O Pazo de Lourizán rehabilitarase para uso do sector forestal

O Consello da Xunta acorda destinar 18 millóns de euros á recuperación da instalación, que se espera que estea operativa no 2026

O Pazo de Lourizán rehabilitarase para uso do sector forestal

Pazo de Lourizán. / Arquivo (Bene Riobó).

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou tralo Consello da Xunta que se aprobou destinar un total de 17,9 millóns de euros “á restauración” do Pazo e o predio de Lourizán, en Pontevedra, así como a “deseñar o seu programa de usos e actividades”. Deste xeito, a Administración autonómica actuará de inmediato, tras asumir a titularidade das instalacións –algo que está previsto que se formalice proximamente– para pór en valor este patrimonio que, segundo resaltou Rueda, destaca “polo seu valor histórico e natural”.

O Pazo de Lourizán atópase nas proximidades do Centro de Investigación Forestal de Lourizán e do Centro de Formación Agroforestal de Lourizán. En conxunto, estas tres instalacións e a finca que as alberga constituirán o que a Xunta denomina ‘Campus Lourizán’, que se quere convertir no principal centro da comunidade en formación, investigación e divulgación forestal.

As primeiras actuacións prevén a restauración do edificio histórico, así como dos itinerarios e instalacións que hai no xardín botánico; habilitar unha sala polivalente de conferencias nun novo edificio de madeira e ábrese a posibilidade “a dedicar parte da edificación do Pazo a aloxamento turístico ou de restauración”.

En paralelo, impulsarase un ecosistema de estudo e análise estatístico, investigación, formación e divulgación forestal. Será un espazo de encontro entre os axentes públicos e privados da cadea forestal galega, potenciando nas súas instalacións a transferencia do coñecemento ao ámbito empresarial.

As actividades principais de investigación complementaranse cun programa ampliado de divulgación e formación, regrada e non regrada.Crearase ademais unha incubadora para empresas forestais.

Características e historia do Pazo

O predio de Lourizán atópase no lugar de Herba Longa, na parroquia de Santo André de Lourizán, no concello de Pontevedra. Trátase dunha superficie de 46,55 hectáreas de extensión, formada por 4 parcelas catastrais. O seu propietario máis famoso foi o político galego Eugenio Montero Ríos, que adquiriu a propiedade xunto coa súa esposa Avelina Villegas no ano 1879 e que foi quen encargou a Jenaro de la Fuente a reforma e deseño do pazo como unha residencia de verán pola que pasaron importantes personalidades da época. Nos seus salóns negociáronse cuestións políticas de máximo interese, como o Tratado de París de 1898, polo que se cederon as últimas terras coloniais que quedaban: Porto Rico, Filipinas, Cuba e Guam.

No ano 1943 o predio de Lourizan foi mercado a través de escritura pública pola Deputación de Pontevedra e sucedéronse continuados convenios de colaboración polos que o edificio estivo vinculado a un uso científico e formativo (capacitación agraria).

O 6 de xullo de 2022 a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia asinan un Protocolo xeral de intencións para a transmisión da titularidade do predio de Lourizan e da Escola de Cantería de Pontevedra á Comunidade Autónoma de Galicia, un proceso que se espera que culmine en datas próximas.

O conxunto do predio de Lourizán está formado pola Escola de Capataces-CFEA, o Centro de Investigacións Forestais-CIF, a Rede de Observación Ambiental de Galicia, o Pazo e as súas construcións anexas e, finalmente, o Arboreto, que reúne un extraordinario elenco de especies de plantas, flores, arbustos e árbores plantados no predio desde o século XIX ata a actualidade.

O Pazo de Lourizán forma parte do Catálogo do patrimonio cultural de Galicia en virtude do artigo 30 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e conta cun nivel de protección integral no vixente planeamento urbanístico do termo municipal de Pontevedra, ao estar recollido no Catálogo de edificacións e elementos para conservar da cidade e do medio rural de Pontevedra, aprobado o 28 de abril de 1994. Tal e como adiantou o presidente, a previsión “é comezar as obras de rehabilitación este ano e que estean finalizadas no 2026”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información