O sector galego de planta ornamental, contra as cordas polo coronavirus

Boa parte dos viveiros do sector atravesan unha situación insostible, sobre todo para aqueles que producen flor cortada ou planta de tempada. A imposibilidade de vendela provoca que teñan que tirar a produción

Publicidade
O sector galego de planta ornamental, contra as cordas polo coronavirus

Planta ornamental preparada para a venta nun viveiro galego.

Dende que o pasado sábado se concretaron as medidas do estado de alarma pola pandemia do coronavirus, o sector dos viveiristas galegos atravesa unha situación crítica para moitos produtores, ó manterse bloqueada a comercialización.

“Agora mesmo o sector dos viveiristas estamos nun limbo: somos parte do sector primario e poderíamos traballar, pero temos pechados os puntos de comercialización, ó non ser un produto de primeira necesidade, pese a que boa parte da nosa produción é perecedoira”. Así describe a situación que atravesa o sector Santiago Ramos, técnico da Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor).

Os principais centros de comercialización pecharon pese a que boa parte da produción é perecedoira

Aínda que todo o sector está moi afectado polas limitacións de comercialización, os máis prexudicados están a ser os viveiros de planta de tempada, flor cortada e horta. Todos eles comercializan produtos cunha época de venda moi concreta e se non despachan no momento marcado, logo xa non poderán facelo. “Ou sacamos a produción que temos lista para vender agora ou teremos que tirala, e se teño que tirala tamén terei que pechar o viveiro”, comenta un viveirista centrado na planta ornamental.

Parón no peor momento

A paralización das vendas prodúcese no momento de maior actividade para os viveiros. A chegada da primavera marca o arranque da tempada de vendas de sectores como a flor cortada que atopa nos adornos florais de festividades e celebracións un dos seus principais destinos. Os produtores ven perdidas xa datas destacadas coma o Día do Pai de hoxe ou a Semana Santa.

Moitos viveiros comercializan na primavera o 80% da súa produción e nalgúns casos mesmo o 100% da súa planta

Xeranios, surfinias, margaritas ou caraveis son algunhas das plantas de tempada que os viveiros galegos teñen preparadas para comercializar. “Esta planta véndese agora, cando comeza a vir o bo tempo e a xente quere preparar os seus xardíns, se non se comercializa agora moitos terán que tirala, xa que non poden estar regándoa e fertilizando para logo non a vender”, concreta Ramos.

A planta de tempada, a flor e a horta viven agora a temporada forte mentres que no outono abonda máis o mercado de arbusto. “Hai moitos viveiros que comercializan na primavera o 80% da súa produción, nalgúns casos mesmo o 100% da súa planta”, indican dende Asvinor.

planta-de-temporada-viveiros-Galicia--Crise-Coronavirus-

Planta de tempada no seu momento óptimo para a venda, nun viveiro galego.

Así, os esforzos por desestacionalizar a produción, que moitos viveiros fixeron hai máis de 10 anos, cando a crise económica oprimiu tamén ó sector, non evita que a primavera siga a ser o momento clave para moitos produtores. “A primavera sigue sendo o momento de máis vendas”, destaca tamén Emilio Estévez, vicepresidente da Asociación de Cultivos Baixo Miño (Acubam) e director xerente de Coplant, unha comercializadora de planta ornamental que agrupa a 5 viveiros na zona sur de Galicia e na que traballan máis de 200 persoas.

No caso de Coplant, os seus esforzos nestes momentos céntranse en aproveitar a exportación cara a países do norte de Europa sen restricións, como Holanda ou Gran Bretaña. Á par, na súa central de compras optaron dende comezos de semana polo teletraballo e dende hai xa máis dunha semana nos seus viveiros incorporaron protocolos de seguridade para evitar o contacto entre o persoal.

Porén, as restricións comezan tamén a chegar dos países europeos. Esta mesma semana, dende Alemaña cancelaban importantes pedidos de arbusto a viveiros galegos. “Pese a que poida parecer que moitas plantas poden resistir, teñen unha época de venta, que é xusto antes de florecer, se non se venden agora logo xa non as queren”, recorda Ramos.

Restricións nas vendas

Aínda que a comercialización está paralizada, a situación, por agora, tampouco está moi clara, segundo apuntan dende o sector. Mentres que a Xunta permite o comercio ó por menor de flores, plantas ou sementes, as indicacións dende o Ministerio de Agricultura apuntan a que non está permitida esta comercialización. “Consultámosllo xa a comezos de semana ó Ministerio e indicáronnos que só se permite estar abertas as tendas que tamén teñan produtos de primeira necesidade como pensos para animais, fertilizantes, sementes ou produtos indispensables para o sector agrario“, especifican desde Asvinor.”

Por iso dende o colectivo, que agrupa a máis de 40 viveiristas galegos, trasladaranlle ó goberno autonómico a petición para poder comercializar a súa produción, ó tratarse de produtos perecedoiros.

Tentan que a Xunta autorice a venda, ó tratarse de produtos perecedoiros

Nos últimos días tamén se están a promover iniciativas para visibilizar a importancia que poden ter as plantas, aínda que non sexan considerados bens de primeira necesidade nesta crise. Búscase fomentar que estes produtos perecedoiros tamén contribúan a pasar dun xeito mellor, os encerros preventivos da poboación.

“Se se permite comercializalas, estas plantas tamén poden purificar ambientes ademais de ser un aliciente máis para as persoas que teñen que permanecer pechadas nas súas casas todo o día. Ter que regar a planta ou poder plantar un tomate ou unhas leitugas pode axudar a sobrelevalo encerro”, sinalan dende o sector. Á par, a venta de plantel de horta para autoconsumo é unha xeito máis de garantir os bens de alimentación básicos á poboación.

Planta-cortada-pamiplant-

Viveiros como Pamiplant, centrados na flor cortada, dan a produción por perdida ó non poder comercializala.

A flor cortada, os grandes esquecidos

Sen dúbida un dos grandes prexudicados polo peche dos puntos de comercialización están a ser os produtores de flor cortada, posto que as súas ventas son moi puntuais e unha vez que se paralizou o mercado estase a desbotar toda a flor que xa tiñan preparada e a que floreza mentres duren as restricións. “O sector da flor cortada en España é o gran esquecido sempre que se deseñan plans de axuda ou estratexias de calquera tipo”, denuncian dende a Unión de Pequenos Agricultores (UPA), matriz estatal de Unións Agrarias.

“O paro do mercado minorista e do sector turístico e de eventos supuxo deixar de vender todo. No noso caso, ó ser un produto perecedoiro, as perdas son moi importantes”, concreta Patricia Rodríguez, centrada na produción de flor cortada no seu viveiro Pamiplant.

Aínda que en Galicia, o número de produtores centrados na flor cortada é reducido, en España destínanse a esta produción preto de 1.200 hectáreas. As importantes restricións sanitarias para o cultivo da flor fixeron que moitos viveiros optaran por outros cultivos nos últimos anos. “As perdas que afronta o sector da flor cortada son totais, por iso pedimos que non se abandone á súa sorte ós produtores”, reclaman dende UPA.

Gerveras-planta-flor-cortada-Viveiros-Pamiplant-

Xerberas en flor do viveiro Pamiplant.

Dende Asvinor tentarán abordar posibles solucións para o sector dos viveiristas de xeito conxunto con outras comunidades autónomas. “Levamos moito tempo no que o marxe de beneficios para a produción de planta é mínimo e estas restricións van supor moitas perdas insostibles para os viveiros”, concretan dende o colectivo de viveiristas.

Á marxe da paralización da comercialización, os viveiros afrontan nestes momentos as plantacións das próximas campañas cunha gran incertidume sobre o que serán capaces de afrontar tras esta crise.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información