“O tirón da exportación de vacún de carne aliviou excedentes, pero non compensa o parón da restauración”

O director da Interprofesional Provacuno, Javier López, destaca as boas cifras de exportación que mantén o sector, a pesar da crise da Covid-19, e analiza a situación do mercado estatal

“O tirón da exportación de vacún de carne aliviou excedentes, pero non compensa o parón da restauración”

Gandeiros e industrias de vacún de carne víronse seriamente afectados pola crise do coronavirus. Durante as primeiras semanas de pandemia, a Interprofesional de vacún de carne, Provacuno, que agrupa ao sector produtor e ao transformador, advertiu da necesidade de medidas de apoio para a gandaría e de axudas para o almacenamento privado de carne. Falamos co seu director, Javier López, que lembra que “estamos na crise máis importante desde a Segunda Guerra Mundial, e non se trata dunha crise do sector, senón xeral e a nivel mundial”.

– Comecemos falando do mercado. Quizais o maior parón na crise da Covid-19 estea a darse no vacún maior, como valora a situación?
– O vacún maior está retido no campo porque o mercado está paralizado, tanto no que respecta ás partes nobres, dirixidas á restauración, como na carne picada para hamburguesas. Tivemos con todo a sorte dunha meteoroloxía excepcional este ano polas choivas primaverais, que en Galicia son habituais, pero non no resto de España. Isto permitiu que os animais retidos en campo dispoñan de herba verde até verán e que vaian ter herba seca suficiente no período estival.

Nese aspecto, as choivas déronnos un balón de osíxeno. Nestes momentos, trátase de gañar tempo ata que a restauración se reactive e tire da demanda. Pensabamos que en vacún maior sería precisa a intervención pública de carne e veremos se se recupera o equilibrio entre oferta e demanda antes de que sexa necesaria.

– En tenreira hai maior saída polos supermercados, salvo as pezas máis orientadas á restauración, pero o sector está a verse afectado tamén por unha importante caída de prezos. Que balance fai da situación?
– En tenreira e anello o problema é a descompensación de pezas. O chuleteiro ten difícil saída polo parón da restauración, pero o resto de pezas ten mercado, polo que en xeral defendéronse mellor. A meteoroloxía fresca axudou ademais a un maior consumo de guisos nos fogares. E hai que ter en conta tamén o bo funcionamento do mercado en vivo a terceiros países, que traballa con animais menores de 24-30 meses, segundo os destinos.

– Como están a funcionar os mercados de exportación durante a crise da Covid-19?
– Este ano funcionou moi ben o mercado de exportación en vivo para os países do norte de África e Oriente Medio. Normalmente había unha boa saída de animais antes do Ramadán, pero despois caían as vendas. Que está a ocorrer este ano?. Que non se produciu parón tralo Ramadán, senón que as vendas continuaron a bo ritmo, en boa medida porque os prezos baixaron e somos moi competitivos.

“Este ano non se produciu un parón da exportacións tralo Ramadán, senón que as vendas continuaron a bo ritmo”

Falamos de mercados como Xordania, aberto desde hai tempo pero que empezou a operar neste ano, a recente apertura de Arabia Saudita ou mercados tradicionais, como Libia, Líbano e Alxeria en animais cebados, e Marrocos e Túnez, que compra animais novos para engorde.

O tirón das exportacións non compensa a redución de vendas a hostalaría ou a descompensación de pezas, pero está a permitir aliviar os excedentes. A clave virá da reactivación da restauración.

– Entón, non se viu afectada a exportación pola crise?
– Evidentemente hai dificultades loxísticas por un encarecemento de fretes e unha menor dispoñibilidade de rutas regulares, especialmente no caso de Alxeria, que provoca unha diminución das operacións e que o comercio se resinta.

Outra cuestión que nos afecta é a paralización de actividades promocionais no exterior. Recentemente abriuse o mercado xaponés, enormemente importante pola boa valorización dos produtos cárnicos de calidade, e o de Filipinas. Destes mercados esperamos unha demanda sostida en canto a situación se normalice, pero nestes momentos están parados.

En calquera caso, en cifras totais, a principios de xuño levabamos exportado a terceiros países a metade de todo o vendido ao exterior no 2019.

Ademais, o mercado europeo é o que mantivo un funcionamento máis na liña habitual, con vendas normalizadas a países como Portugal, Francia ou Italia. O certo é que, no noso sector, as relativas alegrías e boas noticias dánnolas os mercados exteriores, porque neste contexto, a exportación aliviou o mercado.

– As axudas para almacenamento privado de carne, aprobadas pola Comisión Europea para aliviar a crise, finalmente tiveron un efecto limitado, con só 171 toneladas en almacenamento, a metade de Galicia. Non era necesario ou non se adaptou ás necesidades do sector?
– Era unha medida pedida polo sector, pero está a lograr un efecto limitado pola rixidez do sistema, que obriga a conxelar todo o cuarto traseiro dos animais. Para as industrias, non é o mesmo poder conxelar pezas que teñen unha menor saída esta tempada, como os lombos, que ter que conxelar integramente os cuartos. En calquera caso, trátase dunha medida de apoio que, noutros países, como Francia ou Polonia, está a usarse, pero tampouco en exceso.

“O almacenamento privado ten un efecto limitado pola rixidez do sistema, que obriga a conxelar todo o cuarto traseiro dos animais, non só as pezas de difícil saída”

– En que mercados centran os seus obxectivos de cara ao futuro, á parte dos xa consolidados?
– Está claro que o Magreb e Oriente Medio son mercados diana claros, xa que non temos a competencia do porcino, e é un mercado interesante para nós e para o ovino.

O reto do sector é ampliar mercados en Asia para diversificar destinos e posibilidades comerciais. Son sociedades novas, cun nivel económico en crecemento e con clases medias que aumentan e que queren comer máis e mellor, polo que o vacún pode ter un papel fundamental alí. Xa abrimos mercados en países como Xapón, Filipinas, Vietnam ou Singapur e estamos a traballar, a pesar das circunstancias, na apertura de Corea do Sur. Desde logo, China será un mercado crave, pero as negociacións para entrar alí son complexas.

Nestes momentos, as feiras e a maioría das accións promocionais están paralizadas, pero na medida do posible seguimos desenvolvendo actuacións, como un recente webinar con Xapón como protagonista ou a próxima realización dun encontro con importadores de Hong Kong.

“A Comisión Europea cala os impactos positivos da gandaría”

Esta primavera, a Comisión Europea presentou a súa estratexia ‘Da granxa á mesa’, coa que quere impulsar no próximo período da PAC unha agricultura e unha gandaría máis sustentables a nivel ambiental e que contribúan a reducir o cambio climático.

Son obxectivos que entroncan coa liña de traballo da gandaría de carne, comprometida en proxectos como ‘Beef Carbon’ ou ‘Carbono Neutral 2050’, aínda que os gandeiros séntense acusados inxustamente dun problema, o do cambio climático, no que teñen pouco que ver, pois convén lembrar que máis do 85% de emisións proceden da industria, do transporte e do sector enerxético.

– Como valora a visión da Comisión Europea sobre a gandaría e as súas propostas?
– En primeiro lugar, hai que destacar a inoportunidade de lanzar a estratexia Da granxa á mesa en momentos tan difíciles como estes. En canto á gandaría de vacún de carne, a Comisión afirma unha serie de cuestións, a maioría negativas, pero botamos de menos que non conte os impactos positivos que ten a gandaría. Nese aspecto, Galicia é exemplar. O sector ten que traballar para transmitirlle aos consumidores o papel dos pastos, o seu mantemento e a importancia de que as terras estean ocupadas por gando.

“Onde desaparece o traballo dos animais, aparecen os incendios, que son o peor para a pegada de carbono e para o cambio climático”

Onde desaparece o traballo dos animais no control da vexetación, aparecen os incendios, e non hai nada peor que os incendios para a pegada de carbono e para o cambio climático.

– En calquera caso, o camiño que vincula os apoios á gandaría a prácticas máis verdes parece que non ten marcha atrás…
– Desde Provacuno levamos anos cunha estratexia en marcha nesa liña. Sempre vimos como un punto estratéxico para o futuro vincular a gandaría co coidado do medioambiente e do clima. Se antes alguén podía ter algunha dúbida en que ese era o camiño, pensamos sinceiramente que tras a comunicación da Comisión Europea agora non a terá.

É certo tamén que de momento a iniciativa ‘Da granxa á mesa’ é só un documento de partida no que terán moito que dicir o Parlamento Europeo e os Estados membro, pero hai que velo como unha guía dun camiño claro e definido.

“Hai unha competencia desleal de certos preparados vexetais que usan denominacións como hamburguesa ou salchicha. É un tema a debate no Parlamento Europeo”

A cuestión que nos preocupa é que, na súa proposta, a Comisión dixo moito pero tamén se calou moito. Son cuestións que ten que dicir o sector alto e claro. Compartimos coa Comisión unha preocupación pola sustentabilidade ambiental, pero tamén é imprescindible unha sustentabilidade económica que manteña ás persoas e ás granxas no medio, a sustentabilidade social. Se iso non se coida, as zonas despoboadas aumentarán.

– De cara aos consumidores, preocúpanlles os sistemas que se barallan para indicar nas etiquetas distintas categorías de produtos saudables, como pode ser o Nutri-Score?
– É un tema ao que estamos atentos, aínda que en principio non cremos que nos afecte. Quizais prexudique máis ao sector de embutidos que ao de carne en fresco. O que nos preocupa máis é a competencia desleal de certos preparados vexetais, que usan denominacións como hamburguesa ou salchicha. O consumidor asocia esas denominacións a un produto cárnico e parécenos hipócrita que o lobby anticarne -moi potente e dotado economicamente por, entre outros, fondos de investimento que apostan no desenvolvemento de produtos sustitutivos da carne- queira usar esas denominacións. É un tema que actualmente esta en pleno debate no marco do Parlamento Europeo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información