O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude, localizado no concello coruñés de Boqueixón, vén de acoller unha xornada formativa sobre a técnica de cultivo in vitro e os microenxertos aplicados á fruticultura, enmarcada no ciclo de grao medio de Produción Agropecuaria -impartido neste CFEA-.
O alumnado deste ciclo puido participar en varias actividades preparadas para un mellor entendemento das técnicas empregadas para a produción de froiteiras e de como estas melloran a calidade da froita que van producir os futuros fruticultores. Este tipo de actividades complementarias teñen como obxectivo que os alumnos poidan participar en sesións prácticas e reais de tarefas que se realizan en laboratorio para logo poder aplicalas á produción de froiteiras.