As ganderías do Norte de España estanse achegando á media europea en produtividade por animal, pero aínda están moi lonxe en base territorial. Se unha granxa en Europa conta con 51 hectáreas de media, no Norte de España a media quédase en menos da metade, 21,7 hectáreas. Un informe sobre a estrutura das explotacións lácteas de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e Navarra, subliña a prioridade de aumentar a base territorial das explotacións, cuestión na que o apoio público ós arrendamentos se presenta clave.
O aumento da base territorial supón un beneficio evidente, o fortalecemento dun sistema de produción baseado nas forraxes producidas na propia explotación. O gasto en concentrados das explotacións de maior tamaño do Norte de España sitúase entre os 12 e os 16 euros por 100 quilos de leite. A media europea quédase nos 9 euros.
Outra cuestión a ter en conta é que a asignación de dereitos de pago básico da PAC está referida á superficie da explotación e, dado o proceso de converxencia dos pagos unitarios rexionalizados, isto podería ser causa de que as ganderías con menos base territorial vexan mermados os seus ingresos da PAC.
Datos básicos das explotacións
As ganderías da zona Norte de España achéganse ás europeas en rendementos, pero a carencia de base territorial pesa na dimensión dos rabaños. A produción media por vaca sitúase no Norte en 7.323 quilos por lactación, oscilando entre os 4.491 quilos das granxas máis pequenas ata os 10.437 quilos de media das explotacións que superan os 500.000 quilos anuais.
É un dato similar ó da media española, 7.335 quilos por vaca e ó europeo, 7.488 Kg. /vaca, pero a distancia radica na dimensión das explotacións: 232 toneladas de produción media ao ano no Norte de España polas 323 toneladas medias no conxunto estatal e as 401 da UE-15.
Se se compara a produción media por hectárea, o informe recolle que nas comunidades autónomas do norte a media sitúase en 9.900 Kg./hectárea, cun abano que vai dos pouco máis de 3.000 das granxas máis pequenas ós 19.000 das de maior dimensión. A media europea sitúase en 7.800 quilos por hectárea, en tanto a media no conxunto do Estado está nos 12.500 quilos por hectárea.
Acceso á terra
O 62% da terra das explotacións da zona norte está en propiedade, en tanto o 27,8% está en arrendamento e un 9,2% cedida en precario. A maior tamaño de granxa, menor porcentaxe de terras en propiedade. As explotacións de máis de 500.000 quilos dispoñen de máis terras arrendadas (48,5%) que en propiedade (43,3%).
En Europa, a porcentaxe media de terras arrendadas chega ó 63%, en tanto no conxunto de España está no 46%.
Durante os últimos 10 anos, o 60% das granxas aumentou a súa base territorial, sendo a vía máis frecuente usada polas ganderías o arrendamento (usado polo 61% das que aumentaron terras), seguida da cesión (25%), a roturación de monte (24%) e a compra (20%).
Diversidade de granxas
As comunidades autónomas do Norte de España presentan unha gran diversidade de explotacións. As explotacións máis pequenas, con menos de 175.000 quilos de produción, representan o 60% do total. Xestionan o 37% da superficie agraria útil e producen o 20% do leite da zona. O outro extremo represéntano as granxas con máis de 325.000 quilos anuais, que son un 20% do total, pero producen o 60% do leite e ocupan outro 37% das terras agrarias.
As granxas de máis dimensión teñen unha intención maioritaria de permanencia no sector
A intención de permanencia no sector é maioritaria entre as explotacións de maior dimensión. Só se detectou un 5-9% de granxas con desexo de abandonar e en case un 60% dos casos teñen a sucesión garantida. Aproximadamente un 35% das granxas desexaban aumentar a súa produción e tiñan entre as súas prioridades o aumento da base territorial e a mellora do manexo da explotación.
Entre as granxas pequenas, a situación é a inversa. Hai unha maioría que pensa en abandonar e só un 20% ten o relevo garantido. Os datos corresponden a unha enquisa realizada na campaña 2013-2014. A evolución da situación confirma a vontade de abandono das granxas máis pequenas. Desde o remate da enquisa ata decembro do 2016, abandonaron un 14% das granxas do norte de España, se ben a produción de leite aumentou no mesmo periodo.
Contexto
O informe sobre a estrutura das explotacións do Norte de España elaborouse a partir de 461 enquisas, con máis de 100 preguntas, a granxas de diversos estratos de produción de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e Navarra. O traballo, coordinado polo Instituto Nacional de Investigación Agraria (Inia), contou coa participación do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo. As enquisas fixéronse maioritariamente na campaña 2013-2014, se ben o traballo foi aínda publicado recentemente.