Só dúas semanas despois da feira de Adai (O Corgo, Lugo), na que se rexistraron boas vendas, altas cotizacións e sen poxas desertas, a Rubia Galega continúa á alza e logra na poxa celebrada este mércores no centro de recría da Granxa Gayoso Castro adxudicar 26 dos 27 animais presentados. As xovencas conseguiron un prezo medio de 2.213 euros, o que supera en máis de 200 euros o prezo do pasado ano, que foi de 2.011 euros.
Con estas cifras, dende a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga), encargada da organización da cita, en colaboración coa Deputación de Lugo, califican a poxa de “éxito rotundo”.
A primeira das poxas da mañá foi a única que quedou deserta e só cinco das xovencas se adxudicaron polo precio de saída, mentres que o resto subiu dos 2.000 euros. A maior cotización foi para un exemplar de 25 meses de idade, preñada de cinco meses, adquirida por un gandeiro de Pedrafita do Cebreiro (Lugo) por 2.700 euros.
Un total de 37 gandeiros retiraron a tarxeta necesaria para poder participar na poxa, a maioría deles da provincia de Lugo, aínda que tamén estiveron presentes responsables de ganderías de varios municipios da Coruña, como San Sadurniño, Zas, Mazaricos e Melide. De feito, un gandeiro deste último municipio adquiriu un total de seis xovencas. Outros catros exemplares irán a parar á mesma gandería, neste caso en Ribadeo (Lugo), e tamén houbo un gandeiro de Sarria (Lugo) que mercou tres animais na xornada de hoxe. O resto de exemplares irán a ganderías de varios municipios lucenses, de practicamente tódalas comarcas.
Na poxa o presidente da Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, César Dorado, estivo acompañado pola directora da granxa Gayoso Castro, Sonia Verdes; o deputado de Recursos Sostibles da Deputación de Lugo, Roberto Fernández, entre outras autoridades. “Estes bos resultados avalan o traballo que se está a facer neste centro de recría. Os gandeiros saben recoñecer a calidade e as boas calidades dos exemplares que presentamos ás poxas, e o feito de que hoxe se venderan 26 dos 27 animais, unhas semanas despois de Adai, demostra que estamos no certo e que imos polo bo camiño”, sinala Dorado.
Sesión sobre Acruga
Acruga celebrará mañá, día 3, unha nova actividade na Granxa Gayoso Castro. Neste caso trátase dunha sesión informativa para profesionais do sector cárnico que será impartida por responsables e técnicos deste colectivo. O obxectivo é informar aos interesados da actividade, vantaxes, proxectos e datos da asociación. A charla, que tamén conta coa colaboración da Deputación de Lugo, terá lugar no aulario da nave de prácticas da granxa experimental deste centro de recría a partir das 12.00 horas.