Poxa de xovencas preñadas de Acruga este venres en Pedrafita

ACRUGA RUBIA GALEGA 18-09-22 subasta Pedrafita3O recinto feiral de Pedrafita do Cebreiro acollerá mañá venres unha nova subasta de xovencas preñadas, organizada por Acruga, en colaboración co propio concello. Será a partir das doce da mañá cando os interesados en adquirir xatas preñadas de pura Raza Rubia Galega poderán poxar por algún dos seis exemplares, todos eles procedentes do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo. O prezo de saída será de 2.200 euros, e como incentivo á compra, Caixa Rural axudará con 200 euros por exemplar.

Trátase de xatas de entre 24 e 27 meses de idade, e preñadas de entre catro e cinco meses, e aínda que a recría destes animais levouse a cabo no centro de Castro de Ribeiras de Lea, os animais foron adquiridos en explotacións de Samos, Becerreá, Láncara, Ribadeo e O Corgo. Os animais chegan con poucos meses para que, segundo explica a directora da Graxa Gayoso Castro, Sonia Verdes, “acaden un nivel de desenvolvemento axeitado, conseguindo novillas próximas ao parto cunhas características morfolóxicas e funcionais que permiten acadar exemplares cun maior potencial produtivo, co obxectivo de conquerir explotacións mais competitivas e viables”.

Un dos aspectos que máis valoran os gandeiros e gandeiras que mercan exemplares nestas poxas é a xenealoxía dos animais, e neste sentido algunhas das xovencas da poxa de mañá son fillas de sementais moi recoñecidos e de gran calidade, como Paderne Ag e Gayoso Ag, entre outros, ou de Xacobe, un toro de monta natural.
Grazas a estes datos, os compradores poderán escoller e poxar por estes animais, dependendo de se precisan exemplares para cruce industrial, para recría de raza pura, con boa facilidade de parto, e con máis conformación cárnica, entre outras cualidades.

Todos os criadores interesados en adquirir algunha das xovencas na poxa de mañá, poderán retirar a súa tarxeta acreditativa a partir das once da mañá, no propio recinto feiral de Pedrafita do Cebreiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información