Que valores debe transmitir unha copa de viño?

Diversos expertos reunidos na segunda edición do Encontro do Viño Galego Revera Vinum, analizaron os valores que debería transmitir unha copa de viño. Esta son as súas conclusións

Publicidade

Mesa redonda Revera Vinum APAISADAA II Edición de Revera Vinum, celebrada o luns e o martes desta semana en Santiago de Compostela, organizou, entre outras actividades, unha mesa debate arredor dos valores que aporta o mundo do viño en cuestións tan actuais como son o cambio climático, as aportacións á paisaxe, á sustentabilidade, á economía circular e outras dimensións como a economía e a conservación do medio ambiente.

Esta mesa debate estivo moderada por Martiño Santos Canosa, coautor do libro “A nación dos mil viño”s, e contou coa presenza de Fernado Mora, enxeñeiro e propietario de Bodegas Frontonio; Pepe Raventós, sumiller e director de Raventós i Blan, adega con máis de cincocentos anos de tradición. Seguiu Antonio Portela, profesor de enoloxía e organizador de “A Emoción dos Viños”; Roberto Regal, enólogo e viticultor na Ribeira Sacra e impulsor de Enonatur; Francisco Rego, enxeñeiro agrario xubilado, cunha longa traxectoria na EVEGA e recuperador de variedades de uvas galegas; e Jorge Domínguez, doutor en Bioloxía e especializado en solos e biocompostaxe.

Incidencia da viticultura no medioambiente

A primeira cuestión abordou cales foron os cambios que experimentou a viticultura durante a súa historia e como afectaron ao medio ambiente. Martiño Santos lembrou que a maioría das terras foron herdadas como espazos vivos, cheos de diversidade, mais o uso de determinadas técnicas e de elementos químicos afectaron de maneira negativa aos terreos onde estaban plantadas as vides e terreos circundantes. Por tanto, a viticultura pode ser respectuosa co medio natural?

O primeiro en intervir foi Jorge Domínguez quen respondeu afirmativamente á pregunta formulada. “É unha actividade cunha base de máis de mil anos”, defendeu o catedrático de Bioloxía da Universidade de Vigo.

A continuación Pepe Raventós respostou que a recuperación do modelo granxa tradicional para a viticultura “foi un camiño de vida”. Foi un camiño “marabilloso” a recuperación de como eran os terreos até cincuenta anos atrás. Durante esas últimas cinco décadas os terreos estaban estragados “nunha época de confusión”, mais valeu a pena a recuperación de técnicas tradicionais e non agresivas para que a finca sexa máis autosuficiente e recuperase vida en diferentes niveis. “Outro Penedés é posible” e por tanto a resposta é afirmativa en canto convivencia entre viticultura e medio natural. Os cambios realizados nas súas viñas foron doados de facer mais tamén moi potentes de cara á produción.

Por outra banda, Francisco Rego confirmOU a influencia do cambio climático nas viñas e non só nelas. Existen cambios nas rotacións estacionais observables mesmo nas árbores de froita e logo o cambio nos ciclos das choivas e a intensidade das mesmas. A todo isto, por suposto, as oscilacións térmicas deixarán unha pegada importante na produción de uva a medio e longo prazo. Sobre este mesmo punto, Fernando Mora sinalou que “os cambios na terra son moi lentos e si hai variacións climáticas” e como exemplo lembrou que “agora para ter viños frescos deben traballar en zonas máis elevadas”.

Doutra banda, unha das experiencias que recolleu no seu percorrido profesional foi o traballo coas viñas vellas. “Estas teñen unha excelente prospección do solo e unha asimilación moi boa. O resultado foi un viño brutal debido precisamente ás cualidades das viñas con máis anos”, destacou.

Antonio Portela: “En Rías Baixas agora temos bombas de fungos, moito máis complicadas de combater”

Unha das primeiras conclusións deste apartado foi que o cambio climático está obrigando a cambiar a orientación das variedades de viñas. Sobre isto, Antonio Portela sinalou que na súa zona non se deron as variables para cambiar a orientación mais si se sente con forza a chegada das “bombas de fungos” moito máis complicadas de combater.

Neste punto quíxose coñecer como estaba afectando o comportamento das temperaturas entre áreas como a atlántica e áreas de máis adentro como sería o caso do Penedés. Unha resposta para Pepe Raventós é o traballo varietal, ter diferentes variedades que poidan soportar diferentes situacións ambientais. “A consecuencia é que de súpeto as chardonnay e outras máis industriais están recuando fronte a uvas máis adaptadas ao terreo como a sumoll que case desaparecera”, explicou.

A “incerteza climática” como denominou Raventós ao cambio climático, para Fernando Mora deixará sinais na copa de viño. Seguindo a estela do dito por Raventós, Mora preguntou a expertos de Burdeos “ante unha hipotética situación de cambio climático, valorarían en Burdeos traballar con uva garnacha, e a pregunta non lles gustou”. Por outra parte, o traballo en “ecolóxico”, respectando as peculiaridades do terreo e tendo unha serie de coidados, permitirá recuperar a riqueza do chan que logo se deixará sentir na calidade e sabor do viño. Mora concluiu que cambiarán moitas cousas, mesmo a estrutura da agricultura en xeral. “Haberá cambios no consumo de viño, será máis escaso e cun prezo elevado e haberá tamén cambios de variedades”, pronosticou. Non desexan, iso si, cambios drásticos como vendimas prematuras que lle resten sabor ao viño.

Viños de “moda”

O consumo de viños ecolóxicos, biodinámicos e con outras tipoloxías, parece estar respondendo a unha “moda” entre determinados consumidores, apuntouse na mesa. Non obstante, en Galicia estanse ofrecendo viños que reflicten os diferentes territorios vitivinícolas? Fernando Regal apuntou unha serie de items como a tipoloxía de turistas que visitan unha zona “e eu direiche que viño tes” e ese viño pode levar a deducir a paisaxe que tes.

Isto para Regal tradúcese na gran transversalidade do viño sen entrar en termos como biodinamismo ou produción ecolóxica. O necesario é, agora mesmo, facer o cultivo do viño unha actividade sustentable para facer posible que todo o mundo poida beber bo viño. Se isto non é así acabaríase con toda a transversalidade que inclúe a cultura arredor do viño, medioambiente e outros elementos como palabras ligadas ao labor das viñas. “Todo canto queremos protexer coa Axenda 2030 desaparecería”, advertiu.

A apertura de novos proxectos debe pasar antes pola pregunta de “como pode ser sustentable este proxecto?”. Ademais disto, se se quere ofrecer un produto con todas as peculiaridades oragnolépticas xunto con outros valores, son custos a asumir. “Para iso é necesario recuperar a cultura do viño” e iso inclúe tirar de uvas autóctonas e a rexeneración do chan.

 A cultura do viño supón recuperar as variedades autóctonas pero tamén rexenerar o solo

En canto ao cambio climático, os patróns de comportamento están variando e os viticultores deben comezar a xogar con este factor e outros como saber onde plantar, saber xestionar a auga para que ao final, o chan de cultivo teña biodiversidade para que sexa forte fronte a aparición de fungos. Regal aposta polos pequenos viños xogando “nas grandes ligas”, a rexeneración e darlle paso ao legado cultural que temos en Galicia.

Sobre variedade ou estandarización, Antonio Portela, lembrou o comezo dalgunhas das empresas actuais e que agora estarían dentro das marcas de referencia. Mais o atractivo para Portela é a acción dos pequenos produtores adaptando o minifundio, pois este “non é un lugar para macroproxectos”. Considera os proxectos a pequena escala levados en lugares apartados segundo a orografía. En definitiva, a produción a pequena escala e con axuda de tracción animal, algo que resaltou Portela, pode ofrecer tanto sustentabilidade como produción de calidade sendo respectuoso co entorno natural.

A particularidade do minifundio vinícola supón unha certa vantaxe, segundo Fernando Mora, porque “quen queira vender uva, vaina vender, e cara”, 3,5€ por quilo de uva branca na Península do Morrazo”, sinalou Portela. Mora resaltou que efectivamente existe unha produción industrial cuns prezos baixos e por outra parte existe quen busca cunha pequena produción realizar o mellor traballo posible. Puxo como exemplo o “Rioja”. “Non se cultiva Rioja en ecolóxico porque venden a bo prezo e non buscan complicarse máis”, subliñou.

A aposta polo ecolóxico e a produción sustentable pode ter o seu espazo dentro dos pequenos proxectos que, coinciden Mora e Portela, axudan a fixar poboación nalgúns lugares. Ademais, é necesario recoñecer as adegas que teñen viñas fronte ás que só compran a uva.

Produción sustentable

Existe unha tendencia ao “greenwashing”, a pór etiqueta ecolóxica a case todo, mais non se pode ter unha certeza ao 100% de que un produto sexa totalmente ecolóxico. Que facer para ter un produto realmente “verde”? Jorge Domínguez apunta a “confusión” entre as diferentes opcións de produción así como os puntos que toca a produción: economía, sustentabilidade ou rendibilidade. “Como observador desde fóra” considera necesario ter en conta as diferentes variacións no terreo, pois non todo o verde en Galicia significa uniformidade. Iso leva tamén a plantar viñas en lugares onde nuncha houbo tradición e iso pode afectar ao estado do chan, a pesar de que os solos son moi resilientes até certo punto. Isto tamén pode ser a plataforma que lance a variedade de fungos que “cada vez parece haber máis problemas”.

A utilización de axentes químicos para combater tanto fungos como as “malas herbas” e aínda quedan por ver cales serán os efectos a longo prazo. Fernando Mora sinalaba como os bordeleses “que tiñan os terreos de viñas sen unha soa herba están buscando novos equilibrios porque o solo é todo”. Por iso insiste Mora na procura do equilibrio en toda actividade agraria, “porque a agricultura é unha maneira fermosa de expresar o traballo do ser humano”. “Por que as adegas veñen comprar uva a Galicia? Porque o cultivo tradicional lles sae barato”, subliña

Visión empresarial

Martiño Santos ofrecía un dato de 2017. As dez empresas máis grandes do sector vinícola no mundo non superaban o 13% de volume en vendas a nivel global. Indicaría isto que este sector non está tan concentrado como outras áreas produtivas. Como afecta esta situación aos produtores de viño? Deberíase preservar este modelo produtivo e se presenta riscos ambientais?

Roberto Regal apunta á aparición de cambios necesarios que non veremos nesta xeración. “Parece ser que aquí o problema vén da revolución verde, co emprego de abonos químicos e pesticidas”, algo que afectou dunha determinada maneira en Galicia debido ás súas características demográficas e produtivas (situacións semellantes tamén se deron noutros lugares do mundo)”, subliñou.

Roberto Regal: “Un prezo dun euro por quilo non é un prezo digno en Galicia pois a viña aquí esixe moito traballo”

Igualmente, defendeu poñer en valor a figura do viticultor por riba do enólogo, do empresario e outras figuras. “Porque un prezo dun euro por quilo non é un prezo digno en Galicia pois a viña aquí esixe moito traballo”, destacou.

O movemento de grandes empresas para Pepe Raventós é motivo de preocupación. Por exemlo, Rectoral de Amandi representa o 50% da produción Ribeira Sacra.

“A recuperación dos métodos que permitan unha produción de viño ligada á preservación cultural, ambiental e a conservación dunha agricultura que chega de maneira máis directa á mesa”, di Raventós. “Isto é unha oportunidade fantástica porque hai moitas maneiras de producir. Ten que haber un propósito máis alá da simple produción, a posta en valor do territorio. Recuperando muros de pedra seca, tracción animal e outros elementos”, destacou

Pola súa parte, Roberto Regal apuntou o factor humano como un elemento fundamental para o desenvolvemento do viño. O factor humano inclúe por exemplo os canteiros, quen levantaría a Ribeira Sacra se caesen os socalcos? Por iso é necesario darlle valor, estatus, a todas as persoas vinculadas ao viño, xerará beneficio”, defendeu.

Que valores debería transmitir unha copa de viño?

Jorge Domínguez recomenda a conservación do espazo rural, esquecer o bucólico e buscar un modelo acaído co espazo e non un modelo industrial. O viño é natureza e cando se fai como viño dá unha sensación e define un territorio. Para Paco Rego hai dous elementos que axudarán: levar a cultura do viño aos que beben, chegar á xente e preservar as variedades de uva. Roberto Regal defende os valores arredor do viño, a xustiza social e transversalidade. Antonio Portela ve necesario eliminar burocracia e non crear máis denominacións de orixe. Pepe Raventós aposta pola natureza e o traballo con sensibilidade. Fernando Mora pide respecto ao entorno, sinceridade e transparencia.

En definitiva, os valores que debera transmitir unha copa de viño deberan ser o respecto á contorna onde se recolle e fai o viño. Preservar a cultura tradicional de facer viño traéndoo aos novos tempos, facendo posible que a vide poda crecer nun espazo natural preservado. Poñer en valor o traballo de todas e cada unha das persoas que interveñen no proceso que van desde os canteiros, carpinteiros, vendimadores etc, para que acaben cobrando salarios xustos polo seu traballo. Eliminar todo produto sintético contra herbas ou insectos e reducir os efectos do cambio climático mediante o emprego de variedades locais máis adaptadas ás condicións do terreo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información