A gandaría cántabra SAT Arenas logrou converterse nos últimos anos nun referente en innovación e boa xestión en vacún de leite, non soamente en Cantabria senón a nivel español.
Propiedade de dous gandeiros socios, Eduardo Entrecanales e Alfonso de la Fuente, esta explotación con 122 vacas en muxido, acometeu nos últimos anos importantes melloras en benestar animal, manexo de cultivos e robotización que lle permitiron situarse como líder en produción en Cantabria, cunha media de 13.900 litros por vaca e lactación normalizada a 305 días, unha lonxevidade media de 4 partos por animal e soamente un 18% de reposición.
Situada no municipio cántabro de Camargo e socia da cooperativa Agrocantabria, a historia de SAT Arenas remóntase varias xeracións atrás. “O meu avó, Gerardo Entrecanales empezou coa gandaría, e xa nos anos 50 munguía 30 vacas. Logo colleu o relevo o meu pai, Tino Entrecanales, que aumentou o rabaño, instalou o circuíto de muxido e posteriormente unha sala de 5×2 puntos”, explica Eduardo, que se incorporou á gandaría familiar en 2003 mentres estudaba empresariais.
“Foi nese ano cando creamos a sociedade formada por min, Alfonso de la Fuente, outro mozo gandeiro de Escobedo; o meu pai tino, hoxe falecido, e a miña nai Bea, sendo Alfonso e eu gandeiros a título principal. Fomos medrando e pasamos a unha media de 100 vacas en muxido, até o ano 2010 cando decicimos instalar dous robots de muxido, modelo Lely A3, e aumentamos até 122 vacas en produción”, engade.
Até hai pouco esta granxa de 122 vacas en muxido e 1,8 millóns de litros de produción, era atendida unicamente polos dous socios. “Hai dous anos contratamos a Tino, un estudante que fixo aquí as prácticas do curso de agropecuaria de Centro Integrado de Formación Profesional La Granja, coa idea de coller máis tempo libre”, explica Eduardo. Isto permitiulles librar 1,5 días á semana e gozar duns 20 días de vacacións ao ano.
Produción media e ración
Na actualidade SAT Arenas produce algo máis de 1,8 millóns de litros de leite ao ano, cunhas calidades do 3,79% de graxa e 3,32 de proteína no que levamos de ano.
A media de produción por vaca é de 13.900 litros a 305 días a 3 muxidos, o que a converte desde fai tres anos na máis produtiva de Cantabria. Pero máis que eses datos, Eduardo Entrecanales destaca as lactaciones vitalicias, “pois estamos de media en algo máis de 60.000 litros por vaca”. “Mesmo temos 8 vacas presentes con máis de 100.000 quilos de produción vitalícia e varias con máis de 90.000 quilos. É dicir, contamos con moitas vacas con máis de 30 quilos por día de vida, o que é o dato importante, e mesmo temos unha vaca con 5 partos que chegou aos 37,5 quilos producidos por día de vida. En definitiva, estamos a lograr unha produción eficiente”, subliña.
Para lograr estas producións a alimentación do gando componse da seguinte ración: As vacas en produción reciben 27 kg de silo de millo, 18 kg de silo de raigrás, 1,2 kg de palla picada de trigo e cebada, 7 kg de penso e en robot entre 7 e 7,5 quilos de penso, en función da época do ano e momento da lactación.
“Como contamos con robot, que dá o penso en función da produción de cada vaca, hai unha ración base e outra personalizada. O penso do robot non se varía nunca e é máis enerxético; o que se cambia é o penso do pesebre, en función das calidades da forraxe”, precisa. Para mellorar as calidades do leite empezaron a engadir metionina na ración, o que lles permitiu pasar de 3,15 de proteína e 3,5 de graxa a 3,79 de graxa e entre 3,20 e 3,32 de proteína.
Xenética e benestar animal
Xunto á alimentación, outra das claves de SAT Arenas para mellorar a rendibilidade é a selección xenética. “Buscamos unha vaca balanceada, polo que á hora de elixir os touros temos en conta o tipo, que teña bos ubres e patas, produción alta, sólidos por riba da media e todos os caracteres de saúde (lonxevidade, fertilidade das fillas, RCS por baixo da media)”, explica este gandeiro.
Desde 2013 tamén xenotipan todas as tenreiras para recriar unicamente os animais de maior potencial xenético. “A xenónomica axúdanos a tomar decisións de que vacas criar e de cales non e ás mellores sacámoslles embrións. Estamos satisfeitos cos resultados, e de feito levamos 3 anos sendo os primeiros de Cantabria en índices xenéticos en gandarías con máis de 75 reprodutoras”, destaca.
Nas vacas de menor valor inseminan con razas cárnicas. Así, entre 35 e 40% das vacas en produción son fecundadas con seme de Azul Belga, buscando touros con facilidade de parto.
Grazas á mellora nos datos de lonxevidade a taxa de reposición de SAT Arenas baixou até o 18%. En canto á recría desde ao ano 2005 envíana a Rancho Las Nieves, en Zaragoza, por problemas de espazo no establo e de man de obra. “Estamos contentos, porque nos quita bastante traballo e as xovencas veñen moi ben criadas”, valora.
Pero sen dúbida, un aspecto fundamental para incrementar os datos produtivos e de lonxevidade desta gandaría foi a mellora en benestar animal. Así, lembra que “en 2008 ampliamos o establo e as vacas pasaron de estar en colchoneta a cubículos de area, e só con esa mellora xa notamos entre 4 e 5 litros máis de leite cada día e un descenso nas células somáticas”.
Outras melloras de benestar foron a instalación de ventiladores de helicóptero e o derrubo das paredes de bloque para mellorar a ventilación da nave. Para iso, instalaron portóns de chapa microperforada que permanecen abertos todo o tempo, menos cando chove ou cando o sol dá no pesebre.
Tamén instalaron chan de goma en toda a nave, tanto en corredor de cornadiza como en corredor de acceso ao robot para mellorar o confort de patas.
Ademais, destaca que “a instalación do robot de muxido tamén supuxo outra mellora importante para o benestar animal, ademais de permitirnos mellorar a lonxevidade e pasar de 35 litros de produción a un media de 42”.
Manexo da base territorial
Polo que respecta á xestión da base territorial, en SAT Arenas contan con 46 hectáreas de superficie repartidas en varias leiras nun radio de 2 quilómetros ao redor da corte: 3 hectáreas son en propiedade e o resto en aluguer. “Aquí foron pechando moitas gandarías e quedamos soamente 5, pero o terreo é xusto e non hai moitas posibilidades de aumentar”, recoñece Eduardo.
En 28 hectáreas sementan millo, normalmente un ciclo 300 ou 350, do que nos últimos anos lograron boas producións, cunha media de 50 toneladas de materia húmida por hectárea. Probaron tamén a sementar ciclos 500 e 600, sobre todo en parcelas a barbeito, chegando ás 60 toneladas por hectárea.
Na elección da variedade priman a dixestibilidade, aínda que perdan en porcentaxe de amidón, que se stiúa nunha media de entre o 30 e o 32%, cun 30% de materia seca.
O resto da superficie repártese do seguinte xeito: en 22 hectáreas rotan o millo con raigrás italiano, 4 hectáreas están a poula, en 3 cultivan alfalfa e o resto, unhas 15 hectáreas, son pradarías permanentes de raigrás inglés ou pradarías naturais.
“Decidimos realizar un ensaio coa alfalfa e estamos a conseguir boas calidades, con entre un 17 e un 20% de proteína, e uns 6 cortes. O problema que lle vemos é que complica o manexo, porque temos que facer bólas, e se lle dás moita ás vacas baixa a inxesta, pois resúltalles menos palatable. A vantaxe é que coa alfalfa ese terreo osixénase máis e fíxase nitróxeno, co que se despois de 4 anos decidimos sementar millo os resultados produtivos deberían ser bos”, explica Eduardo.
Outro ensaio que realizaron é o engadido de bacterias á fosa de xurro para reducir as emisións amoniacais. “Levamos pouco tempo, e si que é certo que os malos cheiros baixaron moito. En canto á mellora na capacidade fertilizante do xurro aínda non podemos dar datos”, asegura.
Onde si contan con resultados fiables en con PROFER, o programa de fertilización á carta da cooperativa DELAGRO. “Empezamos hai 4 anos: Primeiro os técnicos analizaron o terreo, logo formularon un abono químico adaptado ás necesidades de cada parcela e a verdade é que durante os últimos tres anos logramos colleitas de millo moi boas, axudados tamén pola climatoloxía, pois choveu cando debía para o desenvolvemento da planta”, recoñece este gandeiro
.
Pioneiros en España en instalar o Lely Vector
SAT Arenas tamén é a explotación de vacún de leite onde se instalou o primeiro Lely Vector en España, o sistema automatizado de alimentación, que se sumou ao dous robot de muxido Lely Astronaut A3 cos que conta desde hai unha década.
Entre as súas vantaxes destaca “o aforro en gasoil, xa que consome entre 2,5 e 3 euros ao día de electricidade; os animais dispoñen de alimento fresco 10 veces ao día segundo demanda, así como que o almacenamento da comida se realiza cada tres días, os luns, mércores e venres, co que reducimos o noso tempo de traballo”. O vector realiza a mestura, distribúea na cornadiza, e arrímaa cando é necesario.
Ademais, Eduardo Entrecanales valora que “a eficiencia é absoluta, xa que con esta subministración frecuente de comida as vacas consomen un 4% menos de alimento, pero producen un 3% máis de leite, cunha media de 41/42 litros por vaca e día”.
Antes de compralo para substituír ao carro mesturador arrastrado, en SAT Areas realizaron unha visita a varias gandarías de Italia que constaban con este sistema de alimentación robotizado. “Tiñamos medo de que quecesen os tacos da comida, sobre todo os de forraxe, pero vemos que están frescos, a pesar de levar varios días. Outro temor era que se parase a máquina a cotío, peo vemos que funciona sen interrupcións”, afirma.