Novo procedemento oficial para verificar a aptitude dos viños galegos con Denominación de Orixe

A Xunta establece unha normativa pioneira para a verificación por parte dos consellos reguladores da aptitude dos viños de denominacións de orixe

Publicidade

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se establece a normativa para a verificación da aptitude dos viños das denominacións de orixe protexidas de Galicia polos seus consellos reguladores. Establécese así un procedemento, aínda máis rigoroso e detallado, para a comprobación, para cada partida de viño, do cumprimento das características específicas recollidas na normativa de cada denominación de orixe, tanto das físico-químicas como das organolépticas.

A normativa recolle que para a verificación da aptitude físico-química, os consellos reguladores utilizarán os servizos de laboratorios debidamente acreditados segundo a norma internacional ISO/IEC 17025:2017. Por outra banda, a verificación organoléptica farase, como ata o de agora, a través dos paneis de cata destes organismos, compostos por persoas profesionais do sector, pertencentes na súa maioría a ámbitos da enoloxía e a produción vitivinícola, que teñen un amplo coñecemento dos viños de cada denominación de orixe.

As catas, nas que se verifican as características organolépticas en tres fases -visual, olfactiva e gustativa- así como a súa harmonía, complementan as análises de laboratorio e permiten que haxa un mecanismo de control, seguimento e garantía avaliado pola experiencia profesional das persoas catadoras, que proporcionan ás empresas operadoras unha opinión cualificada da idoneidade dos seus viños e contribúe a unha mellora cualitativa continua dos viños da DO. Por isto, as catas son un mecanismo de garantía amplamente respectado dentro do sector.

A actualización da normativa pretende reforzar o sistema da comprobación do cumprimento das características que deben cumprir os viños galegos con denominación de orixe e establecer unhas pautas comúns na forma de realizar esta comprobación por parte dos diferentes consellos reguladores. Ademais, búscase facilitar o mantemento da acreditación dos consellos reguladores como organismos de certificación do produto.

Esta normativa será de obrigatorio cumprimento a partir do 1 de abril de 2024, dando un período transitorio previo para que os cinco consellos reguladores vitivinícolas de Galicia poidan informar, formar e adestrar aos seus paneis de cata.

Enlace á orde no DOG

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información