“Se non mellora o prezo da carne non vai haber relevo xeracional nas ganderías”

Os produtores manteñen as súas protestas diante da Xunta e a Subdelegación do Goberno en Lugo e anuncian que estudarán “medidas máis contundentes” se as súas demandas non son atendidas

Os produtores de vacún de carne entran na segunda semana de mobilizacións sen obter resposta positiva ás súas reivindicacións, relativas a lograr un prezo de venda dos xatos que cubra os seus custos de produción e á modificación dos criterios fixados para o reparto das axudas da nova PAC.

A subdelegada do Goberno en Lugo recibía onte a unha delegación da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema, convocante da marcha do pasado martes en Lugo, comprometéndose a dar traslado das súas demandas ao Ministerio de Agricultura, mentres a Xunta non moveu aínda ficha, malia asistir a semana pasada parte dos seus representantes á protesta diante da súa propia sede en Lugo.

Mentras esperan medidas concretas por parte da dúas Administracións, os gandeiros manteñen a súa presenza diaria diante das dúas institucións e advirten que estudarán “medidas máis contundentes se as solucións seguen sen chegar”.

Igualdade coas explotacións de leite

Os produtores de vacún de carne síntense “discriminados” fronte aos de leite na nova PAC e piden que a axuda asociada por vaca nodriza, establecida en 85€, se incremente até igualar á fixada para as vacas leiteiras, que é de 158€ para o novo período que entra en vigor a partir deste ano.

Piden que o prezo de venda dos xatos se estableza por enriba de 7€/kg fronte aos 5,60€/kg actuais

Do mesmo xeito, reclaman “solucións” ante a actual situación de “venda a perdas” e “prácticas abusivas” por parte dos matadoiros que compran e sacrifican os seus becerros. “Os gandeiros sentímonos indefensos ante un sistema dominado polo monopolio da industria”, quéixanse.

Ampliar a 90 hectáreas o pago íntegro das axudas agroambientais

O pasado 29 de novembro a Asociación Gandeiros Galegos da Suprema rexistrou un escrito dirixido á Consellería do Medio Rural advertindo das “consecuencias negativas” da nova PAC para o sector do vacún de carne e pedindo unha serie de cambios que non foron tidos en conta na orde aprobada o pasado 20 de marzo e que regula o reparto de axudas da PAC para o período 2023-2027.

A nova PAC supón condenar ao peche a un número considerable de explotacións

Entre as novidades establecidas, a Xunta introduce un criterio de degresividade nos pagos que fai que a partir das 50 hectáreas de superficie se apliquen descontos no importe das axudas. Esta decisión, “penaliza a extensificación e non prima a quen quere producir”, explica Santiago Rego, presidente da asociación de produtores de Suprema, que pide que se amplíe até as 90 hectáreas o pago da totalidade das primas por prácticas agroambientais.

VIDEO PROTESTAS GANDEIROS CARNE APAISADA

Liña de axudas anual para servizos de asesoramento

Os produtores de vacún de carne ven como a nova PAC “incrementa exponencialmente a burocracia”, cunha maior complexidade na tramitación das axudas e uns requisitos de control cada vez maiores, polo que reclaman “unha liña de axudas anual convenientemente dotada orzamentariamente de cara a subvencionar un servizo de asesoramento aos produtores de vacún de carne”.

O lobo está presente no 94% do territorio galego e non hai barreiras físicas entre municipios que impidan que ataque en calquera lugar

En relación aos problemas de convivencia co lobo, esixen ampliar as axudas a todos os concellos, dado que “un estudo publicado pola propia Xunta di que o lobo está presente no 94% do territorio galego e non hai barreiras físicas entre municipios que impidan ao lobo moverse e atacar en calquera punto da xeografía”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información