O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (Mapa) iniciou o procedemento de audiencia pública do proxecto de real decreto sobre normas de sanidade e protección animal durante o transporte. Esta norma substituirá á normativa vixente. Durante este tempo de exposición pública solicitase a opinión dos cidadáns e das organizacións representativas do sector.
Desde a publicación do Real Decreto 542/2016, de 25 de novembro, sobre normas de sanidade e protección animal durante o transporte, o ministerio fixo un seguimento da súa implementación, a través dos resultados dos controis oficiais levados a cabo tanto polas autoridades competentes das comunidades autónomas como polos servizos veterinarios dos postos de control fronteirizos e puntos de saída. En base a este seguimento quedou patente a necesidade de introducir melloras no texto, co fin de garantir a protección dos animais durante o transporte.
“Tras a aprobación dun novo marco comunitario sobre controis oficiais, púxose de manifesto que existe unha marxe de actuación nos mecanismos dispoñibles á hora de establecer e implementar os controis oficiais”, detallan dende o Ministerio.
O novo decreto
O proxecto de real decreto establece novos requisitos, en especial aos organizadores que exporten animais vivos. A partir da súa entrada en vigor deberán rexistrarse e dispor dun plan de continxencia para actuar en caso de imprevistos.
En relación ao transporte en buques de gando, a nova norma concreta aspectos relacionados coa documentación e os prazos, tanto para a autorización dos buques como para a carga dos mesmos. Así mesmo, establécense requisitos específicos que deben cumprir os operadores que prestan servizos en portos e aeroportos para ser autorizados e rexistrados.
Tamén se establece a necesidade de dispor de formación específica a determinados operadores e incluiranse na Base de Datos Nacional (Sirentra) ás persoas que dispoñan de certificado de competencia, o que facilitará o control oficial.
“A nova norma suporá un gran avance para reforzar o benestar animal durante o transporte, actividade de gran relevancia no noso país, e dará resposta ás recomendacións que respecto diso se expoñen desde as institucións comunitarias”, apuntan desde o Ministerio.
O prazo para remitir suxestións finaliza o próximo 19 de xullo. A información sobre o procedemento para presentar propostas e modificacións pode consultarse aquí.