Subas na recría de cruces industriais en Silleda

Os becerros de recría e os carniceiros cotizan á alza na Central Agropecuaria de Galicia. O porco cebado experimenta novas subas e mantense case sen cambios o mercado do ovo

Subas na recría de cruces industriais en Silleda

Animais no recinto feiral de Silleda (Pontevedra). // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou este martes subas na recría, en especial nos becerros de cruces industriais. Tamén os tenreiros carniceiros experimentaron un incremento dos prezos en boa parte das categorías. No vacún maior non houbo unha tendencia clara, xa que nalgunhas categorías houbo importantes subas, mentres que outras acusaron reducións dos prezos. As mesas de cotización do porcino acordaron esta semana manter os leitóns sen cambios e no porco cebado houbo subas en boa parte das seccións. O mercado do ovo continúa sen case variacións.

No referido á recría de vacún, no gando frisón a única categoría que experimentou unha suba (de 2 euros) foron os becerros de entre 20 e 50 días, que son ademais a sección con maior afluencia do mercado. O prezo medio destes animais sitúase esta semana nos 120 euros. Mentres, os tenreiros máis novos, os de menos de 20 días, descontaron 1 euro e quedan nos 104 euros. Tamén os animais de máis de 50 días reduciron o seu valor e quedaron en 121 euros, tras una bajada 11 euros.

Na recría de cruces industrias predominaron as subas. Os animais de menos de 20 días conseguiron un incremento de 31 euros que deixa un prezo medio de 233 euros. Nas femias desta sección a suba foi de 3 euros e acadan os 182 euros. Os tenreiros de entre 20 e 50 días pasan a cotizarse a 268 euros ó experimentar un aumento de 5 euros. As femias desta categoría foron a excepción, ó sufrir unha baixada de 21 euros, polo que se pagan a 209 euros. Nos animais de máis de 50 días houbo unha suba de 54 euros e acadan os 419 euros. As femias desta categoría están nos 382 euros, logo de rexistrar unha suba de 73 euros, a máis destacada para esta xornada entre este tipo de gando.

Na Rubia Galega, os machos de entre 20 e 50 días están a 444 euros, polo que se manteñen sen cambios con respecto da semana pasada. A única femia desta sección cotízase a 306 euros. Os tenreiros de máis de 50 días caen ata os 479 euros, logo de descontar 60 euros. Nas femias houbo unha suba de 37 euros e acadan os 427 euros.

Os becerros carniceiros tamén cotizaron á alza este martes. Os tenreiros de cruzamentos industrias acadan os 908 euros, logo dunha suba de 31 euros. As femias están nos 793 euros, tras sumar 18 euros. Nos exemplares de Rubia Galega os machos subiron 58 euros e sitúanse nun prezo medio de 955 euros, e as femias quedan en 850 euros logo de descontar 45 euros. O gando amparado polo selo Ternera Gallega Suprema ten un valor medio de 902 euros, o que supuxo unha baixada de 9 euros con respecto da semana pasada.

No vacún maior, as vacas da categoría extra conseguiron unha suba de 130 euros e acadan os 1.911 euros. Tamén os animais de segunda incrementaron o seu valor, neste caso en 21 euros, e sitúanse nos 725 euros. O resto de seccións acusaron unha baixada dos prezos. Nas vacas de primeira a redución foi de 33 euros, polo que quedan en 1.127 euros; e nos exemplares de desfeito houbo un desconto de 16 euros que as deixa cun prezo medio de 471 euros. Os animais comercializados baixo o amparo de Vaca e Boi de Galicia están nos 1.220 euros, tras unha baixada de 154 euros.

Lonxa 01_06_2021 Vacun carne

Subas no porco cebado

As mesas de cotizacións do porcino acordaron continuar coas subas no porco cebado e manter os leitóns sen cambios. Así, o porco selecto e o normal foron dúas das seccións que experimentaron unha suba de 0,02 euros, polo que pasan a cotizarse a 1,585 e 1,560 euros o quilo, respectivamente. Para os exemplares de Canal II o incremento foi de 0,026 euros, e agora acadan os 2,026 euros. Os porcos de desfeito seguen a cotizarse entre os 0,81 e os 0,87 euros o quilo.

Os leitóns mantéñense a 3,25 euros o quilo e a 65 euros o exemplar de 20 quilos procedente dunha única gandería. Os animais chegados de lotes de menos de 500 porcos cotízanse a 60 euros o leitón de 20 quilos e o prezo por quilo é de 3 euros.

No mercado do ovo só os de maior calibre (XL) experimentaron unha suba dos prezos esta semana. Un incremento de 0,02 euros fai que se coticen a 1,68 euros. Na mentres, os ovos do tamaño L continúan a 1,21 euros, os da M páganse a 1,08 euros e os da S están en 0,84 euros a ducia. As galiñas de desvelle semipesadas, de entre os 2,1 e 2,2 quilos, cotízanse entre os 0,15 e os 0,22 euros por quilo.

O prezo do coello mantense sen cambios e o quilo segue en 1,80 euros na Lonxa de Madrid.

Central Agropecuaria Porcino 01_06_2021

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información