Os consellos reguladores de Rías Baixas, Valdeorras, Ribeiro, Monterrei, mel e vacún irán ás urnas o día 19

Dá comezo a campaña electoral das eleccións para a renovación dos órganos de goberno dos consellos reguladores do ámbito agroalimentario galego, convocadas mediante a orde da Consellería do Medio Rural publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 10 de novembro. Así, a xunta electoral proclamou ata un total de 115 candidaturas que se presentaron para os diferentes censos sectoriais dos 15 consellos reguladores chamados a eleccións. Con todo, en oito deles xa se dá por finalizado o proceso.

Así, naqueles censos nos que se presentaron candidaturas únicas ou nos que, habendo máis dunha candidatura, a totalidade das proclamadas chegaron a acordos electorais de reparto de vogalías, o proceso de eleccións dáse por rematado. Isto é o que sucedeu xa no caso dos consellos reguladores da denominación de orixe Ribeira Sacra; no da indicación xeográfica Augardentes e licores tradicionais de Galicia; nos das denominacións de orixe protexidas Arzúa-Ulloa, Queixo Tetilla e San Simón da Costa; e nos das indicacións xeográficas protexidas Pataca de Galicia, Pan de Cea e Castaña de Galicia.

Nos outros sete consellos reguladores chamados a renovar os seus órganos de goberno houbo pactos, pero non na totalidade dos censos, polo que para estes continúa o proceso electoral. Así as cousas, a partir deste pasado venres comeza a campaña para os consellos reguladores das denominacións de orixe vitivinícolas Monterrei, Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras; dos consellos reguladores das indicacións xeográficas protexidas Mel de Galicia e o de Carnes de Vacún de Galicia; así como do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).

A campaña electoral comezou este venres e remata dúas semanas despois, o día 17 do mesmo mes. O día 9 de febreiro remata o prazo para solicitar o voto por correo, mentres que o día 16 é o fin do prazo de presentación de solicitudes de credenciais para as persoas interventoras e apoderadas. O 19 de febreiro constituiranse as mesas electorais e procederase á votación. Dous días despois, o día 21, a xunta electoral proclamará os vogais electos e nos días posteriores realizarase a constitución dos 15 plenos e a elección das persoas que ocuparán as súas presidencias e vicepresidencias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información