Queserías Entrepinares xa recolle o 6% do leite de Galicia

Queserías Entrepinares xa recolle o 6% do leite de Galicia

O Grupo Entrepinares segue incrementando a súa recollida de leite en Galicia para a elaboración de queixos e doutros derivados lácteos na súa planta de Vilalba.

En concreto, o pasado ano recolleu 184 millóns de litros de leite a ganderías de Galicia, o que supón un 42% máis ca en 2018. Este leite é procesado na súa planta vilalbesa, da que saíron en 2021 un total de 81 millóns de quilos de queixo e e 10 millóns de quilos de derivados lácteos. O grupo castelán-leonés -proveedor de Mercadona- xa dá emprego en Galicia a 250 persoas e representa o 6% do leite recollido na comunidade.

Estes datos foron presentados durante a visita esta mañá do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, á planta de Queserías Entrepinares en Vilalba, unha das empresas que veñen recibindo axudas nos últimos anos da Consellería do Medio Rural para apoiar a transformación e comercialización de produtos agrarios.

Neste sentido, o mandatario galego avanzou que esta liña de axudas contará para este ano cun orzamento de 30 millóns de euros, un 15% máis que na última convocatoria.

Feijóo recordou que para que o sector lácteo avance e se sitúe á vangarda é preciso a cooperación de todos os axentes da cadea de valor do leite –desde os gandeiros ata os consumidores, pasando pola industria e a distribución-. Ao respecto, pediu novamente á distribución que non utilice o leite como produto reclamo das grandes superficies. Ademais de apostar por aumentar a industrialización do leite.

“E cara aí vai a estratexia de dinamización do sector lácteo galego, cuxo obxectivo principal é lograr transformar na Comunidade tres de cada catro litros que se recollen, é dicir, o 75% do leite producido”, precisou.

Para acadar este fin, o presidente do Executivo galego avogou por aumentar o peso das denominacións de orixe de queixo galegas na transformación industrial láctea; por seguir impulsando a I+D+i e a profesionalización da industria; e pola captación de investimento industrial na Comunidade.

Feijóo concluíu destacando o compromiso da Queixería Entrepinares con Galicia, unha fábrica que recolle máis do 6% do leite galego e que tan só en Vilalba dá emprego a 250 persoas.

ENTREPINARES GRAFICO 1 ENTREPINARES GRAFICO 2

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información