A crise do coranavirus está a poñer nunha situación complicada ás ganderías galegas de vacún de carne en extensivo. Un ano despois do inicio da pandemia o sector arrastra unhas perdas de 18 millóns de euros, segundo as estimacións manexadas dende Unións Agrarias. Dende febreiro de 2020, houbo unha caída do 5% dos prezos desta carne, o que se traduce de media nuns 30 céntimos por quilo de carne en canal.
Ante esta situación, a organización agraria solicítalle á Xunta que active axudas directas coas que afrontar as perdas que están a ter e que son superiores ós 7 millóns de euros que a Administración autonómica activou meses atrás.
“Cada gandeiro está a perder uns 60 euros por becerro con respecto dos prezos que se manexaban no 2019” explicou José Ramón González, responsable da área de Producións Extensivas e Ecolóxicas de Unións Agrarias, nunha roda de prensa virtual celebrada este venres.
Mentres os produtores acusaron a caída dos prezos nestes meses, nos puntos de venda case non houbo variacións e os consumidores seguiron a pagar practicamente o mesmo. Tamén se constatou un incremento da demanda, xa que Ternera Gallega, selo baixo o que se atopan boa parte das ganderías galegas, certificou un 3,5% máis de carne que o ano anterior. “O efecto pandemia para as ganderías de carne fixo baixar o prezo por becerro, pero que se vendan máis animais. Aínda que puidera parecer que se compensa, o que estamos é movendo máis quilos e perdendo máis cartos”, indica González.
O custe de producir un quilo de carne
A crise do coronavirus agravou a situación ata o punto de que os produtores tiveron que botar man dos aforros ou de produtos financeiros que lles axuden a afrontar os gastos nas súas ganderías. Segundo as estimacións realizadas por Unións, cada quilo de carne producido apenas supón uns 20 céntimos ós salarios dos produtores de vacún de carne.
Outra das carencias ás que o sector está facendo fronte é a falta de que se fixen os custes de produción de carne de vacún en Galicia. “Levamos máis dun ano reclamando a necesidade de poñer en marcha o Observatorio de prezos que axude a establecer o que custa producir a carne de vacún en Galicia”, reivindica González.
Producir un quilo de carne custa, como mínimo entre 4,30 e 6 euros e o prezo medio dos últimos meses sitúase en 4,5 euros
A falta deste órgano, os datos que manexa a organización agraria establecen que nunha gandería que conte cunhas 43 vacas, manexe unhas 40 hectáreas, teña unha taxa de reprodución do 65% e dun 10% de recría, producir un quilo de carne tería un custo de 4,30 euros, sen ter en conta a man de obra familiar, cargas financeiras nin o IVE. “Se no cálculo estimamos tamén a man de obra, o custe sitúase arredor dos 6 euros”, explica González. Fronte a este custo, o prezo medio da carne de vacún en orixe nos últimos meses sitúase en 4,50 euros o quilo.
Un sector imprescindible
A organización agraria alerta ademais da importancia que ten este sector no rural galego, sobre todo en provincias como Lugo e Ourense. En Galicia contabilízanse unhas 22.000 ganderías, das cales 10.500 son profesionais e xeran arredor dunhas 200.000 reses. “Falar de gandería en Galicia é moito máis que falar de economía. Trátase dun sector vertebrador fundamental para a subsistencia das zonas de montaña e para aquelas máis afectadas polo despoboamento”, apunta González.
Este sector xera uns 22.000 postos de traballo en concellos cunha media de poboación de 1.000 habitantes. “Estas ganderías son imprescindibles. A produción de carne en Galicia non era rendible xa antes da Covid-19 e coa pandemia agravouse aínda máis a situación”, valora. Ademais das axudas da Administración, outra das vías para afrontar esta situación que apuntan dende Unións pasa pola posta en valor da produción galega, con prezos máis parellos á calidade da carne que se proporciona baixo o selo Ternera Gallega.