A Asociación de Criadores de Gando de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica) advirte sobre os problemas que está a causar a presenza de cans ceibos ós rabaños de ovellas e cabras. Nos últimos tempos detectaron un incremento das incidencias, que nos casos máis graves acaban por supoñer a perda das crías máis novas. Os ataques tamén xeran outros problemas como lesións ou episodios de estrés para o gando e mesmo a morte de exemplares adultos por complicacións derivadas dos ataques ou ó ser atacados en momentos como o parto.
“É un problema que está a afectar a boa parte dos nosos socios de moi distintas zonas de Galicia, tanto en áreas próximas a núcleos rurais como en lugares máis afastados, pero ós que a xente acude a pasear cos seus cans e estes van ceibos”, apuntan dende a asociación. Así, estes ataques estanse a producir en parcelas pechadas onde o gando permanece pacendo e nas que os cans irrompen ou asustan ós animais.
A presenza de cans ceibos tamén está a supoñer, en ocasións, enfrontamentos cos cans de protección de moitas ganderías de ovino e caprino. “Moitas veces a xente descoñece o importantes que poden chegar a ser os cans da gandería para a xestión dos animais e para previr ataques da fauna salvaxe”, apuntan dende a asociación de criadores.
Neste senso, para lograr un maior entendemento, noutras comunidades autónomas, tanto a Administración como diferentes colectivos mesmo impulsaron campañas con carteis informativos que avisan da presenza destes cans e do seu papel no coidado das ganderías de ovino e caprino. Dende Ovica sinalan que este tipo de estratexias pode axudar a favorecer a convivencia entre as ganderías de ovino e caprino e os propietarios dos cans.
Documentar o ataque
Xunto cos ataques, os gandeiros tamén teñen que facer fronte á complexidade que supón en moitos casos documentar e acreditar as incursións na parcela. Incluso naqueles casos nos que os cans causan baixas entre as crías, resulta difícil ó tratarse de animais de tan pequeno tamaño, en moitas ocasións é moi difícil ou mesmo imposible, conseguir localizar restos do animal na parcela.
Esta situación súmase ás dificultades que os gandeiros están a ter para documentar os ataques da fauna salvaxe, como o lobo ou o raposo, nos que é imprescindible unha localización dos restos para lograr optar a unha compensación por parte da Administración. “Os gandeiros están tendo que afrontar procedementos moi estritos para documentar os ataques e logo perciben axudas que non son suficientes para afrontar as perdas”, detallan dende Ovica, á par que solicitan procedementos que se axusten máis á realidade deste tipo de ganderías.