A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou este martes novos récords, logo de varias xornadas batendo as súa marcas históricas. Mentres, nos prezos medios a tendencia foi á baixa en case tódalas categorías de vacún, tanto da recría, como dos becerros carniceiros ou do vacún maior. Porén, as mesas do porcino continúan con importantes subas, igual que o mercado do ovo.
Hoxe contabilizouse o maior volume de transaccións da historia da Central, ao sumar as diferentes poxas 817.504 euros e superar os 701.058 euros, que ata hoxe era a maior cantidade que se acadara, unha cifra lograda hai tan só uns días, o pasado 22 de febreiro deste mesmo ano.
A esta marca contribuíron as cifras de facturación das diferentes categorías. Así, as transaccións en vacún maior tamén supuxeron as máis altas rexistradas na traxectoria deste mercado, con 561.019 euros que rebasaron os 505.746 euros do pasado 22 de febreiro. En becerros carniceiros situáronse en 122.331 euros, a maior cantidade dende que se facturaran 142.071 euros o 17 decembro de 2019. En canto aos becerros de recría, acadaron a maior facturación deste ano, con 134.154 euros.
Ademais, a Central rexistrou hoxe unha asistencia total de 1.227 animais, a maior dende o 14 de xaneiro de 2020, cando concorreran 1.259 exemplares. A cifra reflicte unha importante asistencia nas tres categorías. En vacún maior cifrouse en 390 animais, a maior concorrencia dende o 24 de xuño de 2014, cando acudiran 397. En becerros carniceiros, con 158, foi a maior dende o 17 de decembro de 2019, cando asistiran 210. E en becerros de recría foi a maior cifra do ano con 679 exemplares.
O animal co valor más alto comercializado este martes en Silleda foi unha vaca de raza rubia galega procedente da gandería de Manuel López Quiroga, de Samos, que alcanzou unha cotización de 6.211 euros. Outra vaca desta gandería foi vendida por 4.698€.
Prezos medios do vacún
Realizamos un repaso e unha comparativa coa xornada pasada para comprobar a evolución dos prezos medios do vacún. Cómpre ter presente que este é un exercicio que busca servir ó sector para coñecer as tendencias dos prezos, pero existen factores condicionantes como a calidade dos exemplares, que determinarán os prezos de cada exemplar.
No caso da recría, as únicas subas rexistráronse nos animais de maior idade, mentres que no resto a tendencia foi á baixa. Na recría Frisoa, os animais máis novos descontaron 25 euros e cotízanse a 83 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días, o prezo baixou 21 euros con respecto da semana pasada e quedan en 103 euros. A única suba produciuse nos tenreiros de máis de 50 días, que pasaron a ter un prezo medio de 136 euros, o que evidencia un incremento de 7 euros.
Nos becerros de cruzamentos industriais, os animais máis novos, os de menos de 20 días, sitúanse nos 190 euros, é dicir, 38 euros por debaixo do prezo de referencia da semana pasada. Nas femias desta sección produciuse unha baixada de 9 euros e quedan nos 193 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días, o prezo medio foi de 268 euros, logo de descontar 33 euros. Nas femias a rebaixa foi de 11 euros e o prezo de referencia está nos 207 euros. A baixada máis significativa produciuse nos becerros de máis de 50 días, cunha redución de 95 euros. Agora cotízanse a 390 euros. As femias foron a excepción deste tipo de animais ó conseguir o prezo medio unha suba de 19 euros e cotizarse a 311 euros.
Nos becerros carniceiros a tendencia foi á baixa, aínda que con algunhas excepcións. Os animais frisóns tiveron un prezo medio de 697 euros, o que supón unha baixada de 86 euros con respecto da semana pasada. A única femia desta raza vendeuse por 734 euros. Nos becerros de cruces industriais, o prezo medio foi de 907 euros, 35 euros máis que o prezo de referencia da última lonxa. As femias descontaron 11 euros e o prezo medio sitúase nos 744 euros. Os becerros de Rubia Galega acadaron un prezo medio de 956 euros, o que supón unha baixada de 63 euros. Nas femias o valor medio está nos 790 euros, é dicir, 53 euros menos que a semana anterior. Os animais co selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega Suprema acadaron un prezo medio de 824 euros, o que amosa unha baixada de 104 euros.
No vacún maior produciuse unha baixada xeral dos prezos medios. As vacas da categoría extra están nos 2.022 euros de media, logo dunha redución de 84 euros. Nas vacas de primeira case non houbo variacións, e sitúanse nos 1.193 euros, cun euro máis que a semana anterior. Nas vacas de segunda o prezo medio queda nos 774 euros, cunha baixada de 7 euros con respecto da última feira. Tamén as vacas de descarte tiveron unha redución do prezo, neste caso de 53 euros, e o valor medio queda nos 469 euros. Os animais co selo da IXP Vaca e Boi de Galicia tiveron un prezo medio de 2.471 euros, mentres que a semana pasada se atopaba case no dobre, ó acadar os 4.236 euros.
Subas no porcino
Esta semana as mesas de prezos do porcino acordaron de novo subas tanto no porco cebado como nos leitóns. Así, o porco selecto e o normal tiveron un incremento de 0,06 euros e pasan a cotizarse a 1,265 e 1,240 euros o quilo, respectivamente. A suba máis destacada, ó igual que nas últimas semanas, produciuse nos animais de Canal II, que tiveron un incremento de 0,78 euros e agora sitúanse nun prezo de 1,610 euros o quilo. Os animais de descarte tiveron unha suba de 0,06 euros e cotízanse entre os 0,46 e os 0,52 euros o quilo.
Nos leitóns, produciuse unha suba de 4 euros. Os exemplares chegados dunha única granxa están nos 55 euros (cun prezo de 2,75 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 50 euros e teñen un prezo por quilo de 2,5 euros.
No mercado do ovo houbo de novo subas por valor de 0,05 euros en tódalas categorías. Así, os ovos da XL cotízanse a 1,93 euros a ducia, os ovos da L teñen un prezo de 1,64 euros, os da M están 1,46 euros e os da S atópanse a 1,24 a ducia. As galiñas de descarte tamén experimentaron unha suba de 0,05 euros e pasan a cotizarse entre os 0,26 e os 0,33 euros por quilo.
A Mesa Nacional de Prezos para o Coello, Loncun, acordou esta semana unha suba de 0,10 euros de xeito que o quilo de coello acada os 2,05 euros.