O sector alimentario galego reuniuse en Santiago de Compostela este xoves 7 de marzo para asistir a un almorzo informativo sobre a Lei da Cadea Alimentaria, unha normativa que supón un cambio significativo nas relacións comerciais con implicacións para todos os operadores da cadea de valor. Esta iniciativa, organizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e a súa recente asociada, a Fundación Juana de Vega, serviu para revisar o contexto normativo desta lei, a súa aplicación e impacto, así como as principais obrigas, problemáticas e retos que supón para o sector.
O evento reuniu a máis de 60 representantes de pequenas e grandes empresas alimentarias e da distribución, sindicatos, grupos de desenvolvemento rural (GDR), universidades e entidades sectoriais. A benvida correu a cargo de Roberto Alonso, director de Clusaga; e de José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega. Entre os relatores estiveron Gema Hernández, directora da Axencia de Información e Control Alimentario (AICA) do Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación; e Paula Sevilla, coordinadora da área da Cadea e Inspección. En representación da Xunta de Galicia, acudiu Orlando Vázquez, xefe do servizo da Cadea Agroalimentaria da Consellería do Medio Rural.
Pola súa banda, Simón Beceiro, do despacho Garrigues, repasou as implicacións prácticas da lei. Durante a benvida, o director do Clúster sinalou que “a sensibilización e a formación sobre os dereitos e obrigas que establece esta lei son fundamentais para o seu cumprimento e implementación efectiva, e iso é o que pretendemos conseguir con esta xornada”. Así, subliñou a importancia de que as autoridades a nivel autonómico e estatal continúen traballando na supervisión e aplicación efectiva da Lei da Cadea Alimentaria, “así como na cultura empresarial baseada na transparencia, equidade e respecto entre todos os actores da cadea”. Rematou indicando que esta lei permitirá “forxar relacións comerciais máis xustas e sostibles no sector”.
Pola súa banda, o director da Fundación Juana de Vega destacou a actualidade deste evento no contexto de mobilizacións do sector primario “nas que, entre outras moitas cousas e moi diversas, reclaman uns prezos xustos que cubran os custos de produción e garantan a viabilidade das explotacións, así como un endurecemento da Lei da Cadea, que o propio presidente do Goberno xa se comprometeu a realizar”. Dez anos da Lei da Cadea Alimentaria No contexto europeo, España foi pioneira coa publicación da Lei da Cadea Alimentaria en 2013, á que seguiu a creación dunha serie de instrumentos previstos na norma e orientados a velar polo equilibro entre as partes.
En 2014 constituíse a AICA e, un ano despois, poñíase en marcha o Observatorio da Cadea Alimentaria e o Código de Boas Prácticas Mercantís na Contratación Alimentaria. O obxectivo fundamental da lei é equilibrar as relacións entre os distintos operadores ao longo da cadea, evitar as prácticas comerciais abusivas e fortalecer o poder de negociación dos produtores como elo máis débil, evitando a venda a perdas. Nesta década, a lei sufriu varias modificacións orientadas a mellorar a súa aplicación, xeralmente coincidindo con crises de prezos, ou ben para introducir cuestións derivadas da transposición de normativa comunitaria como a Directiva 2019/633 sobre prácticas comerciais desleais.
“A realidade é que dez anos despois da súa aprobación os obxectivos da Lei da Cadea Alimentaria, e segundo denuncian de xeito continuado as organizacións agrarias, non acaban de alcanzarse, ou ao menos non do xeito que pretenden os produtores”, continou José Manuel Andrade. Co fin de analizar estas cuestións e as problemáticas derivadas da aplicación da Lei da Cadea Alimentaria, Clusaga e a Fundación Juana de Vega consideraron de máximo interese a convocatoria deste encontro que reuniu aos principais axentes de control e supervisión a nivel estatal e autonómico. Na súa quenda da intervención, Gema Hernández, directora da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), adscrita ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA); e Paula Sevilla, coordinadora da Área de Cadea e Inspección da AICA, fixeron balance das principais actuacións que están levando a cabo: como se desenvolve unha inspección, prácticas comerciais prohibidas, e as principais infraccións e sectores que están sendo sancionados.
Alén diso, a directora da AICA salientou a “importancia da denuncia como ferramenta para mellorara eficacia dos controis e reforzar a Lei da Cadea Alimentaria”. A este respecto, chamou a atención sobre a posibilidade de “tramitación por vía telemática a través da web da AICA”, e sobre “a garantía de confidencialidade do denunciante”. Tras isto, Orlando Pablo Vázquez, xefe do Servizo da Cadea Agroalimentaria, adscrito á Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia abordou no seu relatorio a situación actual e perspectivas de futuro ao respecto do control de prácticas comerciais desleais en Galicia, reguladas pola norma.
““Estanse a desenvolver controis para a verificación do cumprimento desta lei no ámbito galego”, declarou o xefe do Servizo. Sobre as perspectivas de futuro, apuntou que agardan “desenvolver elementos relacionados co Observatorio de Prezos, a avaliación de custos de produción e o mantemento do valor da cadea alimentaria”. Pola súa banda, Simón Beceiro, avogado e asociado do Departamento de Dereito Mercantil de Garrigues, centrouse nas principais obrigas da lei como son a formalización de contratos escritos, o contido mínimo dos contratos, a determinación do prezo e o custo efectivo de produción, prazos máximos de pagamento e inscrición no Rexistro de Contratos Alimentarios.
“A Lei da Cadea Alimentaria implica múltiples obrigas para os operadores de toda a cadea, e o seu incumprimento pode conlevar sancións de ata un millón de euros”, destacou ao respecto. Tamén abordou novidades lexislativas como a “Proposta de Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello polo que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais” e da súa incidencia ou implicacións na aplicación da Lei da Cadea Alimentaria.