Mouriscade convértese no laboratorio de referencia para analizar mostras de millos forraxeiros en fase de estudo

Os datos obtidos neste centro contribuirán ao avance técnico destas variedades, empregadas para a alimentación gandeira, que estarán a disposición dos agricultores nos vindeiros anos

Mouriscade convértese no laboratorio de referencia para analizar mostras de millos forraxeiros en fase de estudo

O Laboratorio de Mouriscade (Lalin), dependente da Deputación de Pontevedra, analizará as mostras de millos forraxeiros que se atopan en fase de estudo no Rexistro de Variedades Comerciais. Foi elixido para formar parte da Subdirección Xeral de Medios de Produción Agrícola e Oficina Española de Variedades Vexetais (OEVV), pertencente á Dirección Xeral de Producións e Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

A valoración da calidade dos millos forraxeiros é de especial significación, xa que estas variedades estarán a disposición dos agricultores nos próximos anos. Por iso teñen relevancia os datos que se consigan en Mouriscade, que contribuirán ao avance técnico das variedades de millos forraxeiros, utilizados para alimentación gandeira, e darán visibilidade a un traballo esencial. Neste senso, os estudos desenvolvidos pola Subdirección Xeral de Medios de Produción Agrícola e a Oficina Española de Variedades Vexetais fortalecen a cadea de rexistro de variedades, proporcionando aos agricultores acceso a produtos de alta calidade, apoiados agora polos servizos de análise de Mouriscade.

A OEVV abarca a obtención, avaliación e o rexistro de variedades, asegurando dereitos de propiedade, comercio e harmonización entre produtores e consumidores. Tamén supervisa a produción e comercialización de sementes e plantas de viveiro, así como a conservación sostible de recursos fitoxenéticos. Este organismo lidera a regulación integral das variedades vexetais en España e con este enfoque completo garante un ciclo eficiente que contribúe ao desenvolvemento sostible e a innovación na agricultura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información