Gandeiros de distintas partes de Galicia e Asturias coñeceron este mércores os resultados que a gandería Villameitide SL, de Trabada (Lugo), está a obter co sistema Procross de cruzamentos que está a levar a cabo desde o ano 2016.
Os asistentes puideron analizar os datos da granxa, asistir ao turno de muxido que se fai a mediodía (moxen tres veces ao día) e falar con Pepe Barcia e Álvaro Vázquez, os dous socios desta gandería para coñecer de primeira man a súa experiencia cos cruzamentos.
Comezaron por poñer touros montbeliard nas vacas e viking red nas xovencas
Villameitide SL decidiu comezar a cruzar o seu rabaño holstein hai 7 anos debido aos problemas reprodutivos e sanitarios que arrastraban. Comezaron por poñer touros montbeliard nas vacas e viking red nas xovencas e os resultados do vigor híbrido non tardaron en aparecer.
As vacas nesta explotación duran hoxe un parto máis, dous de cada tres animais quedan preñados na primeira inseminación e producen máis graxa e proteína sen baixar aos litros de leite.
Algúns datos da explotación:
- Dous establos, un en Vilarbetote (Trabada) para as vacas en produción e outro en Vilaronte (Foz) para a recría
- Cabana formada por 182 vacas adultas (157 en lactación) e 100 xovencas
- Produción diaria 41,1 litros ao 4,4% de graxa e ao 3,34% de proteína
- Xestión das terras (36 ha) e ración diaria de alimentación proporcionada pola cooperativa Clun
- 4 persoas a tempo completo para manexar a explotación
Contacto para Procross en Galicia:
Global Genetics
galicia@globalgenetics.es
619760916