Medio Rural recuperará do abandono 45 hectáreas no concello pontevedrés de Crecente para dedicalas a viñedo

Publicidade
Medio Rural recuperará do abandono 45 hectáreas no concello pontevedrés de Crecente para dedicalas a viñedo

A Xunta investirá 5,3 millóns de euros o vindeiro ano para seguir desenvolvendo as ferramentas da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, caso dos polígonos agroforestais ou as aldeas modelo, destinadas a poñer en valor parcelas en situación de abandono ou infrautilización.

Así o trasladou este sábdo o conselleiro do Medio Rural, José González, que mantivo unha reunión con veciños de cara á implementación dun polígono agroforestal no concello pontevedrés de Crecente, na que estivo acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e polo alcalde da localidade, Julio César García-Luengo.

O titular de Medio Rural destacou que a posta en marcha desta norma contribuirá tanto a xerar actividade económica no agro como a fixar poboación, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais, ao servir esta actividade de devasa natural fronte os lumes.

Cultivo de viñedo

Neste caso concreto de Crecente, o conselleiro avanzou que este polígono, localizado no lugar de Mandelos, abranguerá unha superficie dunhas 45 hectáreas, distribuídas en 391 parcelas de 183 propietarios e estará orientado ao cultivo de viñedo, para dar servizo á denominación de orixe Rías Baixas.

José González explicou ademais que esta ferramenta dos polígonos céntrase na volta á produción de grandes áreas de terra potenciando os tres usos do chan -agrario, gandeiro ou forestal- segundo o tipo de cultivo máis acaído ou con maior tradición en cada zona (neste caso, o viñedo).

Iniciativa da Administración ou de particulares

O conselleiro advertiu que a iniciativa de levar adiante un polígono pode ser da Administración ou de particulares, requirindo o acordo de propietarios (ou representantes dos dereitos de uso) de cando menos o 70% da superficie do perímetro do proxecto. Destacou tamén que a Administración controlará en todo momento o acaparamento de terras con sistemas como a limitación da porcentaxe de participación dun mesmo interesado, entre outras cuestións, xa que a Lei de recuperación contén un artigo exclusivamente centrado na materia.

Así mesmo, González lembrou que a norma establece que cos polígonos agrogandeiros e forestais se poderán producir cambios de titularidade por compravendas ligadas á posta en marcha do proxecto e tamén contratos de arrendamento entre os propietarios e os interesados en poñer a producir esas terras. Dentro desta figura, engadiu o conselleiro, establécese tamén a dos polígonos cortalume, que procuran a xestión do territorio agroforestal co fin de anticiparse aos incendios convertendo as devasas en espazos nos que a prevención de incendios se combinará coa posta en valor destas zonas.

Na mesa liña, José González apuntou que, ao abeiro dos polígonos, reestruturaranse as parcelas para que teñan un tamaño suficiente que garanta a rendibilidade en función dos cultivos, dando prioridade ás explotacións galegas instaladas que demanden base territorial. E resaltou que, no caso dos polígonos de iniciativa pública, serán zonas prioritarias as de concentración ou reestruturación parcelaria rematadas que presenten un abandono superior ao 50%, as áreas cortalume e aquelas nas que se acredite a disposición de compromisos de adhesión ao proxecto, que deberán supoñer unha superficie mínima do 70 por cento das terras incluídas no perímetro proposto.

Entre as restantes zonas, darase carácter preferente ao desenvolvemento de proxectos de polígonos agroforestais cando concorran circunstancias como que se trate de zonas de elevada aptitude agropecuaria delimitadas no catálogo de solos agropecuarios e forestais que se atopen en situación de especial abandono. Tamén, cando se procure a ampliación da base territorial das explotacións existentes mediante o acceso a terras estremeiras en situación de abandono ou infrautilización ou con usos ou orientacións non conformes coa cualificación feita no catálogo de solos agropecuarios e forestais de Galicia.

Así mesmo, terá preferencia a recuperación e posta en valor de terras acaídas para producións acollidas a indicacións xeográficas protexidas e denominacións de orixe protexida, así como para producións que estean a optar a ese recoñecemento ou calquera outra marca de garantía de calidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información