A Feira Internacional Abanca Semana Verde suma este ano novos concursos morfolóxicos de razas autóctonas de cabra e ovella. Nesta 42 edición, que arranca o xoves día 6, e se prolonga ata o domingo 9, celebrarase por primeira vez esta competición na que se escolle ós mellores machos e femias entre exemplares maiores de dous anos.
Estes dous novos concursos, ó igual que o da Galiña de Mos e as razas bovinas, estarán organizados pola Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga) xunto coas asociacións integradas e os seus criadores.
En canto ós concursos de vacas de razas autóctonas, celebrarase o VIII Concurso Morfolóxico da Raza Cachena, o VII da Vianesa, VI da Caldelá, V da Limiá e o III da Frieiresa.
E no referido á Galiña de Mos, terá lugar o 6º Campionato Galego, no cal se inclúe a 5ª edición de “A Galiña de Mos e os seus Poliños”, o XII Concurso Monográfico e a 8ª Exposición e Concurso por lotes.
Ademais, realizaranse outros dous concursos morfolóxicos, o do Cabalo de Pura Raza Galega, da man da Asociación de Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga), e o terceiro do Porco Celta, organizado pola Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel), que tamén desenvolverá o II Concurso Nacional de Manexo.
Na feira tamén haberá exposición de exemplares de tódalas razas: bovinas Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa, Porco Celta, Cabra e Ovella Galegas, Cabalo de Pura Raza Galega e Galiña de Mos, que contará cun mercado de aves vivas.
Ademais, desenvolveranse actividades ecuestres da Asociación Pura Raza Cabalo Galego, como unha exhibición de ximnasia acrobática sobre cabalos, unha clase práctica sobre tratamentos dentais e unha exhibición de doma de alta escola, doma clásica e monta antiga á amazona.
Marcas de criadores de razas autóctonas
Paralelamente á Semana Verde, celebrarase o 23º Salón de Alimentación (Salimat Abanca) no que se levarán a cabo distintas propostas arredor das razas autóctonas. Por primeira vez realizaranse presentacións de marcas comerciais de varios criadores destas razas.
Os produtos daranse a coñecer ó público con degustacións elaboradas por diferentes profesionais da restauración. Así, entre os produtores que participarán e presentarán os seus produtos deste xeito atópase Cachenas de Pantón, con carne de cachena guisada; Jamones González, que servirá presa de Porco Celta Eco; O Agro, con minihamburguesas 100% Caldelá; A Granxa de Lola, Embutidos Hermelindo, con cabeza de Porco Celta rechea de verduras da horta de Mondoñedo; Gandería Tras do Río, presentando as súas Cachenas; Galiñas de Mos e Cabalo Galego, Tres Fuciños, con carne de Porco Celta; Granxa Aeiroá, Cachenas de San Breixo, Chousa do Lea cunha degustación de ovos de Galiña de Mos; e Pastos do Enxilde, con hamburguesas de xamón de Porco Celta con fariña de castaña.
Por primeira vez realizaranse presentacións de marcas comerciais de varios criadores de razas autóctonas
O público tamén poderá degustar as razas a través dun menú de catro tapas, que variará cada día no restaurante Tapirazas, no cal Boaga e o cociñeiro Antonio Díaz Calvo, do restaurante Andarubel – Fragas do Eume, poñerán en valor estas razas.
O salón, por último, contará de novo co espazo “De Nós para Vós”, centrado na venda dos produtos das razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción. Catorce produtores presentarán carne e derivados. Será coas marcas Ganadería Balín, Cachenas de Pantón, Cachenas de San Breixo, Gandería e Carnicería Lage, Gandería Tras do Río, Castro de Madrosende, Aves do Concello, Chousa do Lea, Gacarli, Granxa Aeiroá, A Granxa de Lola, Cruz Grille, Granxa Teixeiro e Pistón e tamén O Agro.