Reflexións dun gandeiro sobre a recente morte dunha persoa en Zamora polo ataque de cans pastores

Reflexións dun gandeiro sobre a recente morte dunha persoa en Zamora polo ataque de cans pastores

Mastín protexendo o rabaño. Foto: Beealia

Joan Alibés, gandeiro de ovino en Lugo e delegado en Galicia da Asociación para la Conservación del Mastín Español Tradicional (Acmet), reflexiona neste artigo sobre a recente morte en Zamora dunha moza polo ataque de cans pastores e ofrece unhas recomendacións para reducir riscos

“Os mastíns de gando, como os demais cans de explotación ou pastores, están regulados pola Lei 4/2017, de 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia, a lei autonómica, e por tanto, están fóra da lei estatal. A lei referida apunta que os animais deben estar rexistrados con microchip e pasaporte sanitario a partir dos tres meses de idade. É por tanto obrigatorio que os cans estean correctamente rexistrados.

Ademais, deben ter os coidados sanitarios ao día, os tratamentos de desparasitación tanto interna como externa, e isto debe ser realizado por un veterinario, porque todos entenden un mínimo sobre cans.

Sobre esta base, a maiores, os mastíns non poden ocupar a vía pública nin outros espazos que non sexan aqueles para os que están destinados (os prados ou naves pertencentes á gandaría). Como os mastíns son animais e non coñecen de límites físicos e outro tipo de liñas, inténtase ter unha relación de tolerancia; é dicir, mentres non molesten, non debera haber problema porque a maioría das veces móvense arredor do gando.

A maiores, os mastíns deben estar revisados todos os días polos propietarios e alimentados correctamente. Os mastíns tratados de maneira correcta non deberan dar problemas. Por que? Pois porque están debidamente integrados no rabaño, séntense parte del e deféndeno basicamente do lobo. Así e todo, debemos recoñecer que compartimos espazos con outras actividades, sobre todo as de lecer, rutas en bicicleta, rutas a cabalo…etc.

Que facer cando nos atopamos con gando protexido por mastíns?

Aquelas zonas gandeiras onde o uso do mastín está xeneralizado, as persoas xa os van coñecendo, pero sería bo introducir unhas pautas para evitar riscos:

-A primeira e a principal, debemos estar tranquilos. Cando un mastín nos ladra e sae dun rabaño faino para alertar, non para atacar. Isto é así naqueles que están ben introducidos e proveñen de liñas de mastín gandeiro, o defendido pola Asociación para la Conservación del Mastín Español Tradicional (ACMET) e estamos a seleccionar e a coidar, e dos que coñecemos os pais e avós deles, ademáis de que fixeron un bo labor, traballaron ben e tiveron un bo comportamento.

Outra cousa é se un gandeiro cruza mastín gandeiro con razas máis agresivas, ás veces malinterpretando a función do mastín. Hai gandeiros que buscan animais máis agresivos entendendo que esa agresividade é unha maior defensa do rabaño, e esa é unha idea equivocada. Debemos seleccionar aqueles cans cun comportamento que os gandeiros observamos día a día que é correcto. Por iso descartamos para a cría os cans máis agresivos, erráticos ou que abandonan moitas veces o rabaño.

É moi importante que os gandeiros coñezan a orixe dos seus mastíns e non crucen con razas agresivas, por exemplo, con cans de presa por seren animais con maior agresividade, e por tanto deben ser descartadas.

Por iso, desde ACMET apoiamos e repartimos e distribuímos mastíns e cadelos de mastíns de procedencia coñecida, sabemos dos seus pais e avós e de gandarías que traballan con eles desde hai tempo e cun especial coidado sobre o seu comportamento. Desde a propia ACMET non seleccionamos cans cruzados. De feito realizamos traballo de estudo morfolóxico para poder definir ese mastín gandeiro como tal, mais aínda estamos en fases previas pois este é un proceso longo.

Insistimos moito en pedirlle aos gandeiros que non crucen porque aí está o descoñecemento, sobre todo con razas máis agresivas. Mesmo ás veces hai cruzamentos involuntarios con outros tipos de cans pastores,e estes tamén poden ser contraproducentes porque os cans pastores son de ataque controlado, de máis obediencia para poder controlar o ataque, un ataque controlado que a base de asustar o gando vano movendo. Os cruces de cans pastores con mastíns non é nada recomendable.

O mastín ten a súa orixe xenética desde o mesmo momento que se domesticaron os animais salvaxes, o mastín ten a orixe na domesticación da cabra e da ovella hai 10.000 anos en Mesopotamia. Alí mesmo, no Crecente Fértil, onde naceu a escritura, as primeiras grandes cidades, alí onde se domesticou tamén a vaca e o porco, alí foi onde se comezou a seleccionar os primeiros cans para a protección do gando. Aí é onde está a orixe xenética dos mastíns actuais. Por iso, nos documentos da Mesta do século XII tiñan especial coidado en que os mastíns non se cruzaran con ningún outro can. Ademais, estaba explicitado que calquera que permitise o cruzamento do mastín con outro can era susceptible de sanción e penalización forte porque había que manter a pureza sanguínea dos mastíns, e até os nosos tempos chegaron eses mastíns. Non foron criados por criterios de beleza nin volume, senón criados por criterios de carácter, de docilidade e de protección fronte ao lobo. Todo isto dise en relación a coñecer ben a orixe do mastín.

Desde ACMET vimos que as fotos dos cans que atacaron a rapaza de Zamora non se ve un animal que sexa un mastín, pero non estaremos seguros até vermos fotografías máis precisas. Coas fotografías vistas non podemos afirmar que sexan mastíns. Se o son, haberá que buscar as causas na educación do animal, na súa orixe e sermos conscientes de ir con coidado.

A xente debe estar tranquila, seguir o seu camiño, non ir de fronte cara o rabaño porque o mastín defenderá os animais. Debemos evitar tirarlles paus, pedras ou calquera outro obxecto, e procurar camiñar con tranquilidade. Eles van ladrar, vannos avisar, están para iso, para avisarnos e alertarnos. Se nos comportamos tranquilamente, se baixamos da bicicleta e a poñemos entre o mastín e nós e arrodeamos o rabaño, o can sempre se interporá entre nós e o rabaño. Por tanto, a actitude debe ser tranquila.

Asímesmo, desde ACMET lamentamos fortemente a perda desta vida humana. Consideramos que calquera ataque duns cans a persoas só pode ir en detrimento da boa percepción que temos dos cans. A maiores, necesitamos os mastíns como medida preventiva contra o ataque do lobo, pois así se fixo durante 10.000 anos. E porque hoxe en día é a mellor medida que temos para poder convivir co lobo, para manter a gandaría extensiva, que contribúe a reducir a de carga de biomasa e así reducir o risco de lumes forestais. Para iso necesitamos os rabaños en extensivo pacendo e os mastíns protexéndoos e máis actividades observadas no estudo que rematamos xunto co CIAM e outros colaboradores. Non debemos criminalizar aos mastíns sen razón e debemos seguir mellorando o traballo con estes cans nas nosas gandarías, cos nosos gandeiros, con apoio técnico, con asesoramento, con formación que reclamamos ás administracións e con apoio, como se require de todas estas medidas de convivencia”.

Una idea sobre “Reflexións dun gandeiro sobre a recente morte dunha persoa en Zamora polo ataque de cans pastores

  1. Victoria Gonzalez

    Que bien explicado, y cuánta razón.escuchemos a los entendidos. Los señores de la oficinas en la capital dictan leyes sín escuchar a los de apié. Y algunos pastores, artos de ataque de lobos, habrán intentado añadir
    fuerza sus mastines con razas no especializadas en la función del mastín. Los Chaka de las llanuras de Manchria no se topan con ciclistas domingueros!
    Aquí el equilibrio es cada vez más complicado con lobos invadiendo pueblos y nosotros invadiendo los montes!
    ESCUCHEMOS A LOS EXPERTOS.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información