexistráronse subas nos prezos medios de tódalas seccións. Nas vacas da categoría extra foi de 75 euros, xa que cotízanse de media a 1.939 euros. Nos animais de primeira o valor medio foi de 1.156 euros, o que supón 9 euros máis que a referencia da semana anterior. Nas vacas de segunda e nas de descarte apreciouse unha mínima variación dun euro o que deixa un prezo medio de 737 e 492 euros respectivamente. Nos exemplares co selo da IXP Vaca e Boi de Galicia, o prezo medio foi de 1.121 euros, o que deixa unha baixada de 861 euros.
Subas no porcino
Esta semana as mesas de prezos do porcino acordaron de novo subas tanto no porco cebado como nos leitóns. Así, o porco selecto e o normal tiveron un incremento de 0,02 euros e pasan a cotizarse a 1,055 e 1,030 euros o quilo, respectivamente. A suba máis destacada, ó igual que a semana pasada, produciuse nos animais de Canal II, que tiveron un incremento de 0,26 euros e agora sitúanse nun prezo de 1,338 euros o quilo. Os animais de descarte foron os únicos que se mantiveron sen cambios e cotízanse entre os 0,32 e os 0,38 euros o quilo.
Nos leitóns, produciuse unha suba de 1 euro. Deste xeito, os exemplares procedentes dunha única granxa acadan os 45 euros (cun prezo de 2,25 euros o quilo) e os animais chegados de varias ganderías cotízanse a 40 euros e teñen un prezo por quilo de 2 euros.
O mercado do ovo mantense sen cambios esta semana. Os ovos da categoría XL están a 1,69 euros a ducia, os ovos da L teñen un prezo de 1,38 euros, os da M están 1,20 euros e os da S páganse a 0,99 euros a ducia. As galiñas de descarte experimentaron unha redución de 0,01 euros e agora pasan a cotizarse entre os 0,22 e os 0,29 euros por quilo.
O coello continúa a 1,9 euros o quilo na Lonxa de Madrid.