A directora xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, reuniuse este mércores en Santiago con gandeiros do sector cunícola, acompañados por un representante de Unións Agrarias.
Nesta reunión, a directora informoulles das xestións realizadas desde o último encontro con este colectivo. Así, faloulles das axudas á moratoria dos préstamos que as explotacións do sector cunícola teñan contratados con entidades financeiras, vinculados coa mellora de explotacións e incorporación das persoas novas á actividade agraria. A axuda consiste no pago do importe dos intereses que correspondan ata dous anos de carencia na amortización destes préstamos.
Por outra banda, Belén do Campo comprometeuse a estudar o incremento da porcentaxe de axuda que achega a Consellería para a retirada de cadáveres neste sector, dado o incremento do custo que se deu nestes últimos anos, por encima da medida do resto de sectores.
Os produtores consideran insuficientes as axudas
Por parte dos produtores, “recoñécese e agradece o esforzo por parte da Consellería, pero non podemos máis que queixarnos e reiterar que estas medidas son insuficientes”, asegura María Antonia, unha produtora presente a reunión.
En concreto, os produtores botan en falta axudas de mínimis “que supoñen unha axuda necesaria nestes momentos porque o que falta nas granxas é liquidez para facer fronte aos pagos do penso, principalmente”. Neste sentido, María Antonia lembra que “Navarra, País Vasco, Cantabria están a facer un esforzo e dando as axudas de mínimis”.
Tamén pediron un esforzo á Consellería para subvencionar a recollida de cadáveres, “que noutras comunidades, como Cantabria, esta subvencionado ao 100% ou en Cataluña a bonificación subiu un 5%”.
Outra das demandas que lle trasladaron á directora xeral de Gandería foi a necesidade de implantar algunha forma de axuda na liña de renovar xenética nas granxas, “pois a base de diminuír os gastos descoidamos a renovación e investimento en renovar a xenética e mellorala”, segundo recoñece María Antonia.
Por último, pediron á Consellería do Medio Rural que poñan en marcha campañas de promoción da carne de coello.