Liñaza, un ingrediente clave para conseguir un mellor cebo dos tenreiros

Unha investigación do CIAM amosa os beneficios que ofrece o aporte de liño e outras sementes oleaxinosas para a crianza de tenreiros de Rubia Galega e os efectos deste ingrediente na calidade da carne. Coñecemos os detalles deste traballo

Liñaza, un ingrediente clave para conseguir un mellor cebo dos tenreiros

Gando de Rubia Galega do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

Producir carne de vacún más saudable. Ese foi o obxectivo da tese doutoral realizada pola investigadora Laura González e dirixida por Teresa Moreno, especialista en calidade da carne do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), en A Coruña. O seu traballo logrou obter carne de vacún de mellor calidade, ó conseguir mellorar a graxa dos becerros de cebo. Pero, como o lograron? O aporte de oleaxinosas na dieta dos tenreiros foi unha das claves.

Incluír oleaxinosas na última fase de cebo consegue transformar a graxa do becerro e contar cun maior aporte de omega 3 específicamente cando se emprega liñaza

A investigación conseguiu ofrecer carne de vacún cunha maior presenza de ácidos graxos desexados como os omega 3. Mellorar a graxa do vacún é unha das vías para revalorizar este tipo de carne, que está a atoparse nos últimos anos cunha baixada do consumo polo seu contido en graxa e por asociarse coa incidencia de enfermidades, pese ó alto valor nutricional desta carne, ó ser fonte de proteínas de alto valor biolóxico e de minerais como o ferro e o zinc. “Realizáranse diversos traballos centrados nos efectos do sistema de produción dos tenreiros de Rubia Galega, pero non se investigara os efectos sobre a calidade lipídica da graxa intramuscular e o enriquecemento de ácidos graxos poliinsaturados, como o ácido linoleico conxugado (CLA) e os omega3, ó suplementar a dieta con oleaxinosas”, apunta a autora na súa tese.

Ao mesmo tempo, esta alternativa na ración do gando permite seguir apostando por una alimentación dos tenreiros a base de pasto, case ata o seu sacrificio, e contar con carne de gran calidade, sen ter que botar man de sistemas máis intensivos.

Carne de Rubia Galega de mellor calidade

Os traballos centráronse na raza Rubia Galega, posto que son animais cunha carne magra debido á súa xenética e cun engraxamento tardío. “A Rubia Galega é unha raza de maduración tardía. Cando estes tenreiros se crían exclusivamente a base de pasto non se consegue unha adecuada infiltración da graxa, o que vai en detrimento da calidade da carne, por iso se adoita complementar a crianza cunha fase final de cebo a base de forraxe e concentrado”, explica Teresa Moreno, directora da tese.

O aporte de sementes oleaxinosas na ración permite que esta última fase do cebo, que obedece máis a un sistema intensivo, non contrarreste a crianza en base a pasto e leite dos primeiros meses e consiga mellorar de forma substancial a calidade da carne. “Se no acabado a base de concentrado se inclúen oleaxinosas vemos como mesmo melloran os índices nutricionais desta carne”, apunta Moreno.

A investigación realizouse con 125 tenreiros de Rubia Galega do rabaño experimental do CIAM

O estudo levouse a cabo con 125 tenreiros de Rubia Galega, 77 femias e 48 machos procedentes do rabaño experimental do CIAM. A investigación dividiuse en varios ensaios que se prolongaron durante un ano e nos que se empregaron uns 30 exemplares. Tódolos animais estiveron amparados pola Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, e da tipoloxía becerro, e dicir, tiñan máis dun ano. Unha parte deles foron xatos clasificados como de clase Suprema, aqueles que maman ata o sacrificio. Tamén contaron con animais destetados uns meses antes e cuxa fase final de engorde é a base de forraxes e concentrado. “Foi unha investigación meticulosa e detallada na que fomos afinando pouco a pouco os beneficios que ofrece incluír as oleaxinosas na ración destes animais”, comenta a investigadora.

Laura Gonzalez investigadora CIAM

A investigadora Laura González.

A liñaza, a mellor alternativa

Comezaron por ver os efectos de proporcionar aceites de oleaxinosas como a soia, o xirasol ou a liñaza na ración dos animais para logo averiguar se tamén había variacións ó empregalas como sementes. “Comprobamos que a semente extrusionada de liñaza era a mellor opción, a máis favorable, ó conseguir un mellor perfil lipídico das canais”, indica Moreno. En concreto, a carne dos becerros alimentados con liñaza tiña unha maior proporción de ácidos graxos poliinsaturados como os omega3 e de ácido alfa-linolénico.

Un aporte do 10%  de liñaza sobre materia seca na ración dos becerros abonda para mellorar as calidades da carne e a graxa

Así, as seguintes fases de investigación centráronse xa por completo na liñaza, analizando os efectos deste complemento con distintas racións e manexos. Os resultados amosan que abonda cun aporte do 10% de liñaza sobre o total de materia seca para conseguir os cambios no perfil graxo da carne. “Probamos tamén aportando un 5 e un 15 % sobre materia seca e comprobamos que o valor medio (dun 10%) era o que mellores resultados ofrecía. Un maior achegue non se traducía en cambios máis significativos”, detalla a investigadora.

Efecto do nivel de liñaza suplementado no concentrado (5 [L5], 10 [L10] ou 15% [L 15] sobre a composición de alfa-linolénico e do total de omega3 (% de ácidos graxos) na carne de becerros de Rubia Galega.

Efecto do nivel de liñaza suplementado no concentrado (5 [L5], 10 [L10] ou 15% [L 15] sobre a composición de alfa-linolénico e do total de omega3 (% de ácidos graxos) na carne de becerros de Rubia Galega.

Ademais, os traballos de investigación tamén concluíron que combinar o aceite de liñaza no concentrado cunha alimentación que mantén unha elevada proporción de pasto (entre o 40 e o 15% de materia seca) resultou ser a opción para lograr unha carne de mellor calidade. “Manter o pastoreo durante a fase de cebo tamén amosou unha composición de graxa máis saudable na carne, cunha maior proporción de alfa-linolénico e do total de ácidos omega3 e poliinsaturados, así como unhas relacións poliinsaturados/saturados e omega6/omega3 máis favorables”, explica Laura González.

Efecto do tipo de acabado (P, LP o LC) sobre a composición (% do total de ácidos graxos) de ácidos graxos poliinsaturados da familia omega3 así como sobre os índices nutricionais poliinsaturados/saturados (AGPI/AGS) e omega6/omega3 (n-6/n-3) da carne de becerros de raza Rubia Galega.

Efecto do tipo de acabado (P, LP o LC) sobre a composición (% do total de ácidos graxos) de ácidos graxos poliinsaturados da familia omega3 así como sobre os índices nutricionais poliinsaturados/saturados (AGPI/AGS) e omega6/omega3 (n-6/n-3) da carne de becerros de raza Rubia Galega.

Nesta investigación o pasto foi a base de trevo branco e encarnado. Os resultados permiten seguir apostando polo mantemento do pastoreo durante o cebo dos becerros para conseguir canais de mellor calidade, en liña coas directrices que están a marcar dende Europa, cunha aposta por sistemas de produción máis sostibles e respectuosos co medio ambiente e o benestar animal.

As investigadoras insisten en que é preciso non só ter en conta o aporte de oleaxinosas senón que cómpre prestar atención ó resto de compoñentes da ración. Recomendan proporcionar ós becerros unha forraxe de alto valor nutricional, un aporte mínimo de concentrado que permita o desenvolvemento axeitado dos depósitos graxos dos animais e adecuar a relación de concentrado e forraxe. “É importante proporcionar unha alimentación controlada e limitada de ambos recursos alimenticios”, explica González.

O aporte do liño na dieta dos becerros tampouco causou variacións no sabor da carne que puideran desaconsellar o seu uso. Así, esta opción amósase como unha vía para mellorar a calidade da graxa da carne e con ela tamén a propia valorización deste alimento. Porén, pese o incremento de ácidos graxos saudables que supón empregar a semente do liño, as cifras son aínda moi baixas con respecto doutros alimentos como para poder comercializalos indicándoo nunha etiqueta diferencial, tal e como sinalan as investigadoras. “Nestes momentos os valores de ácidos graxos poliinsaturados omega3 desta graxa están aínda lonxe dos sinalados polas directrices dun etiquetado diferencial e dos conseguidos por outros alimentos como o peixe azul, pero o resultado é unha carne máis saudable, xa que estes valores engádense ó seu aporte nutricional e mellórano”, explica Moreno.

O seguinte paso, Cachenas e vacas adultas

A graxa da carne de ruminantes ten un perfil complexo e diverso de ácidos graxos, presentando gran variedade de lípidos con diversa isomería xeométrica e posicional, estando presentes en concentracións moi variables e asociados con diferentes funcións estruturais, metabólicas e funcionais. Nesta investigación incorporouse unha metodoloxía analítica para a determinación de ácidos graxos que combina diversas técnicas como a cromatografía de gases, a cromatografía líquida de alta resolución e a espectrometría de masas, permitindo unha evaluación máis completa e precisa dos ácidos graxos presentes e os seus isómeros.

“A investigadora, mediante unha bolsa predoutoral, beneficiouse dunha estadía en Canadá durante a que profundizou na aprendizaxe destas técnicas analíticas avanzadas, o que nos permitiu a identificación e cuantificación de compostos específicos para analizar os perfís graxos e as variacións que se produciron cos cambios na dieta”, apunta a directora da tese.

Dende o Ciam agardan continuar esta liña de traballo tanto con vacas adultas como con outras razas de interese. Así, están pendentes de que se aprobe un proxecto centrado na raza Cachena e que poidan levar a cabo en colaboración con distintas ganderías galegas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información