As cotizacións da Central Agropecuaria de Galicia/ Abanca deste martes caracterizáronse pola baixada nos prezos dos becerros de recría de cruzamento así como do vacún maior, mentres que os de raza Frisona experimentaron unha suba.
Así, nos tenreiros de recría desta raza, os prezos este martes subiron en case todas as categorías respecto á pasada semana. A excepción foi a de menos de 20 días, na que a cotización media foi de 120 euros, fronte aos 129 da pasada poxa. Pola contra, na de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa e representativa, a media subiu lixeiramente ata os 151 euros por xato, dous máis que a pasada semana. E na categoría dos tenreiros de máis de 51 días, o prezo medio foi de 176 euros, fronte aos 134 da última poxa.
Nos becerros de Cruzamento industrial, as oscilacións nos prezos foron á baixa. Na de menos de 20 días as cotizacións medias caeron nos machos ata os 189 euros, fronte aos 206 da pasada poxa. E na categoría máis numerosa e representativa, a de 21 a 50 días, o prezo medio dos machos baixou tamén ata os 302 euros de media, fronte aos 312 da anterior sesión. Pola contra, nas femias, destinadas sobre todo a cebo para a exportación, o prezo medio baixou a unha media de 244 euros, fronte aos 249 da anterior poxa. En canto aos xatos de máis de 51 días, foron a excepción xa que o prezo medio ascendeu ata os 398 euros, fronte aos 367 euros de media da última subasta.
No vacún maior a tendencia xeral foi a unha leve baixada dos prezos. Deste xeito, quedaron en 1.105 euros de media en categoría primeira, 691 en segunda -a máis numerosa- e 454 na de desvelle. A pasada semana as cotizacións foron de 1.051, 709 e 458 euros, respectivamente.
As cotizacións quedaron da seguinte maneira:
Sen cambios nos ovos e no coello
Polo que respecta ás mesas de prezos, nos ovos acordouse manter as cotizacións da pasada semana nas categorías M e a S nos 1,17 e 0,91 euros, respectivamente, e o mesmo para as L e XL, que quedaron en 1,35 e 1,51 euros a ducia, respectivamente.
O coello mántívose na Lonxa de Madrid en 1,60 euros o quilo.
Sen cambios no porco cebado e baixada nos bacoriños
En canto ao porco cebado, a mesa de prezos acordou manter as cotizacións da pasada semana. Así as categorías Selecta e Normal quedaron nos 1,490 e 1,465 euros por quilo, respectivamente. A Canle II mantívose nos 1,903 euros por quilo e o desvelle nun intervalo de prezos de entre 0,87 e 0,93 euros o quilo.
En canto aos leitóns, acordouse seguir coa baixada das cotizacións, esta semana caeron 5 euros ata os 39 euros para os procedentes de varias explotacións e os 44 euros para os procedentes dunha única explotación.