O pasado día 30 de abril, presentouse ao pleno do Consello Regulador da IXP Mel de Galicia o plan estratéxico de promoción do produto, co fin de reforzar os atributos e valores do Mel de Galicia certificado. Un dos seus principais obxectivos é, precisamente, o de incrementar a súa comercialización a nivel nacional e internacional. Entre as accións levadas a cabo con este fin, atopamos o primeiro Túnel do Mel de Galicia na trixésimo sétima edición do Salón Gourmets, celebrada en Madrid entre os días 22 e 25 de abril, organizado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) en colaboración co Consello Regulador da IXP.
Primeiro Túnel do Mel de Galicia no Salón de Gourmets
Un total de 19 marcas comerciais pertencentes a envasadoras acollidas a este selo de orixe e calidade, entre as que se atopaban os meles premiados nas Catas de Galicia 2023 foron os protagonistas nesta viaxe guiada pola presidenta da IXP, Ma. Esther Ordóñez Dios. Os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer a calidade e a diversificación do Mel de Galicia ao degustar 30 referencias dos distintos tipos de meles: multiflorais; monoflorais de eucalipto, breixo, castiñeiro, silva; e o mel de melada ou de bosque.
Isto, representa unha forma de valorizar tanto as marcas comerciais coma os diferentes tipos de meles adscritos á IXP Mel de Galicia, á vez que se recoñece a importancia dun oficio ancestral coma é a apicultura e un produto senlleiro da despensa galega coma o ouro doce.
Outro dos targets que establece o plan de promoción son os mais cativos. Para eles, ademais das accións levadas a cabo nos colexios galegos, no marco da feira Goumets tamén se organizaron os Talleres Infantís con Mel de Galicia destinados a máis de 900 escolares de Madrid e os seus mestres. Guiados por Beatriz Ríos Cebreiros, técnica e formadora do panel de cata da IXP Mel de Galicia, puideron coñecer de cerca o apaixonante universo das abellas, o proceso de obtención do mel e degustar os distintos tipos de mel da natureza galega.
Mel de Galicia en datos
Con estas iniciativas, o sector aposta por dar un valor engadido ás súas producións, algo que se reflicte no aumento dun 8% no número de envasadores certificados nos últimos anos, sumando na actualidade un total de 42 envasadoras certificadas da IXP Mel de Galicia. Do mesmo xeito, a xente moza xa ve a apicultura como unha profesión con futuro, representando o 15% dos inscritos.
Sen embargo, “tamén é certo que o mel colleitado descendeu un 20% no último ano debido a factores como a climatoloxía ou a presenza da vespa velutina, entre outros. No caso do mel contraetiquetado, descendeu a comercialización preto dun 7%. É por iso que é necesario un plan estratéxico para o sector apícola galego que non só beneficiará á apicultura, senón tamén a outros sectores vinculados como son a agricultura, a gandaría ou a alimentación humana”, demandan desde o Consello Regulador.
“Iso si, cabe subliñar que o descenso na produción non se viu reflectido no valor do mel xa que, neste senso, Mel de Galicia incrementou o seu valor nun 35% en cinco anos” apuntan.