O Goberno convocará 17 millóns de euros en axudas para proxectos agroalimentarios innovadores

O Goberno convocará 17 millóns de euros en axudas para proxectos agroalimentarios innovadores

O Consello de Ministros autorizou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) a convocatoria de tramitación anticipada de subvencións a proxectos innovadores de interese xeral a executar por grupos operativos supraautonómicos, cun orzamento total de 17.055.367 euros.

O obxectivo é apoiar iniciativas xurdidas no propio sector agroalimentario e forestal para dar resposta a retos e oportunidades en materia de seguridade alimentaria, diversificación das producións e produtos e subministración de materias primas para usos alimentarios e non alimentarios.

A convocatoria lanzarase durante o último trimestre de 2020 dentro do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020. Con esta medida apoiarase a creación destes grupos supraautonómicos, así como a execución dos seus programas de traballo. O límite máximo de axuda por agrupación beneficiaria fixouse en 600.000 euros e os proxectos deberán finalizar antes de marzo de 2023.

Poderán solicitar as subvencións aquelas agrupacións de, polo menos dous membros independentes entre si, que teñan carácter supraautonómico ou sexan de ámbito nacional e conciten distintos perfís profesionais (agricultores e gandeiros, selvicultores, interprofesionais, investigadores ou centros tecnolóxicos, universidades, industrias agroalimentarias ou da madeira e outros produtos forestais, ONG ou grupos de acción local, entre outros).

Esta convocatoria será a terceira en lanzarse tras as que tiveron lugar en 2018 (12 millóns de euros) e 2019 (25,5 millóns).

Así, os esforzos nesta terceira convocatoria céntranse en aspectos tan sensibles como a sanidade animal, o medioambiente e a adaptación ao cambio climático, a agricultura de precisión, a monitorización de cultivos e predición da colleita, a bioeconomía circular e mellora da cadea de valor, entre outros.

Xornada informativa sobre esta convocatoria de axudas o próximo 23 de outubro

Dentro destas liñas de traballo, cabe destacar o destino de  4,2 millóns a financiar proxectos innovadores cuxos obxectivos principais sexan a interoperabilidade, o uso de datos de consumo ou a implantación de laboratorios vivos (living labs) dentro do plan de acción 2019-2020 da Estratexia de dixitalización do sector agroalimentario, forestal e do medio rural.

O obxectivo é abordar de forma conxunta problemas concretos desde un enfoque multisectorial e partindo dunha idea innovadora. As agrupacións que resulten beneficiarias pasarán a denominarse “grupo operativo supraautonómico”.

O próximo 23 de outubro organizarase unha xornada informativa dixital sobre aspectos xerais da convocatoria e cuestións prácticas, dirixida aos solicitantes destas axudas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información