¿Que oportunidades se presentan para Galicia na nova PAC?

Artigo de opinión de Quico Ónega, enxeñeiro agrónomo do Laboratorio do Territorio da USC (LaboraTE) e gandeiro de ovino.

¿Que oportunidades se presentan para Galicia na nova PAC?

A proposta da Comisión Europea para a Política Agraria Común (PAC) máis aló do 2020, presentada o pasado 29 de novembro, non representa un cambio de paradigma radical na súa concepción, pero introduce elementos que dan marxe aos Estados/Rexións para redefinir moito a aplicación da mesma no seu territorio.

Sendo certo que estamos aos comezos da reforma, hai dúas posturas a tomar: ou a de ‘non por moito madrugar amence máis cedo’ ou a de ‘quen á raposa ha de enganar, cómprelle madrugar’ para non ter que escoitar o de ‘tarde piaches paxariño’. Evidentemente, calquera país responsable (encabezado polo seu goberno), ten que abordar a reforma dende os seus comezos, precisamente porque é o momento no que as discusións están máis abertas, aínda que algúns semellen agarrarse ao de ‘hai que agardar a que as cousas estean máis claras’.

Nesta fase inicial o máis importante semella reflexionar sobre o chamado ‘novo modelo de aplicación’, que pivota en torno á idea dos Plans estratéxicos da PAC, que afectarían tamén ao Piar I.

“Galicia podería decidir como configura os seus pagos aos produtores adaptándoos á nosa realidade”

Con eles a Comisión propón unha maior subsidiariedade no marco duns obxectivos claros e acordados a nivel da UE e dos Estados/Rexións. É dicir, propón que se definan os obxectivos a acadar pola PAC a nivel da UE e tamén en cada territorio e un marco xeral de intervención (tipoloxía de instrumentos a acadar) común a toda a UE. Despois, serán os Estados/Rexións os que en función das súas características agrícolas e climáticas adaptarán os mecanismos de intervención á súa realidade. Iso inclúe tamén maior protagonismo no deseño do marco de control e cumprimento. Por exemplo, Galicia podería decidir como configura os seus pagos aos produtores adaptándoos, por exemplo, ás características estruturais particulares do país ou aos nosos perfís de especialización.

“Galicia ten que aproveitar esta oportunidade de facer unha PAC á nosa medida, a pesar das presións centralizadoras de Madrid”

Este novo enfoque ofrece unha gran oportunidade para Galicia para poder facer un traxe máis á medida das nosas necesidades e retos, algo que vén sendo demandado dende o propio momento da entrada na UE. É dicir, a Comisión plantexa que ese plan estratéxico da PAC poida facerse a nivel rexional, o cal nunha rexión como Galicia é fundamental pola súa diferenciación climática, estrutural e de especialización con respecto á maioría do resto do Estado.

O Ministerio de Agricultura xa manifestou claramente que a súa posición é defender un Plan a nivel nacional, e todo apunta a que vai intentar ou ben ‘escorrer o bulto’, ou ben pelexar de forma decidida para evitar perder poder no control do primeiro Piar.

¿Interésalle ao sector lácteo galego que quen deseñe os pagos directos estea Santiago ou en Madrid?

Este novo modelo de aplicación presenta, ademais desa gran oportunidade, dous grandes retos. En primeiro lugar, as rexións terán que atesourar a visión e capacidades para elaborar, argumentar e aplicar ese novo plan estratéxico. É dicir, facelo nós mesmos implica prepararnos para poder facelo, comezando por reflexionar cal é o modelo agrario que queremos para o futuro e, consecuentemente, que tipo de apoios precisan os diferentes sectores. Tamén é necesario tomar consciencia das implicacións deste novo sistema de aplicación, que requirirán dunha acción da Administración moito máis técnica e menos burocrática.

Non só iso, volvendo ao comentado con anterioridade, tamén se terá que atesourar a fortaleza política e os argumentos técnicos para contrarrestar a posición centralista do Ministerio de Agricultura. Cabe preguntarse se, por exemplo, ao sector lácteo galego lle interesa que quen deseñe os pagos directos do futuro teña a súa base en Santiago ou en Madrid.

O segundo reto pasa pola necesidade dunha discusión a nivel galego de que modelo de apoio se quere para a nosa agricultura e gandería, o cal forzosamente terá que pasar por xestionar intereses en ocasións encontrados e visións diversas do modelo agrario a desenvolver. Polo tanto, esixirá que o goberno teña que definir a súa propia visión para o sector agrario, algo que na actualidade non semella de todo claro.

Hai motivos para ter dúbidas en relación a este punto tendo en conta os precedentes. Por exemplo, a propia aprobación do actual Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) fíxose tras unha advertencia da Comisión Europea pola excasa e limitada participación social que se dera durante a súa elaboración.

“A Consellería debería contar con sector agrario galego para acordar unha posición galega ante a nova PAC”

Porén, é un bo momento para mudar o enfoque. Cómpre que cando a Consellería traslade a posición galega en relación á reforma o faga logo dun proceso real e profundo de reflexión e discusión, cando menos, co sector agrario galego. Para esa discusión e reflexión temos que superar o formato de actos meramente informativos que non permiten unha participación real dos diferentes actores nin moito menos unha reflexión en profundidade axeitada á complexidade da materia. Se isto non se fai non se poderá falar dunha posición, xa non galega, se non do sector agrario galego.

A PAC non o é todo, pero é o suficientemente importante e unha boa escusa para relanzar a construción dunha visión de futuro para o agro galego. Haberá que reflexionar, debater e acordar as posturas de país que, con intelixencia e determinación, sexamos capaces de defender máis aló do 2020.

Quico Ónega

Quico Ónega, enxeñeiro agrónomo do Laboratorio do Territorio da USC (LaboraTE) e gandeiro de ovino.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información