Prohíbense as queimas agrícolas e forestais de particulares polas condicións meteorolóxicas

Dende hoxe non se darán máis permisos e os xa concedidos quedarán en suspenso. Poderán realizarse as queimas controladas executadas polo Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais, planificadas e con medios de extinción

Prohíbense as queimas agrícolas e forestais de particulares polas condicións meteorolóxicas

Queima de restos agrícolas. // Imaxe de arquivo.

A Consellería de Medio Rural acaba de anunciar que dende este martes quedan prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia. Porén, quedan excluídas desta prohibición as queimas controladas que executa o Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais debidamente planificadas e que dispoñen dos medios de extinción precisos. Isto implica que, dende este martes, non se darán máis permisos e os xa concedidos quedarán en suspenso a partir deste momento.

Como informan dende a Consellería, a decisión tomouse tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume. Tamén tendo en conta que a normativa –Decreto 105/2006, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais– prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control.

Así mesmo, a Consellería do Medio Rural pide colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento, dado que desde este momento e ata novo aviso non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal para particulares. Ademais, a Consellería lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información