Un estudo do Ministerio de Agricultura sobre as vacas nutrices en España sitúa á Rubia Galega en posición destacada na maioría de parámetros reprodutivos. A Rubia é a raza máis precoz en partos, logra un alto número de becerros por animal durante a súa vida produtiva e destaca ademais polo seu baixo intervalo entre partos. O estudio analiza tamén os censos das distintas razas, salientando o aumento que houbo en Limusín e Asturiana de los Valles nos últimos tres anos.
Analizamos a continuación os parámetros reprodutivos valorados no estudo:
– Idade ó primeiro parto. A raza Rubia Galega amosa a maior precocidade de pàrtos, cun 77,6% das vacas con becerros nados antes dos tres anos. Séguelle a fleckvieh, cun 76,2%, se ben a flecvieh presenta altas porcentaxes de vacas de máis de catro anos sen partos, unha cuestión que Agricultura considera que hai que contrastar en próximos estudos, pois non se detectara anteriormente.
A Rubia Galega é ademais a única raza na que máis dun 10% dos animais teñen un becerro antes dos dous anos.
– Distribución estacional dos partos. Na Cornisa Cantábrica prodúcese un pico de partos en primavera, igual que nas outras dúas grandes zonas produtoras (Dehesa e Pirineo), pero a estacionalidade dos partos é menor, pois no verán baixan menos os partos e non existe repunte no outono, como si sucede na Dehesa.
Na análise por razas, a Rubia Galega presenta o comportamento descrito para o conxunto da Cornisa Cantábrica: pico na primavera e distribución homoxénea no resto do ano, unha cuestión máis ligada co manexo das ganderías que coa propia raza en si. Desde o Consello Regulador da IXP Ternera Gallega levan anos fomentando un maior número de partos outonais, aínda que cun limitado éxito entre os produtores.
– Número de becerros por animal. A media estatal para vacas de 13-14 anos está en 9,05 becerros. Os mellores datos corresponden ás razas Morucha, Avileña-Negra Ibérica e Rubia Galega.
En vacas de 7-8 anos, a Rubia Galega encabeza o ránking, con 4,64 terneros de media, en tanto que en vacas de 13-14 anos é a segunda raza, con 9,61 animais, só por detrás da Morucha (9,64).
– Fertilidade. A nivel de España, a fertilidade das vacas nutrices sitúase nun 70%, entendido este dato como o dos animais que tiveron un becerro entre agosto do 2016 e agosto do 2017. A Rubia Galega supera lixeiramente a media, pero quédase por detrás da Morucha (79%) e da Avileña-Negra Ibérica (76%).
– Intervalo entre partos. O intervalo medio entre partos é de 440 días. Este dato, correspondente ó ano 2017, é 22 días menor ó medido no ano 2014, o que fala da progresiva profesionalización das ganderías. En Castilla Y León, a comunidade con maior número de vacas nutrices, o intervalo entre partos sitúase en 426 días, o menor de todo o Estado. Galicia tamén está ben posicionada, como cuarta comunidade con menor intervalo, e a Rubia Galega presenta un intervalo de 434 días, a terceira raza con mellores cifras, tras a Morucha (416) e a Avileña (432).
Galicia é a cuarta comunidade no censo de vacas nutrices
En España, había no 2017 un total de 2 millóns de vacas nutrices, entendidas como animais de máis de 24 meses destinados á produción e cría de becerros de abasto. Deses 2 millóns de vacas, a Galicia correspóndenlle 204.500, un 10,2% do total. É a cuarta comunidade en número de vacas nutrices, tras Castilla y León (26,9%), Extremadura (21,5%) e Andalucía (10,4%).
A raza máis habitual en España é a cruzada, cun total do 53,2%. As razas Limusina e Asturiana de los Valles son as seguintes en importancia, destacando tamén polo crecemento que experimentaron nos últimos anos (+41.000 exemplares a limusina e +10.000 a Asturiana).
En Galicia, un 49,5% dos animais son cruces, un 38% Rubia Galega e a parte restante doutras razas. Hai 79.500 exemplares de Rubia Galega, segundo o estudo, unha cifra inferior á de anos precedentes. Desde a Asociación de Criadores de Rubia Galega (Acruga) teñen explicado que esa baixada debeuse a un cruce de datos que permitiu depurar o censo de animais xa sacrificados.
A Rubia Galega é a cuarta raza en importancia no Estado, por detrás da Limusina (230.000 vacas), da Asturiana de los Valles (136.000) e do gando de Lidia (83.000).
Tamaño das explotacións
Galicia presenta unha media de 8 vacas nutrices por explotación e máis da metade das explotacións galegas teñen menos de 5 vacas. Esta situación contrasta coa media de animais por gandería nas grandes zonas produtoras (Castilla y León e Extremadura), con preto de 40 vacas por granxa.