Publicado o ordenamento xurídico dos montes de varas

O Decreto aprobado pola Xunta regula o funcionamento do Rexistro administrativo dos montes abertais existentes en Galicia, o procedemento de inscrición e a convocatoria das primeiras asembleas xerais das comunidades de veciños propietarias destas superficies forestais

Corta de pino prevista

O Diario Oficial de Galicia publica este mércores un Decreto que desenvolve o réxime xurídico dos montes denominados de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo en Galicia e, en particular, das comunidades de persoas copropietarias deles e os órganos de representación e goberno para a toma de decisións (Asemblea Xeral da Comunidade de Montes e Xunta Xestora).

Tamén se regula o funcionamento do Rexistro Administrativo de Montes de Varas, Abertais, de Voces, de Vocerío ou de Fabeo como sección diferenciada dentro do sistema rexistral forestal de Galicia e se habilita na sede electrónica da Xunta de Galicia o procedemento para a convocatoria da primeira Asemblea Xeral da comunidade de montes de varas e a solicitude de inscrición, modificación ou baixa dun monte no Rexistro autonómico creado.

Convocatoria da primeira Asemblea Xeral da Comunidade de Montes

As persoas copropietarias que teñan a titularidade dominical de cotas de participación dun monte de varas que excedan do 50% delas, poderán convocar a primeira reunión da asemblea xeral da comunidade para os efectos da constitución formal da comunidade propietaria do monte.

A convocatoria desta primeira reunión, de cara á constitución formal da comunidade de persoas copropietarias, poderá ser realizada tamén por solicitude dun mínimo do 20% das cotas de participación das persoas copropietarias coñecidas dirixida á Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural correspondente á provincia na que se atope o monte ou a meirande parte da superficie deste.

As persoas propietarias do 20% do monte poderán pedir que a Xunta convoque a Asemblea de constitución da comunidade de montes

No caso de que se solicite que a Administración convoque, coa solicitude deberá achegarse tamén unha proposta de estatutos para a súa aprobación pola Asemblea.

A convocatoria da asemblea xeral farase cun mínimo de 15 días naturais de antelación, mediante a notificación a todas as persoas copropietarias coñecidas.

Reinvestimentos na mellora do monte

Unha vez constituída formalmente a comunidade propietaria do monte de varas e os seus órganos de representación e xestión e aprobados os seus estatutos, a persoa que teña a presidencia, en nome da comunidade, deberá solicitar, no prazo máximo dun mes, a inscrición do monte pertencente á comunidade no Rexistro autonómico de montes de varas.

En Galicia, segundo os datos da Xunta, existen arredor de 37 montes de varas, pero non se descarta que aparezan máis

En aplicación da Lei 7/2012, do 28 de xuño, as comunidades propietarias deberán investir nos montes abertais da súa propiedade e para a súa mellora polo menos o 40% dos ingresos obtidos polos aproveitamentos do monte, derivados dos actos de disposición voluntaria, así como dos procedentes de procedementos de expropiación forzosa, agás daqueles ingresos obtidos nas partes da propiedade non esclarecida, por tratarse de titularidades descoñecidas, que deberá investirse na súa totalidade.

Diferenzas cos Montes Veciñais en Man Común

Os montes abertais, de voces, de vocerío, de varas ou de fabeo son montes privados en réxime de comunidade de bens pro indiviso, habituais sobre todo na zona oriental de Galicia. En Galicia, segundo os datos da Xunta, existen arredor de 37 montes de varas, sen descartarse que poidan aparecer máis.

As persoas copropietarias destes montes, sen prexuízo de realizar en común aproveitamentos secundarios, teñen ou manteñen o costume de reunirse para repartirse entre si porcións determinadas de monte ou searas para o uso e aproveitamento privativo delas.

Os montes abertais ou de varas son comunidades de orixe romano en réxime de copropiedade pro indiviso por cotas

A diferenza dos montes veciñais en man común, nos de varas a propiedade vai en función dunha proporción determinada, estando a persoa propietaria en condicións de vender a súa parte ou abandonar a súa casa sen perder, por esta razón, o seu dereito á cota no monte.

A repartición, para efectos de aproveitamento, faise non de modo igualitario, senón consonte as adquisicións hereditarias ou contractuais que determinan o dereito que cada unha das persoas comuneiras representan na comunidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información