A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou este martes unha recuperación dos prezos medios de referencia para o vacún, tras a baixada xeral producida a semana pasada. Agás algunhas seccións, os valores de referencia experimentaron subas.
Mantense á alza o porcino, tanto no porco cebado coma nos leitóns. Tamén o mercado do ovo contabilizou unha nova suba en tódalas categorías.
Facemos un repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado con respecto da semana pasada. Cómpre ter presente que existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.
Na recría frisoa os animais máis novos foron unha das excepcións da xornada. Tiveron un valor medio de 108 euros, o que supón unha redución de 15 euros con respecto da semana pasada. Nos tenreiros de entre 20 a 50 días, a sección máis numerosa, o prezo medio situouse nos 151 euros, é dicir 6 euros máis. Os becerros de máis de 50 días incrementaron o seu valor en 11 euros ata os 196 euros.
Nos becerros de recría de cruzamentos industriais, os animais de menos de 20 días experimentaron un incremento de 50 euros e acadan un prezo medio de 316 euros. As femias desta sección tamén incrementaron o seu valor, neste caso en 10 euros e quedan nos 255 euros. Nos tenreiros de entre 20 a 50 días, o prezo medio foi de 370 euros, logo dunha suba de 9 euros con respecto da semana pasada. Nas femias o prezo de referencia sitúase nos 278 euros, 19 euros máis. Os animais de máis de 50 días, foron dos que experimentaron unha baixada dos prezos. Os machos desta sección descontaron 8 euros e as femias 4 euros de xeito que o prezo de referencia quedou nos 517 e 420 euros respectivamente.
A tendencia foi tamén á alza nos tenreiros carniceiros. Nos becerros de cruces industriais, os machos tiveron un valor medio de 1.103 euros, o que supón unha suba de 104 euros con respecto da feira anterior. As femias acadaron os 997 euros, é dicir 99 euros máis. Os becerros de Rubia Galega cotizáronse de media a 1.190 euros, o que deixa unha suba de 161 euros con respecto da feira anterior. As becerras desta raza foron das excepcións, ó ter un prezo medio de 1.010 euros, o que supón unha baixada de 47 euros. Nos animais comercializados baixo o selo Ternera Gallega Suprema o valor medio foi de 1.167 euros, o que os sitúa en 94 euros máis que a semana pasada.
No vacún maior, as vacas da categoría extra tiveron unha suba de 39 euros, de xeito que acadan os 2.202 euros. As vacas de primeira sumaron 8 euros con respecto da semana pasada e sitúanse nos 1.159 euros. Nos exemplares de segunda, o prezo medio incrementouse 37 euros e foi de 782 euros. Os animais de desfeito teñen un valor de referencia de 466 euros, tras descontar 15 euros. Nos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia o prezo medio foi de 1.998 euros, o que supón 188 euros menos.
Continúan as subas no porcino
Nas mesas de cotizacións do porcino houbo subas tanto no porco cebado coma nos leitóns. O porco selecto e o normal teñen un valor de 2,025 e 2 euros o quilo, respectivamente logo dunha suba de 0,02 euros. Os porcos de Canal II tiveron un incremento de 0,026 euros e están a 2,597 euros. Os animais de descarte experimentaron unha suba de 0,06 euros, de xeito que agora cotízanse entre 1,25 e 1,31 euros o quilo.
Nos leitóns houbo unha suba de 1 euro. Os exemplares chegados dunha única granxa están nos 106 euros (cun prezo de 5,3 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 101 euros e cun prezo por quilo de 5,05 euros.
O mercado do ovo experimenta unha suba de 0,01 euros en tódalas seccións. Deste xeito os ovos da XL acadan os 2,98 euros a ducia, os da L están a 2,77 euros, os ovos da M a 2,41 euros e os da S a 2,16 euros a ducia. As galiñas de descarte semipesadas tiveron un incremento de 0,03 euros e cotízanse entre os 0,33 e os 0,4 euros o quilo.
O prezo do coello está nos 2,4 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).