Piden solucións á forestación ilegal de terras agrarias

Unións Agrarias demanda da Xunta un maior rigor na aplicación da lei. Advírtelle ós propietarios de que a venda da madeira cortada en labradíos será tan ilegal como as importacións prohibidas de madeira tropical

Publicidade
Piden solucións á forestación ilegal de terras agrarias

O sector demanda maior control das plantacións no agro.

A plantación ilegal de especies forestais en terras agrarias, sobre todo de eucaliptos, xa superou as 30.000 hectáreas, segundo os cálculos de Unións Agrarias. A organización demanda da Xunta un punto de inflexión na permisividade que detecta sobre este proceso.

A Lei de Montes de Galicia (Lei 7/2012) prohíbe as plantacións de eucaliptos ou piñeiros en terras agrarias, pero unha parte da superficie das explotacións que abandonan está a ser forestada todos os anos. Unións lembra que na próxima década xubilaranse a metade dos agricultores e gandeiros galegos hoxe en activo, polo que pide medidas para que as terras das explotacións sen relevo xeneracional queden no agro.

A organización agraria avoga por rematar coa actual permisividade na forestación agraria. Para elo, suxire unha amnistía, na que aos propietarios con plantacións ilegais se lles comunicaría a situación irregular da mesma e se lles daría un prazo prudencial para eliminala ou regularizala, sen lles aplicar a sanción de 3.000 euros que estipula a lexislación vixente, sempre que a quite voluntariamente no prazo fixado.

Asemade, Unións propón informar a cada propietario da posibilidade de alugar as súas parcelas para usos agrarios a través do Banco de Terras de Galicia, con transparencia de prezos e seguridade xurídica.

Depreciación e dificultades de venda
De cara ós propietarios, a madeira plantada en terras agrarias enfróntase a problemas varios nos próximos anos. En primeiro lugar, as plantacións ilegais non se poden certificar, polo que perden arredor de 4 euros / tonelada, segundo as estimacións da organización agraria. O problema pode ir a máis nuns anos, pois as normativas de trazabilidade convertirán en ilegal que calquera industria merque esa madeira, segundo Unións.

“A vista gorda da Administración está a xerar un problema de primeira orde para os agricultores e gandeiros por falta de acceso ás terras, pero tamén para estes propietarios que non poderán colocar a súa madeira no mercado. Hai que parar esta burbulla aplicando a Lei e o sentido común”, demanda o responsable de Desenvolvemento Rural de Unións, Jacobo Feijoo, que ofreceu unha rolda de prensa en Lugo para valorar este problema.

Unións pide consenso político sobre a forestación ilegal de terras agrarias e advirte de que hai que ordear o territorio galego para que o agro e o sector forestal teñan futuro: “O eucalipto é unha especie fundamental en Galicia, que ten o seu lugar no monte, onde debe de ser plantada de xeito legal e xestionarse dacordo os principios da sostenibilidade. Pero non no agro de xeito ilegal”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información