O lume levouse este verán máis de dez anos de traballos e desvelos da comunidade de montes do Viso, en Redondela (Pontevedra), ao pé da Ría de Vigo. Perdeu máis da metade da súa superficie, arredor de 70 hectáreas dun total de 125. Boa parte da zona afectada xa sufrira un gran incendio no 2006. Tras aquel lume, os comuneiros esforzáranse en rexenerar o lugar, en retirar a madeira queimada e en ir facendo claras e limpezas. O seu traballo comezaba a dar froitos. Tiñan xa piñeiros de 9-10 anos que daba gusto velos. Agora deberán comezar de novo. Outra vez.
Un dos grandes problemas da comunidade de montes é que viven ó lado dun polvorín. A veciña comunidade de Soutomaior, de onde lles chegou o lume este verán, está nunha das 67 parroquias que hai en Galicia catalogadas como de alta actividade incendiaria. Nos últimos 5 anos tiveron 37 incendios e este ano repetiuse o problema. “Houbo alomenos outros catro focos antes do lume que nos entrou a nós”, lembra o presidente da comunidade do Viso, Álvaro Durán.
O incendio que entrou no Viso viña de Soutomaior, unha parroquia catalogada como de alta actividade incendiaria
Á quinta foi a vencida. Cando o 10 de agosto se desatou o lume de Soutomaior, sopraba forte o vento do nordés e xa non houbo xeito de parar as lapas, que acabarían calcinando un total de 300 hectáreas. O lume entrou na comunidade de montes do Viso atravesando por un cortalumes que, en realidade, estaba cuberto de mato e xa non existía.
Xestión dos montes
“Probablemente tivese entrado o lume igual, porque o vento sopraba moito” -recoñece Álvaro Durán-, “pero a realidade é que a comunidade de Soutomaior non tiña o cortalumes ben xestionado e, en xeral, todo o seu monte estaba moi abandonado. Non se vía que fixeran limpezas de pistas nin traballos no arborado”, cuestiona. “En casos así, cando hai montes veciñais sen xestión, a Xunta tería que preocuparse e tomar medidas”, considera.
Na comunidade do Viso esforzábanse en manter o monte nas mellores condicións posibles, pero de nada serve, valoran, se unha e outra vez lles chegan incendios de fóra, como sucedeu no 2006 e como volveu pasar este agosto.
Dado que os fondos dos que dispón a comunidade son escasos, O Viso optou por conveniar parte do monte coa Administración, para que fose a Xunta a que xestionase o que eles non daban feito. “Da zona que ardeu -recapitula Álvaro Durán-, hai unhas 50 hectáreas que estarían na parte conveniada e outras 20 que levabamos nós directamente. Na parte que levabamos nós, faciamos todos os coidados e silvicultura que podiamos. Máis do 90% dos ingresos da comunidade reinvístense no monte”, explica.
Da parte conveniada coa Administración, Álvaro valora que “algo tiñan feito”, aínda que tamén considera que podía ter sido máis. “Sempre nos din o mesmo, que non lles chegan os fondos para facer todo o que habería que facer”, cuestiona.
Axudas
Para este verán, a comunidade de montes tiña planificados traballos de prevención de lumes a través das axudas que convoca cada ano a Consellería do Medio Rural. O problema foi que, chegado o verán e pasado o incendio que lles queimou o monte, aínda non se resolveron esas axudas. Outras comunidades da provincia de Pontevedra viviron a mesma situación no 2015. “É unha cuestión que se debería correxir. Cando pasa o verán e a época de risco, non ten sentido facer eses traballos”, opinan.
A comunidade de montes tiña solicitadas axudas para prevención de lumes que, chegado o verán e pasado o incendio, aínda non se resolveron
Agora que o monte está queimado, na comunidade do Viso xa pensan na súa recuperación. “O primeiro é que a Administración acometa traballos para previr a erosión e que non haxa arrastres de cinzas coas choivas, pois poden perxudicar ós mananciais de auga e ós bancos marisqueiros da ría”, sinalan.
Retirada da madeira
O segundo paso será a retirada da madeira queimada, principalmente piñeiros e en menor medida eucaliptos. Na zona afectada no Viso había un 15 por cento de arborado adulto, xa en turno de corta, que a comunidade pensa que terá boa saída, aínda que sexa a baixo prezo.
O problema está no outro 85% do arborado, que se rexenerara tras o incendio do 2006 e que aínda estaba lonxe de ser aproveitable para madeira. “Ninguén ten interese nese arborado. Xa nos puxemos en contacto con empresas de biomasa, pero están saturadas e non queren saber nada”, explica o presidente da comunidade da montes.
“Non pode haber encubrimento de probables incendiarios dos nosos montes. Os veciños teñen que denunciar”
O escenario que se lle presenta ós comuneiros é o de pagar pola retirada da madeira. Ás perdas do lume e á descapitalización na que queda a comunidade, haberá que sumar os gastos de rexeneración do monte que se lles veñen enriba. “Quedamos moi desanimados polo lume” -recoñece Álvaro Durán- “pero queremos recuperar o monte. Que sucede? Que vémonos sos. Anunciouse que ía haber axudas para as comunidades de montes afectadas pero non sabemos nin cando nin como serán”, valora.
Os comuneiros demandan máis información e apoio da Administración e menos “burocracia e lentitude”. Tamén teñen unha petición para o conxunto da sociedade. “Non pode haber un encubrimento das persoas que incendian os nosos montes. Se hai coñecemento de probables incendiarios, os veciños teñen que colaborar na súa localización”.