“O futuro dos viños de Borgoña é ser referencia mundial en sustentabilidade”

Entrevista a André Ségala, presidente do Bureau interprofessionnel des vins de Bourgogne  (BIVB), a organización interprofesional dos viños de Borgoña, unhas das máis prestixiosas rexións vitívinícolas do mundo.

Publicidade
“O futuro dos viños de Borgoña é ser referencia mundial en sustentabilidade”

André Ségala, presidente do Bureau interprofessionnel des vins de Bourgogne  (BIVB). Foto: Pierre Bourdis (INNWEO)

Borgoña é unha rexión vinícola de Francia que, do mesmo xeito que Galicia, atópase nunha zona límite para a viticultura e que tamén se caracteriza polo pequeno tamaño das súas parcelas e a gran variedade de microclimas.

Esta rexión vitivinícola, unha das máis prestixiosas de Francia e do mundo, xunto con Bordeus e Champaña, ocupa unha superficie dunhas 25.800 hectáreas, nas que producen sobre 1,8 millóns de hectolitros ao ano e xeran un valor superior aos 1.400 millóns de euros.

André Ségala, presidente do Bureau interprofessionnel des vins de Bourgogne  (BIVB), a organización interprofesional dos viños de Borgoña, fala nesta entrevista sobre o presente e o futuro desta rexión vitivinícola.

Cal é a radiografía actual dos viños de Borgoña?
Borgoña produce uns 180 millóns de botellas ao ano, cun volume de negocio de 1.400 millóns de euros. O 50% das nosas vendas son para a exportación.

En canto á vendima 2015, foi unha anada de calidade. As transaccións a granel mantivéronse nunha escala que oscilou desde os 400 euros para as denominacións rexionais aos 50.000 euros a peza, para os Grands Crus Rares.

No século XIX os viños de Borgoña sufriron os erros da sobreproducción e dos baixos prezos. Que cambios se realizaron para pasar a ser un referente mundial de calidade e prestixio a nivel mundial?
Desde a posta en marcha das denominacións en Francia no ano 1936, e mesmo antes, Borgoña orientou o seu desenvolvemento prestando atención á evolución da produción, que permanece limitada, e sobre todo primando a calidade. A característica do noso viñedo é a alta densidade das plantacións e das parcelas, que constitúe o ADN de Borgoña, e está na orixe das numerosas denominacións e tipos de viños existentes na nosa rexión.

En Borgoña contan con máis de 100 denominacións de orixe. Non resultan demasiadas?
Borgoña estrutura as súas denominacións en catro niveles: denominacións rexións, pobos, Premiers Crus e Grands Crus. Trátase dunha xerarquía cualitativa e de aptitude para o envellecemento do viño que resulta perfectamente clara para os consumidores. Cada denominación é identificada, principalmente por un pobo, no cal se poden atopar 2, 3 e mesmo 4 niveis de denominación (por exemplo: Gevrey-Chambertin, Gevrey-Chambertin Permier Cru e Chambertin Grand Cru).

Un dos anuncios publicitarios dos viños de Borgoña leva por lema “pequenas parcelas, grandes saberes, gran fama”. Por que consideran positivas as pequenas plantacións en Borgoña?
Esta campaña expresa moi ben a realidade da Borgoña: aquí cada parcela ou microclima produce un viño moi específico. As súas características propias, engadidas ás prácticas do viticultor, permiten obter un viño único. A multitude de parcelas dan lugar a unha multitude de viños de características diferentes, o que constitúe a fonte dun gran interese para os consumidores.

 “Limitamos o uso de abonos químicos e de maquinaria no viñedo”

Borgoña é unha inmensa biblioteca enológica, con miles de viños, que se enriquece cada ano cunha nova anada.

Nas plantacións modernas, a densidade de plantación, o sistema de poda ou de condución adáptanse ao traballo mecánico do tractor. Por que en Borgoña priorizan máis o solo que a mecanización?
Para Borgoña, o respecto polo terroir, e sobre todo a súa preservación, é o esencial. O traballo do viticultor céntrase no mantemento dunha vida microbiolóxica rica do solo e dunha relación solo/planta que favoreza a expresión do terroir. Neste sentido, os profesionais prestan moita atención para limitar o uso de insumos e a utilización de maquinaria.

Cal é a estratexia dos viños de Borgoña para os próximos anos?
O obxectivo de Borgoña é ser a referencia mundial dos grandes viños nados dunha viticultura sustentable. A nosa prioridade é preocuparnos da preservación da viña fronte aos problemas de deterioración ambiental e, desde hai varios anos, ao cambio climático. Estamos moi comprometidos co
desenvolvemento sustentable para asegurar no futuro unhas condicións de produción satisfactorias, tanto en cantidade como en calidade.

E todo isto debemos facelo en Borgoña de forma colectiva porque non existen solucións individuais. Necesitamos medios para difundir a información, para comprar material en común…etc.

“O futuro da viticultura en Europa pasar por seguir producindo viños diferenciados”

Como considera que será o futuro da viticultura europea ante a progresiva liberalización dos dereitos de plantación e a competencia de países emerxentes como Chile, Australia ou China?
A viticultura europea poderá manter a súa posición no mercado se permanece fiel ao que a diferenza; é dicir, a calidade e a especificidade dos viños que produce. Europa debe permanecer atenta á evolución do mercado e, en concreto, á demanda dos consumidores en termos de accesibilidade, de transparencia, de compartir e de emoción. En definitiva, a viticultura europea debe continuar innovando para ter en conta a evolución da súa contorna e, sobre todo, o cambio climático.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información