Selección xenética da abella galega, colmeas máis resistentes a enfermidades, produtivas e mansas

A Casa do Mel de Goente (As Pontes) impulsa un programa de selección xenética da abella negra local para lograr mellores apiarios. Uns 40 apicultores galegos participan desta iniciativa cunha selección inicial nas súas colmeas. Coñecemos máis detalles desta iniciativa de conservación da especie autóctona

Selección xenética da abella galega, colmeas máis resistentes a enfermidades, produtivas e mansas

A selección das abellas estana realizando en distintos apiarios de Galicia e con probas determinantes para coñecer as características das colmenas.

“Noutras especies son habituais os programas de selección e mellora xenética, pero coas abellas en Galicia pouco se ten feito ata agora”, explica Manuel Ferreira, presidente da asociación e do centro de divulgación apícola A Casa do Mel de Goente, nas Pontes (A Coruña). Por iso, no 2019 iniciaron un programa de selección xenética da abella autóctona co que conseguir mellores apiarios e no que están agora a traballar intensamente coa colaboración de apicultores de distintas zonas de Galicia. “É un programa que vai levar o seu tempo, pero é unha necesidade que hai na apicultura galega”, reivindica Ferreira.

Coa súa selección queren conseguir colmeas máis resistentes ás principais enfermidades, en especial á varroa, a maior ameaza actual para a supervivencia dos apiarios. “A nosa prioridade é seleccionar aquelas abellas autóctonas que respondan mellor fronte ás enfermidades”, apunta Ferreira. Ademais, teñen en conta outros aspectos, como a produción que logran ou o mansas que son, calidades que resultan interesantes posto que facilitan tanto a rendibilidade da actividade como o labor dos abelleiros.

A selección nos apiarios

A primeira fase do programa é a selección de colmeas con boas aptitudes, para o que contan coa participación duns 40 apicultores de distintas zonas de Galicia. Así, teñen colaboradores dos Ancares, da zona de Santiago ou de Muras, entre outros lugares. Xa no 2019 levaron a cabo a selección das primeiras colmeas grazas á colaboración duns 11 apicultores. O ano pasado a pandemia interrompeu os traballos de selección que retomaron este ano.

Os propios apicultores fan unha selección inicial das mellores colmeas que teñen no apiario e logo un equipo técnico procede a facer máis probas para determinar aquelas con mellores aptitudes. O principal obxectivo é conseguir abellas cunha boa resistencia ás enfermidades e para iso valoran moito aquelas colmeas hixiénicas e organizadas, xa que son dúas características determinantes para ofrecer unha mellor resposta ante enfermidades como a varroase.

Para valorar estas calidades, realizan unha pequena proba que consiste en pinchar unha pequena zona de cría, que deixan sinalizada. “Unha boa colmea detectaría ese problema na cría e en menos de 24 horas tería esa zona limpa”, detalla a veterinaria Iria Bellas, que forma parte do equipo técnico involucrado no proxecto xunto co enxeñeiro de montes Iago Vilela e a bióloga Eva Pico.

 Avalían a capacidade de limpeza da colmea, xa que é unha vantaxe ante enfermidades como a varroase.

Avalían a capacidade de limpeza da colmea, xa que é unha vantaxe ante enfermidades como a varroase.

Outra das probas que realizan para ver a resposta das abellas á varroa consiste en colocar un papel branco impregnado de vaselina no fondo sanitario da colmea dous días antes da visita dos técnicos ó apiario. Nel poden contabilizarse os exemplares de varroa que se desprenderon das abellas nese tempo e comprobar tanto o grao de afección como a resposta da colmea. “Nunha revisión no microscopio podemos comprobar como se atopan os ácaros e saber se se desprenderon accidentalmente das abellas ou se foron eliminados do seu corpo polas propias abellas”, concreta a veterinaria. Cando os ácaros son arrancados polas propias abellas, nun proceso de acicalamento coñecido como grooming, a varroa queda con danos que se aprecian nunha revisión máis meticulosa. O estudo pon especial atención na varroa, non só polo problema actual que supón para os apiarios, senón pola resistencia ós tratamentos habituais que están comezando a desenvolver os ácaros.

reconto de varroa -seleccion xenetica abella galega

Reconto de varroa nun dos apiarios preseleccionados.

A mansedume da colmea é outro dos aspectos a valorar, posto que facilita en gran medida o traballo dos abelleiros. Cando o equipo de expertos chega ó apiario avalía a resposta que ten a colmea fronte a eles, así como unha vez que comezan a abrila. “Este é un carácter moi hereditario, polo que se unha colmea é mansa é moi probable que llo transmita ós seus descendentes”, apunta a veterinaria.

Tamén teñen en conta a calma das abellas ante situacións que para elas supoñen un risco, como son os ataques á cría. Os técnicos extraen un panal con cría que colocan fóra da colmea para observar así a resposta das abellas. “Deste xeito avaliamos o instinto maternal e de protección da colmea ó ver se coidan da cría e permanecen apegadas para manter a temperatura e evitar que morran ou se se marchan”, detalla Bellas. A cantidade de abellas e de cría da colmea son outros factores que tamén teñen en conta neste proceso de selección.

A produción da colmea é tamén determinante nun proceso de selección xenética coma este, pero a escolla farana nas seguintes fases do programa. “Avaliaremos as colmeas en igualdade de condicións para saber realmente cales son as máis produtivas”, explica a bióloga Eva Pico.

Selección das mellores

Unha vez rematen esta primeira fase de selección entre os apiarios que participan no programa de mellora, trasladarán as colmeas ó apiario que a Casa do Mel ten para este fin na antiga zona restaurada pola compañía eléctrica Endesa. Este apiario para a selección xenética instalárono no 2019, logo dun convenio coa firma e engádese ós outros dous que o colectivo xestiona na zona, un deles dedicado á produción de mel e produtos da colmea e outro para actividades de formación.

A zona de restauración da compañía, que abrangue unas 1.500 hectáreas, permite que o proceso de selección se leve a cabo máis facilmente e con maiores garantías. “As colmeas da asociación son as únicas deste espazo, o que nos garante que os cruzamentos van ser só coas nosas abellas”, detalla Ferreira.

Probas xenéticas

O proceso de selección que realizan nas colmeas compleméntase cunha identificación xenética. Na primeira fase do programa, coa selección realizada no 2019, xa realizaron estas probas para coñecer a especie de abella dos apiarios escollidos. “Tódalas abellas que seleccionáramos eran Apis mellífera iberiensis, a nosa abella negra común e autóctona”, concreta Ferreira.

As probas xenéticas, que realizaron na Universidade de Murcia, tamén confirmaron que contaban con exemplares tanto do subgrupo europeo e africano, á par que se detectou un novo tipo, que aínda non estaba identificado. “Ademais de confirmar que contabamos con abella autóctona, o máis importante foi que nos informaron de que tiñamos a suficiente variabilidade xenética como para poder levar a cabo un proceso de selección e mellora xenética”, indica a bióloga Eva Pico. A endogamia pode terminar provocando desequilibrios dentro da colonia como a diminución da termoregulación, de resistencia a enfermidades e a aparición de fallos nas postas, coñecido como polo lagunar.

“Queremos chegar a ter un banco de raíñas que poder ofrecer ós apicultores socios”: Manuel Ferreira, presidente da Casa do Mel 

Ademais de conservar a abella negra local, pola súa adaptación ás condicións climáticas galegas, o proxecto busca achegar este proceso ós apicultores. “Queremos chegar a ter un banco de raíñas que poder ofrecer ós socios”, apunta Ferreira.

Á par dos convenios de colaboración coa entidade eléctrica, o colectivo tamén contou coa colaboración tanto da Deputación da Coruña como do Concello. “Para nós é moi importante contar co apoio das administracións para poder levar a cabo estas iniciativas que teñen beneficios tanto para os apicultores como para a sociedade en xeral”, reivindica Ferreira. Nos últimos tempos tamén puxeron en marcha unha ruta apiturística polos seus apiarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información