San Sadurniño en flor, unha iniciativa de apoio ós viveiros locais de planta ornamental

O Concello de San Sadurniño impulsa unha iniciativa coa que auxiliar ós viveiristas e empresas do sector primario locais ó tempo que engalanan o municipio con plantas e flores. A proposta está a ter gran acollida entre os veciños ó superar xa as 100 encargas

Publicidade
San Sadurniño en flor, unha iniciativa de apoio ós viveiros locais de planta ornamental

Os viveiros galegos de planta ornamental e flor cortada sufriron importantes perdas ó restrinxirse as vendas polo coronavirus.

O sector da planta ornamental e a flor cortada foi un dos grandes prexudicados pola crise do coronavirus, que os deixou sen poder vender a súa produción en plena campaña e ocasionou grandes perdas económicas. Neste contexto, o Concello de San Sadurniño puxo en marcha hai dúas semanas a iniciativa “ San Sadurniño en flor” coa que pretende apoiar ós viveiros e empresas do municipio relacionadas co sector primario.

Ademais, esta proposta, coa que queren engalanar o municipio con plantas e flores, tamén busca recuperar a esencia da Feira da Plantación do mes de abril, que este ano foi suspendida por mor do coronavirus, cando acadaría a súa 25 edición. Con este proxecto agardan que San Sadurniño entre no circuíto estatal “Vilas en Flor”, xestionado en Galicia pola Fundación Juana de Vega.

A iniciativa “San Sadurniño en flor” proponlle á veciñanza decorar con plantas e flores as fiestras, balcóns, soleiras, peches e patios do concello. Para iso, o departamento de Desenvolvemento local, en colaboración con Vivergal e outros viveiros da zona, axudaralle ós veciños a iniciar o proceso decorativo cun pequeno lote de plantas de tempada que lle entregarán na casa de balde. Ademais, as mellores decoracións realizadas con estas plantas levarán premio.

Peticións dende todo o concello

A iniciativa está a ter unha boa acollida entre a veciñanza, tal e como comenta o titular de Desenvolvemento local, Manuel Varela, quen tamén agarda que se incrementen as peticións nestas últimas xornadas de prazo.

Ata media tarde do mércores, contabilizáranse un total de 108 peticións. O maior número de solicitudes produciuse en San Sadurniño, onde se rexistraron 46, seguida de Naraío con 24, Lamas con 11, 9 en Bardaos, 8 procedentes de Santa Mariña, 7 desde Igrexafeita e 3 de Ferreira.

Decorar con plantas ten premio

A entrega das plantas, que se fará entre o 1 e o 12 de xuño ás persoas que se inscribiran para participar, será o primeiro paso para poder optar a distintos lotes de premios. Unha vez reciban as plantas, os veciños deberán pensar onde e como colocalas para que queden o máis lucidas posible. Dende o Concello recomendan botarlle imaxinación e colocalas en lugares onde se vexan ben dende a vía pública. Asimesmo, o lote entregado polo Concello poderá combinarse con máis flores ou variedades de planta, así como con outros elementos decorativos.

Unha vez que se teñan os espazos decorados deberán facer 2 ou 3 fotos que logo terán que enviar ó Concello por correo electrónico ou por WatsApp antes do 22 de xuño, indicando na mensaxe o nome e o enderezo da persoa participante.

Un xurado integrado por unha persoa nomeada polo Concello e dúas en representación dos viveiros fará as valoracións dos conxuntos fotografados e incluso poderá visitar os que considere necesario. As decoracións premiadas daranse a coñecer o día 30 de xuño, así como a data da entrega de premios para as tres categorías coas que conta o concurso: 10 lotes de produtos, proporcionados por empresas locais do sector primario, para as mellores composicións florais de exterior, 10 para as xanelas ou balconadas máis floridas e outros 10 para os patios, peches ou xardíns máis vistosos.

As persoas interesadas en participar nesta proposta e recibir o lote de plantas gratuítas terán ata mañá venres ás 14.00 horas para inscribirse no teléfono 616 332 919 ou enviar un correo a agustin.perez(arroba)sansadurnino.gal indicando no asunto “San Sadurniño en flor”, ademais do nome, os apelidos, o enderezo e un teléfono de contacto. Esas dúas vías tamén serán as que deban empregar para enviar as fotos das composicións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información