Medio Rural anuncia a próxima presentación da Estratexia de Dinamización do Sector Cárnico

Medio Rural anuncia a próxima presentación da Estratexia de Dinamización do Sector Cárnico

Reunión do conselleiro coa asociación Gandeiros Galegos de Suprema.

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo unha reunión en Lugo coa asociación Gandeiros Galegos de Suprema co obxectivo de presentarlles as liñas de traballo da súa Consellería para o sector. González destacou a próxima presentación da Estratexia de Dinamización do Sector Cárnico e lembrou os 17 millóns de euros de axudas directas que habilitou a Xunta para o sector da carne.

As axudas da Xunta, que complementan ás do Goberno central, puideron solicitarse mediante anticipo bancario -sen custo para as granxas- ata o pasado 15 de setembro. As explotacións que non solicitaran o anticipo poderán igualmente pedir a axuda na convocatoria que sairá no 2023.

Marco estatal de axudas
A este respecto, o ministro de Agricultura, Luis Planas, recordou onte nunha rolda de prensa que tódalas comunidades autónomas poden destinar ata un 5% dos fondos non gastados de desenvolvemento rural para axudas suplementarias ós sectores afectados polo aumento de custos de produción.

En canto ás axudas estatais pola crise, que se pagan por defecto a tódalas explotacións sen necesidade de solicitude previa, Planas incidiu en que ten a disposición das comunidades os fondos correspondentes ás axudas para gandería. O ministro advertiu de que hai comunidades que aínda non abonaron eses fondos e puxo énfase en que “teñen que estar pagados antes do 30 de setembro”.

Campaña de Ternera Gallega
Na xuntanza do conselleiro en Lugo, abordouse tamén a campaña de promoción de Ternera Gallega Suprema que se lanzará este outono a nivel estatal. A iniciativa contará cun orzamento de 1,4 millóns de euros, a metade aportados pola Xunta.
A maiores, na reunión tratáronse outras liñas de traballo, como o protocolo de entendemento asinado por toda a cadea en marzo deste ano para rematar coa venda a perdas da carne.

González, por último, quixo poñer en valor as posibilidades que ofrece a Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia para aumentar a base territorial das explotacións. O conselleiro sinalou que se están a mobilizar xa 9.300 hectáreas a través de 21 aldeas modelo e outros 21 polígonos agroforestais en distintas fases de execución. Tamén se referiu ó plan de pasteiros en montes veciñais, que prevé habilitar 2.250 hectáreas de pastos en catro fases.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información