Subas da recría frisoa e dos becerros de cebo en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra subas nos animais frisóns para criar e nos tenreiros carniceiros. Baixadas no vacún maior, nos leitóns e o mercado do ovo

Subas da recría frisoa e dos becerros de cebo en Silleda

Animais nunha das naves da Central Agropecuaria en Silleda (Pontevedra). // Imaxe de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistra este martes subas nos prezos medios da recría frisoa, mentres que nos animais de cruces houbo baixadas en case tódalas categorías, tanto nos machos coma nas femias. Tamén se produciron baixadas no vacún maior. Os becerros de cebo cotizaron á alza con respecto da semana pasada.

Nas mesas de cotizacións do porcino mantéñense estables os prezos do porco cebado pero houbo unha baixada nos leitóns. Tamén o mercado do ovo experimentou unha redución do valor de todas as categorías.

Facemos un repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado con respecto da semana pasada. Cómpre ter presente que existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.

Prezos do vacún

Os becerros de recría frisóns cotizaron á alza. Os machos de menos de 20 días tiveron un valor de 165 euros (26 euros máis). Nos animais de entre 20 e 50 días houbo unha suba de 8 euros, ata situarse nos 179 euros. Nos becerros de máis de 50 días, o prezo medio estivo nos 248 euros, o que amosa un incremento de 48 euros.

Na recría de cruces industriais houbo baixadas en case tódalas seccións. Os tenreiros máis novos foron a excepción, cun incremento de 10 euros, de xeito que teñen un prezo medio de 346 euros. As femias desta idade xa descontaron 24 euros e quedaron nos 272 euros. Os tenreiros de entre 20 e 50 días descontaron 19 euros con respecto da semana pasada e tiveron un prezo medio de 404 euros. Nas femias houbo unha baixada de 12 euros e teñen un valor de referencia de 310 euros. Nos animais de máis de 50 días, os machos cotízanse a 520 euros, logo dunha baixada de 38 euros. As femias descontaron 106 euros ata os 378 euros.

Nos animais de cebo, os becerros frisón tiveron un valor medio de 783 euros, logo de que a semana pasada non se adxudicaran animais desta raza. Nos becerros de cruces industriais, o prezo medio de cotización acadou os 1.193 euros, é dicir 4 máis que na sesión anterior. As femias desta categoría descontaron 16 euros e están a 1.029 euros. Nos exemplares de Rubia Galega, os machos tiveron un prezo medio de 1.403 euros (138 euros máis) e as femias incrementaron o seu valor en 142 euros, ata quedar nos 1.147 euros. Nos animais comercializados baixo o selo Ternera Gallega Suprema, o valor de referencia foi de 1.199 euros, o que supón un incremento de 40 euros con respecto da semana pasada.

No vacún maior houbo baixadas en boa parte das categorías. Os animais da categoría extra teñen un valor medio de 2.055 euros, o que os converte nunha das excepcións, ó amosar unha suba de 79 euros en comparación co prezo medio da semana psasada. As vacas de primeira sitúanse nos 1.138 euros, logo dunha baixada de 9 euros. Nos exemplares de segunda, o prezo medio reduciuse en 11 euros e acada os 724 euros. Os animais de desfeito teñen un valor de referencia de 409 euros, o que amosa unha baixada de 99 euros. Nos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia, esta semana o valor medio de referencia foi de 2.267 euros (+482 euros).

Central vacuno 23_05_2023

Baixada dos prezos dos leitóns

As mesas de cotizacións do porcino mantivéronse esta semana sen cambios no porco cebado, pero os leitóns acusaron unha baixada de 3 euros. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 104 euros (cun prezo de 5,2 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 99 euros e cun prezo por quilo de 4,95 euros.

Nos animais cebados, o porco selecto e o normal teñen un valor de 2,055 e 2,03 euros o quilo. Os porcos de Canal II están a 2,636 euros. Os animais de descarte cotízanse entre 1,37 e 1,43 euros o quilo.

O mercado do ovo tamén experimentou esta semana unha baixada de 0,03 euros en tódalas categorías. Deste xeito, os ovos da XL están a 2,94 euros a ducia, os da L a 2,73 euros, os ovos da M a 2,37 euros e os da S páganse a 2,12 euros a ducia. As galiñas de descarte semipesadas mantéñense sen variacións e cotízanse entre os 0,32 e os 0,40 euros o quilo.

O prezo do coello está nos 2,4 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

central porcino 23_05_2023

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información