A Organización Interprofesional da Carne de Vacún (Provacuno) lanzou a estratexia Vacún de Carne Carbono Neutral 2050. A iniciativa, aprobada no 2019 polos órganos directivos da organización, procura alcanzar a neutralidade climática do sector en 2050.
Os últimos datos de inventarios do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico feitos públicos o pasado marzo, atribúen ao sector a penas o 3,6% das emisións totais de gases de efecto invernadoiro no noso país. Desta maneira, o sector da carne de vacún de España busca asumir un papel proactivo para garantir o respecto ao medio ambiente, reducir ao mínimo as súas emisións e aumentar o secuestro de carbono. Para iso, leva desde o ano 2015 dando impulso a distintas actividades de investigación e desenvolvemento tecnolóxico para conseguir os obxectivos acordados a nivel mundial no Cume do Clima de París, COP21.
Investigación e boas prácticas
Na estratexia Vacún de Carne Carbono Neutral inclúense medidas e accións como son a investigación e a innovación continuas, coa posta en marcha, ao longo de 2020, dalgunhas iniciativas. Entre elas, uns códigos de boas prácticas, en colaboración cos investigadores españois que traballan na mitigación do cambio climático no sector agrario, e agrupados en torno ao colectivo Remedia. Tamén traballan na caracterización socioeconómica do sector, como base para orientar de forma precisa as actividades de innovación.
Como asegura Javier López, director de Provacuno: “O sector do vacún de carne está comprometido para alcanzar a neutralidade climática en 2050, e ímolo conseguir”, apunta. López concreta os esforzos realizados polo sector nesta liña, como foi a redución das emisións asociadas aos estercos nun 18% nas dúas últimas décadas. “O noso cumprimento das normas e o recoñecemento deste esforzo pola sociedade e os consumidores contribuirá a alcanzar a sustentabilidade económica e social no sector e a garantir unha actividade esencial para conservar o medio rural”, indica López.
Vías para potenciar a sustentabilidade
Provacuno incluíu na súa estratexia unha serie de liñas de actuación nas que vai incidir a curto, medio e longo prazo, como son a mitigación e adaptación ao cambio climático, o impulso á economía circular, o fomento da biodiversidade, un uso da auga máis racional e eficiente, e a procura da sustentabilidade, tanto económica como social.
A Interprofesional asegura que todo o sector do vacún de carne español está a traballar para reducir as emisións de gases contaminantes. O sector considera realista o poder alcanzar a neutralidade climática en 2050, reducindo as emisións e aumentando o secuestro de carbono, dado o coñecemento científico actual e a velocidade coa que se está avanzando neste terreo nos últimos anos.
Ademais, desde o sector destacan a súa contribución ao medio ambiente, posto que a actividade gandeira resulta fundamental para a fixación de carbono no chan, para a preservación da biodiversidade e para protexer o medioambiente no medio rural, especialmente nas áreas protexidas, así como para colaborar na prevención de incendios.
“O traballo de Provacuno cos grupos de investigación españois e coas ONG que queiran construír connosco o futuro do medio rural español permitiranos non só aplicar unha serie de medidas sustentables, senón transformalo nun sistema de boas prácticas que logre chegar a conseguir o obxectivo dun sector de carbono neutral e sustentable, que tan necesario é para o noso planeta”, conclúe Javier López, coa mirada xa posta en 2050.